domingo, 11 de marzo de 2012

Comeza a migración na Frouxeira

 Tiña pensado facer unha entrada sobre a serra do Xistral, pero a actualidade ornitolóxica demanda unha entrada de última hora, debido ás novidades que están sucedendo na Frouxeira (Valdoviño-A Coruña). Porque unha das vantaxes que ten un blogue é a facilidade para informar en tempo case real sobre o estado das localidades.

Hoxe estiven alí na compaña de Antonio Guitérrez. Logo da marea de case cinco metros que houbo ás seis da mañá, o nivel da lagoa estaba moi ben, pero baixaba moi axiña, coma se dunha ría se tratase. Unhas condicións que favorecen moito a entrada de limícolas e anátidas nestas datas.


  Fixen un censo case completo, e isto foi o que vin:

 - 1 Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) no cinto de canaveira do Oeste.
- 14 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo). Os adultos amosan xa a bonita plumaxe nupcial en muslos e face.
- 6 Patos asubións (Anas penelope)
- Patos frisados (Anas strepera) e Alavancos (Anas platyrhynchos). Xa os censarei máis adiante, cando queden só os exemplares reprodutores.
- 96 Cercetas comúns (Anas crecca)
- 5 Cercetas albelas (Anas querquedula) polo menos. Catro machos e unha femia.
- 5 Patos rabilongos (Anas acuta)
- Varios Patos culleretes (Anas clypeata).
- 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) femia.

O máis interesante estaba no areal, que en cuestión de minutos, se foi enchendo de aves, a medida que a marea baleiraba a lagoa. Agora contabas 30 Choronas e, ao cabo dun momento, había duascentas... Isto foi o máis salientábel que había nesta zona:

 - 1 Píllara cincenta (Pluvialis squatarola)
- 44 Píllaras reais (Charadrius hiaticula). Éstas da foto aterrizaban perto de min en compañía duns Pilros..


 - 3 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
- 185 pilros comúns (Calidris alpina).



 A primeira hora, descansaban no dique de pedras que os "iluminati" decidiron construir na canle hai catro anos. Debe ser para o único que serve ese despropósito...


- 6 Mazaricos rabinegros (limosa limosa). Coincidíamos Antonio e máis eu no bonita que é esta limícola. Como el andaba con "digiscoping", prestoume o seu 400, e puiden sacar unha foto dos Mazaricos, que estban moi lonxe da nosa posición. No medio aparece tamén o primeiro Combatente (Philomachus pugnax) da temporada. É o bicho, máis pequeno, que está no centro das Limosa.


- 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus). Ave moi rara na Frouxeira pero que cada ano se deixa ver algo máis (iso...ou é que cada ano somos máis controlando e con mellores ópticas...) Antonio pasoume esta foto que debeu facer co telescopio, na que se ve moi ben o Bilurico (parte esquerda da foto).


- Moitas Gaivotas escuras (Larus fuscus). A primeira hora contei unhas 700, pero había moito movimento entre lagoa e mar.


- 3+ Gaivotóns (Larus marinus)
- 1 Gaivota cana (Larus canus). Veuna Antonio
- 270 Gaivotas choronas (larus ridibundus). Unha boa cifra desta gaivota para a localidade.
- 10 Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus). 8 delas adultas. Unha fermosura de aves vista de perto. Aproveitando que tiña o 400 de Antonio puiden pillalas ben.


 Ésta debe ser a miña observación máis numerosa da especie na Frouxeira, así de memoria.


- 3+ Carráns cristados (Sterna sandvicensis)

 De manterse este forte nordés, podemos ter uns días de paso animado nos próximos días. Un paso migratorio que, desde logo, vén moi cedo este ano.

 Ata outra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos