mércores, 26 de setembro de 2012

 Seguimos.. Como dicía na primeira parte, a riqueza de vida nos charcos que fican entre as rochas da baixamar á abraiante. Nesta foto, o gasterópodo da esquerda é un Callistoma ciciphium, e o da dereita un Ocenebra erinacea (a pesar do seu aspecto resulta un terríbel depredador como veremos máis adiante).



 O mellor da xornada foi, sen dúbida, o descubrimento duns peixes asombrosos, máis propios da selva amazónica ou de mares tropicais. Trátase do Lepadogaster (Lepadogaster sp)


 A pesar de que as fotos non son boas, é un peixe ben vistoso visto debaixo da auga, cunha coloración atigrada e con aspecto xelatinoso. O seu bico recorda un pouco ao peteiro dos patos, algo que realza o seu aspecto exótico.


 O máis interesante escóndese no ventre. Unha modificación nas aletas ventrais forma unha potente ventosa, coa que se adire ás pedras do leito mariño (o propio Césio comprobou na súa man a forza tremenda coa que se pega o Lepadogaster). Un pouco ao estilo das Rémoras.


 Éste xa nin vos conto. Os Singnátidos (Syngnatidae spp) son unha familia de peixes moi estranos, que inclúe os famosos Cabaliños de mar. Este exemplar nadaba con movementos serpentinos, moi semellantes a unha anguía ou a unha cobra acuática.



 Na vista ventral apreciamos os ovos que, se non estou equivocado, son coidados polos machos nesta familia.


 Atopamos catro ou cinco tipos diferentes de Caranguexos. Éste Porcelana sp chamoume moito a atención. Semellaba un bon deseño de camuflaxe.


 Aquí o mestre Césio en plena faena.


 Este auténtico "tanque" é un Xantho poressa, algo parecido aos Bois, pero máis pequenos. Segundo Cesio son habitualmente pacíficos e tenden a recollerse cando se capturan na man, sen trabar coas pinzas.


 Pois a mín o cabrón da foto me debeu coller manía nada máis verme. En canto acheguei as mans, pasou isto:


 Evidentemente non insistin moito por motivos de saúde. De todas formas xa estou afeito a estes encontronazos. Cando era neno había un loro na miña casa e se deixaba acariciar por todos os membros da familia menos por min. En fin..

 Isto que parece unha colonia de ovos de "Alien" é a posta dun gasterópodo. Concretamente dunha Nucella lapillus, que coñecimos no primeiro capítulo desta entrega.


 A posta estaba a ser atacada e devorada por un móntón de Ocenebras erinaceus


 Tamén había moluscos máis coñecidos, como o noso Mexillón de toda a vida (Mytilus edulis)..


 ..que tamén estaban sendo atacados por Ocenebras, que parecen ser os depredadores máis temibles de outros pequenos moluscos.


 Ésta seguramente non necesita presentación: a Nécora (Liocarcinus/necora puber). Un macho sen as dúas pinzas e sen unha pata, probablemente perdidas en combate (están agora no período de celo e apareamento). As patas traseiras están ben adaptadas para a natación, como se aprecia na foto..


 Ao final atopamos outro Balanus diferente, de un bonito ton amarelo. Os balanus son cirrípedos, como os Percebes.


  Antes de irnos, mirei para as illas Mirandas. Tamén había aves, certo. Xa non o lembraba!!


 En resumo, unha expedición fantástica.
 Vémonos.

4 comentarios:

  1. ¡xenial a visita as Illas Mirandas! Moi interesante o do lepadogaster, non o vira nunca.

    ResponderEliminar
  2. Grazas, Inés. Aínda que, técnicamente, aquilo non pertencía mesmamente as Illas Mirandas, senón ao intermareal entre as illas e a costa.

    O dos Lepadogstaster foi algo marabilloso. Pero para observalos cómpre ir nunha baixamar moi baixa.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Aha!!! Iso me pasa por ter a cabeza chea de paxaros.

    Moi boas as dúas entradas.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  4. Non, iso pásache por ter a cabeza chea de boas ideas. E graciñas.

    Un abrazo

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos