mércores, 1 de febreiro de 2012

Censo na escombreira das Pontes. 1ª parte

Antes de nada, unha cousa previa. Cando botei andar este blogue decidín que se publicarían todos os comentarios sen aprovación previa e sen censura.
 Pero só pido unha condición: que a persoa autora do comentario teña a cortesía de presentarse. Aínda que se teña que subir o comentario como "Anónimo" por carecer de conta en Google, non hai desculpa para non asinar ao final co nome de pila, como mínimo.  Penso que é un detalle de educación básica. Isto non é un chat de adolescentes, onde se ecribe sen maiúsculas, sen signos de pontuación ou con "avatares", emoticonos e demais. O que non saiba escribir que non o faga aquí.
   E os que queiran escribir baixo psudónimo poden facelo en colunas da prensa ou dedicarse a publicar novelas. Pero no meu blogue, por favor, non.

 E agora, despois da publicidade, vamos coa entrada. Grazas.

 Este ano a Sociedade Galega de Historia Natural realizou por primeira vez o censo de acuáticas nos diversos humidais que se atopan dentro da mina e da escombreira de As Pontes. Ou sexa, o famoso lago e máis unha ducia de charcas de pequeno ou mediano tamaño que hai espalladas por toda a escombreira.

 Como me autorizaron a publicar as fotos pois intentarei percorrer con vós a zona, de titularidade privada por agora e polo tanto de acceso restrinxido.

 A visita comezámola eu e máis Pepe Vidal polo lago das Pontes, que nos recibíu cun día precioso, 2º C de temperatura, algún orballo, e un vento moderado que aumentaba a sensación de frío. Vamos, o que se dí un día ideal para censar e tomar fotografías....



Co nivel de auga en crecimento, a vexetación palustre aínda é moi escasa. A partir deste ano, a vida vexetal e animal iráse asentando paseniñamente. Por agora apenas había medio centenar de patos (Anas platyrhynchos, básicamente), 15 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis), e unhas poucas Garzas e Corvos mariños. Hai que destacar, iso si, a observación de 2 Biluricos alinegros (Tringa ochropus), pequena e solitaria limícola moi escasa como invernante pola nosa zona.

 Pero o mellor de todo non foi unha acuática, senón un fermoso Esmerillón (Falco columbarius) que se pousou na beira do lago. É o falcón máis pequeno de Europa, pouco maior cunha rula (pero ten unha mala hostia...buf!)


Este exemplar era unha femia (ou quizá xuvenil), como a maioría dos Esmerillóns que nos visitan.



 Logo comezamos a exploración das charcas e lagoíñas artificiais que hai na escombreira.

 De camiño, Pepe sacou unha foto a esta charca moi chula. Ao fondo, un recuncho do imponente lago, de cinco quilómetros de longo, e dous e pico de ancho. Bueno, ser... é unha mincha de lago comparado con calquera lago europeu, pero nestas terras nas que brillan pola súa ausencia, será algo único no futuro e ben merece un comentario


 A primeira charca que censamos foi a Charca de Pena Porreira, que é a balsa de decantación de lodos da mina. Prácticamente semella unha lagoa natural, cunha boa cobertura de vexetación palustre de Espadana (Typha latifolia) e moi pouca profundidade.  Desde logo ten unha pinta magnífica como lugar de reprodución para certas acuáticas. A ver se nos deixan volver na Primavera.




  Alí observamos un bando de 16+ Cercetas (Anas crecca), moi metidas entre a canaveira, e un grupiño de 7 Patos culler (Anas clypeata)


 E paro aqui, que teño que cear..

 Ata a próxima entrega!




2 comentarios:

  1. Muy chulas as fotos.J.Cancelo.

    ResponderEliminar
  2. Graciñas, Jorge. O clima non axudou moito aquel día tampouco.
    Alégrome de que deras co dos comentarios. Vémonos mañá no choio.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos