domingo, 30 de setembro de 2012

Ría do Burgo, A Coruña.

    Tiña moitas ganas de coñecer persoalmente a varios colegas coruñeses e a visita á Ría do Burgo era unha desculpa coma outra calquera (tamén me apetecía variar de tanto binomio Valdoviño-Ortigueira). Así que hoxe botei toda a mañá con Marcos Suárez (Aves del Golfo Artabro), que me fixo de "cicerone" ensinándome as particularidades da ría e, o máis importante, un lugar onde se cociñan unhas tapas estupendas!

 Entre os dous fixemos un censo parcial con marea baixa. Obviamente nestas circunstancias os números son puramente orientativos (tamén estábamos de "cháchara"..). Logo, xa con preamar, eu mellorei algunha cifra. A destacar:

- 23+ Garzas reais (Ardea cinerea)
- 11+ Garzotas comúns (Egretta garzetta)
- 15 Cisnes mudos ou reais (Cygnus olor).

  Cisnes entre as brétemas da mañá.

  Esta ave espectacular é reprodutor nos arredores do Burgo e na propia ría.  Están tan acostumados á presenza humana que, en canto te vén, achéganse túa para pedir comida.
  Estábame contando Marcos sobre a súa pasividade ante nós, cando vimos unha escena asombrosa. Unha mariscadora pasou a menos de 5 metros dun cisne que descansaba sobre un bando de area, e éste nin se inmutou, permanecendo deitado completamente impasíbel. Os locais xa están afeitos, pero a este ferrolán a imaxe impactoulle de verdade.


Cisne mudo (Cygnus olor)

- 51 Gavitas (Haematopus ostralegus) contadas con preamar. Antes só puidéramos observar 31.
- 1 Avefría (Vanellus vanellus) voando sobre a ría
- 1 Píllara cincenta (Pluvialis squatarola)
- 3 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 2 Pilros gordos (Calidris canutus)
- 8 Pilros comúns (Calidris alpina). Coa preamar as aves concentrábanse moi perto do paseo marítimo, amosando a mesma incríbel confianza que os cisnes. Sen dúbida que O Burgo é un lugar idóneo para iniciarse nas aves acuáticas!

Bando mixto de Pilros comúns e Píllaras reais descansando.

- 15 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 3 Mazaricos rubios (Limosa lapponica)

Mazarico rubio (Limosa lapponica)

- 8+ Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 15 Biluricos claros (Tringa nebularia)
- 1 Bilurico común (Tringa totanus)

Bilurico común (Tringa totanus)

- 21+ Virapedras (Arenaria interpres). Ésta é unha das limícolas máis características da ría, onde mantén un dos continxentes invernantes máis importantes do país.
- Bastantes Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus). Unha delas estaba anelada con marca verde (RT-- ?) Na foto non se aprecia gran cousa..

Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus)

  Marcos levoume a un mirador que controlan e que dá á baía da Coruña, moi interesante para aves mariñas.  Eu xamáis daría atopado este camiño sen a súa axuda (tiña pensado facer foto de grupo pero se me foi o santo ao ceu, Marcos)

Marcos Suárez guiando a mini-expedición

 A vista desde alí era moi chula, sobre unha zona favorábel para avistamento de Alcas, Mobellas ou Pentumeiros, segundo me informaba Marcos.


 Logo el foise e me atopei con Fernando Pereiras, que seguía no "observatorio" de preamar.


 O malo é que cheguei un pouco tarde. A maioría das limícolas estaban xa moi metidas entre a xunqueira.


  En fin, ao final o censo era o de menos. Hoxe o mellor foi a compañía de Marcos e Fernando. De regalo, ademáis, tiven a sorte de recibir varios consellos dese marabilloso fotógrafo que é Fernando Pereiras (Aves y paisajes de Fisterra) con quen estiven un rato antes de voltar a Ferrol. Porque sempre resulta proveitoso o tempo cando estás con xente que sabe..

 E me contan que o noso querido Cosme Damián volta mañá ao noso país procedente de terras holandesas. Desde aquí aproveito para desexarlle unha viaxe tranquila e darlle unha benvida pola súa volta. A ver qué historias nos trae.

 Vémonos.

5 comentarios:

  1. Vaites! Logo tamén afotaches un oso :-)
    Esas melloras nos censos ben che sei como son despois das Estrellas.
    A volta xogala de local.
    Unha aperta
    Marcos

    ResponderEliminar
  2. Fíxate que o Oso fuxía de min (vai ti saber o que lle dixen ao pobre...).
    Por certo, ¿pensabas que a miña irresistíbel atracción pola Cervexa e as cifras espectaculares que dou nos censos de Ortigueira eran pura coincidencia? Iluso....

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  3. Ey xa me diredes cal é o sitio ese das tapas... jeje. o Forum??

    Unha mágoa que me colleras por Estaca, Xabi. Achegaríame a pasarme ese rato con vós encantado da vida (dígoo polo das cañas, non por outra cousa jeje). Ese "mirador" do faro é un dos meus puntos mais visitados, dentro de un par de meses será un lugar estupendo como te comentou Marcos para ver mobellas, alcas e as varias deceas de pentumeiros que invernan nesta ría, ás veces ao mesmo pé desa punta.

    A ver se da próxima damos coincidido... apertas
    Sergio París

    ResponderEliminar
  4. Hola Xabi!

    Qué lástima no haber coincidido. Como sabes, esta temporada sólo vivo pensando en Estaca... ¡Espero que la ría te haya gustado y que regreses a menudo! Por cierto, que he enlazado esta entrada en mi blog.

    Un abrazo!

    ResponderEliminar
  5. Olá Sergio e Toñete:

    O mesón estaba no... Temple??, a carón mesmo da ría máis interior. É o que podo dicir.

    E grazas por meter o enlace, Toñete. A ría xa a coñecera hai un par de anos, en inverno, e encantárame. Agora sei máis cousas dela grazas a Marcos (por certo, Sergio, xa me contou que aquel era o teu "pousadeiro" habitual)

    Un abrazo, plumíferos.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos