mércores, 25 de xullo de 2012

Ría de Ortigueira, 25 de Xullo

   Neste día das patrias (da galega e da española) un servidor, que non é especialmente patriota, foi contar limícolas á ría de Ortigueira. Quizá influíu que perdín todo interese pola política hai anos. Ou que observo a diario como patrias e estados perden poder diante da ditadura do Mercado. Unha ditadura que fai que podamos seguir consumindo coches, ordenadores, segundas vivendas e teleobxectivos Tamron, mentras un pobre cidadán moçambicano non pode pagarse a vacina da malaria, que lle salvaría a vida, porque vale un puto euro. Ou quizá é que non teño ganas de desprazarme nin ata a Alameda nin ata a Plaza de Oriente.

 A miña idea inicial era botar a mañá practicando co novo tele, pero como había preamar reiniciei o programa e pasei de Modo-foto a Modo-censo. Porque as preamares en Ortigueira son moi malas para a fotografía, pero bastante boas para censar, así que decidín inaugurar a "Temporada Outono 2012" de paso migratorio. Os patos concéntranse nestas alturas do ano nas rías galegas para realizar a muda e, ao mesmo tempo, os primeiros continxentes de limícolas migrantes engrosan os bandos que xa permaneceron con nós todo o verán (normalmente xóvenes). Directamente paso os datos que saquei hoxe:

- 395 Lavancos (Anas platyrhynchos). Censo conservador, pois moitos exemplares se meten entre as xunqueiras coa preamar. O resto dos conteos podémolos considerar igualmente censos mínimos.
- 77 Gabitas (Haematopus ostralegus)
- 8 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 386 Mazaricos reais (Numenius arquata)
- 262 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus). Poño unha foto tomada coa vella Fuji, que vai desfrutar próximamente dunha merecida xubilación antecipada...


- 60 + Mazaricos non identificados (N. arquata- phaeopus)
- 1 Mazarico rabinegro (Limosa limosa)
- 4 Mazaricos rabipintos (Limosa lapponica)
- 45 Biluricos claros (Tringa nebularia)
- 23 Biluricos comúns (Tringa totanus). Igualmente, esta foto foi coa Fuji, hai tempo.


- 2 Biluricos alinegros (Tringa ochropus). Aínda que resulta común nos humidais interiores ou de auga doce, non é demasiado frecuente na ría de Ortigueira. Esta foto si a fixen coa reflex e o novo obxectivo. Pero con 200 m de distancia e o sol de cara é moito pedir. A base de recurtar, e de photoshop case se distingue a especie.


- 7 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 1 Pilro groso (Calidris canutus)
- 3 Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephala) na ría.

 .. e, por suposto, non faltou unha Lontra (Lutra lutra) que quixo saudarme na enseada de Mera a mediodía.

 Saúdos

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos