sábado, 11 de agosto de 2012

Encoro das Forcadas, o refuxio dos Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)

   En condicións normais, nestas alturas do ano estaríavos contando batallitas do Delta do Ebre, dos Arribes do Douro, ou de Somiedo. Pero, por circunstancias da vida, este verán apenas podo saír lonxe e teño que limitarme básicamente á zona de Ferrol. Así pois, dispoño de bastantes ocasións para coñecer mellor os nosos cativos e mal conservados ecosistemas (non se conforma o que non quere, pensaredes...).

 O encoro das Forcadas, en Valdoviño, é un dos lugares máis interesantes nesta época. Aínda que segue moi cheo de auga, motivo que impide a presenza de limícolas, a poboación nidificante de aves acuáticas é das máis importantes da comarca. Hoxe pasei toda a mañá por aló.


  A primeira hora atopeime cun grupo de 10 Mergullóns cristados (Podiceps cristatus) descansando nunha enseada moi resgardada no lugar da Rañoa.


 Moito me temo que este ano os intentos de cría non saíron adiante, pois non vin aínda polos nin coñezo observacións doutros colegas. Este podicípedo é un recente colonizador do pantano, onde chegou a criar un número de 5 parellas (non lembro se foi en 2009 ou 2010, tería que mirar o cuaderno de campo)

Mergullón cristado (Podiceps cristatus)

 Os que si o fixeron, e en abondancia, foron os Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis). Para min a ave máis representativa, con diferenza, de Forcadas. De feito ten aquí unha das poboacións reprodutoras máis importantes de Galiza. Se queredes saber máis cousas do Mergullón pequeno en Ferrolterra podedes mirar unha entrada que fixemos en Biodiversidade Galega (hai que facer un pouco de publicidade, qué carallo).

 Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis), adulto con 3 polos

 Hoxe realicei un censo medio trapalleiro. Mentras teño o novo teleobxectivo nas mans, a verdade, custa centrarse en algo que non sexa fotografía. Ao final, como dí o refrán, "o que moito abarca, pouco apreta". E nin censei ben nin afotei ben (ún dos meus problemas no campo é a dispersión no que fago).  Ademáis o conteo prolongouse demasiado, ata mediodía. E a esas horas as aves estaban xa moi metidas entre a canaveira.
    A pesar de todo censei un total de 20 Mergullóns adultos. Entre eles puiden observar, sen apenas esforzo, 4 parellas con 2, 3, 3 e 2 polos, máis 1 parella chocando no niño e varios machos cantando. Calculo que podería corresponderse cun total de 12-15 territorios. Non está mal tendo en conta as circunstancias do reconto.


  Os poliños rebulían polas baías do encoro piando constantemente aos pais. E hai que dicir que os seus reclamos son sorprendentemente fortes! Antonte mesmo oíase piar un polo desde o outro lado da lagoa da Frouxeira case como se estivese alí mesmo, e falamos de 500 m. de distancia. Imaxino que ao reclamaren a tan pouca altura sobre a auga dase un efecto rebote sobre a superficie, que provoca que se escoiten os choriqueos desde o quinto pino.


 Visto de frente teñen un aspecto moi curioso. Nunca me fixara antes na forma do peteiro dos polos.. Xúrovos que o bicho da seguinte foto é o mesmo exemplar da foto anterior. E a que parece outra cousa?


 Tamén vin dúas parellas de Galiñola negra (Fulica atra) con crías, pero a especie pasa por horas baixas en Forcadas. Penso que o declive comezou cando desapareceron varios cinturóns de Xunco de lagoa (Scirpus lacustris).


 Debaixo mesmo destes invernadeiros había unha orla moi chula con Scirpus que desapareceu dun ano para outro. Quero pensar que os fertilizantes dos invernadeiros non teñen nada que ver...
 Ás Galiñas de río (Gallinula chloropus) vailles bastante mellor, aínda que tamén baixou a súa poboación. Hoxe observei bastantes adultos e xóvenes.

 E me despido cunha foto. Unha mostra do potencial do Tamron estabilizado.


 Nese momento estaba en modo Av, así que a velocidade a escollía a cámara. Logo, cando mirei a foto, vin que estaba tomada a 1/25 seg!!! Sen apenas trepidación. Unha palabra veume á mente entón: MAXIA.
  A todo isto, non sabía o que era o paxaro de marras. Nun primeiro momento deino por un Reiseñor bravo (Cettia cetti) pero, consultado un xurado de expertos en identificación, a conclusión unánime é que, tal como comenta Xabi Varela (membro do tribunal), se trataría dunha Folosa manchada (Locustella naevia). Un xuvenil, dado o estado da plumaxe, completamente nova. Qué aspecto tan distinto dos adultos nupciais!

 Un saúdo.

 PD: Joooder, como vai o Tamron éste.....

2 comentarios:

  1. Boas!Semella unha Lucostella naevia xuv. Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Pois a min tamén se me pasou pola cabeza, Xabi....pero non acabo de velo claro. A parte posterior e zona caudal sí que se parecen, pero a cabeza sobre todo, fáiseme moi diferente ás que eu vexo en Taraza. Recoñezo que eu só estou familiarizado coas Locustella de aquí en plumaxe nupcial, pero incluso para un xuvenil dunha subespecie oriental, a noto moi rara. Fíxate que non ten nin unha soa pinta ni8n risca na parte superior do manto nin na cabeza. Xa sabes que eu non dispoño de guías avbanzadas de plumaxes, pero pode haber realmente tanta diferenza?

    De todas formas xa che mandei ao correo (e a dous expertos máis) varias tomas diferentes da mesma ave, moi malas, para ver se sigues pensando o mesmo.

    Graciñas pola visita e polo comentario.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos