luns, 20 de agosto de 2012

Folosa acuática (Acrocephalus paludicola) na lagoa da Frouxeira

    Logo da experiencia vivida o sábado, decidín voltar por Valdoviño o domingo á mañá. Nesta ocasión fun até a lagoa da Frouxeira. E como estamos nunhas datas propicias para ver cousas curiosas, escollín para a visita a zona de dunas situada ao NW da lagoa, e as ribeiras correspondentes.

 Buscaba paseriformes migrantes típicos do lugar (Luscinia svecica, Philloscopus spp, Saxicola rubetra,...), aínda que as datas aínda eran un pouco temperás. Sen embargo A Frouxeira tíñame reservada unha sorpresa para hoxe. Coma se quixer premiar este blogue polo seu aniversario, regaloume unha desas observacións moi raras de obter: a Folosa acuática (Acrocephalus paludicola)


  Cando máis silencioso estaba todo, escoitei un reclamo descoñecido para min. Un reclamo de Papuxa (Sylvia) en plena xunqueira... era algo que me disparou a atención dos cinco sentidos, consciente de que se aveciñaba algo gordo.

  Axiña o vin, pousado entre unha xunqueira mixta de Phragmites australis de pequeno porte e de Juncus maritimus, pola ribeira NW da lagoa. O seu reclamo seco era moi diferente do habitual zumbido mecánico "trrrc" do seu parente A. schoenobaenus. En canto o vin, xa o percebín diferente. A forma de pousar, o feito de aparecer solitario nun hábitat relativamente aberto, a conduta (menos activa e máis tímida ca outros paseriformes de carrizal), os tons xerais máis areentos,... En fin, ese tipo de cousas difíceis de definir pero que axudan na identificación e que se coñecen no argot naturalista como "jizz".


 As seguintes dúas fotos están moi desenfocadas, pero testemuñan os rasgos diagnósticos desta especie, coma a risca clara no centro do curuto, e as bandas claras no lombo escuro.



  Intentei averiguar se habería máis individuos, pero non fun quen. A presenza dun pescador que chegou nese momento non me facilitou o labor. Por momentos pareceume que quizá se puidese tratar de varios exemplares, pero me foi imposíbel determinalo.


  Desde logo considérome un privilexiado por ter observado este paseriforme tan escaso a nivel europeu, e tan complicado de detectar. Porque habitualmente son únicamente aneladores os observadores que poden testemuñar a súa presenza; ou tamén "caza-rarezas" con gravacións de cantos (algo que eu non emprego, como xa teño dito). Pero resulta moi complicado velo de maneira casual.
   Aínda que eu xa tiña algunha observación desta especie na mesma zona, aló pola década dos oitenta, a de hoxe foi unha identificación moi clara, que me fixo moi feliz; sobre todo porque puiden afotalo para asi compartilo con todos e todas vós.



  Vaia fin de semana que me deu Valdoviño!! Primeiro a sesión de praia do sábado e logo isto. E o paso non fixo máis que comezar apenas.


8 comentarios:

  1. Tamén hai citas destos días por Burgos. Pero pilláchelo ben, para o complicados que son de retratar.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Olá aos dous.

    Faltáronme uns poucos reflexos para tirar unhas fotos máis chulas nun momento en que o tiña mi perto, pero non me queixo. Sei que estas cutre-fotos teñen un valor testemuñal moi interesante.

    Un consello. Teño observado, polos comentarios en Galiciaves, que as datas de aparición na Costa da Morte-Bergantiños-Valdoviño son moi parellas todos os anos. Tanto a nivel de limícolas, coma de terrestres (S.rubetra, Oenanthe, A.schoenobaenus,...). Eu de vós intentaría achegarme estes días até Baldaio ou Traba, que teñen hábitats moi parecidos a este da Frouxeira onde o localicei.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Chámolles "cutre-fotos", dou consellos para ver unha rareza,...¿En qué me estou convertendo?
    É o fin do mundo!

    ResponderEliminar
  4. Ola Xabi!

    Parabéns pola cita e polas fotos!!!
    Esta especie ademais é unha das de conservación máis delicada a nivel mundial das que se dan cita en Galiza. A súa presenza dá (aínda) máis valor á Frouxeira.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  5. Já vim, Damiám, já vim. Creio que foi na lagoa de La Nava, ou na sua página web. Um cartaz que informava da situaçom tan delicada da espécie.

    Se nom lembro mal, a maior poboaçom europeia está na Polónia, nom si?

    PD: comenta-me no pessoal os erros gramaticais que vejas. Levo tempo sem ussar o galego e estou-me a oxidar...

    ResponderEliminar
  6. Olá meu.

    Pois o principal contingente europeu da espécie está entre Polónia e Bielorrússia, com alguns machos cantores mais neste último país:
    http://www.birdlife.org/datazone/speciesfactsheet.php?id=7597

    O galego que empregas, na normativa oficial e na AGAL, é correcto! Nom há óxido ainda ;)

    Um abraço,
    Damián
    P.D.: fóra de tema, só umhas verbas de lembrança do Avelino Pousa Antelo. Inesquecível GALEGO, com maiúscula.

    ResponderEliminar
  7. Damiám, dou-che a minha palavra de que este home há ter o seu merecido espaço neste blogue.

    Um abraço.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos