domingo, 3 de febreiro de 2013

A Frouxeira baleira de novo e censo

     Hoxe tamén puiden sair un ratiño ao campo. E atopeime cunha sorpresa: a lagoa da Frouxeira abríu finalmente polo mesmo sitio que o ano pasado.
     Comentaba na última entrada que o trazado deseñado pola Xunta non acababa de asentarse, e que aparecían indicios de querer abrir polo sitio habitual, cousa que finalmente sucedeu. Non apreciei marcas de escavadoras no sistema dunar, así que polo visto foi outra apertura totalmente natural, como a de Xaneiro pasado. Ben, "totalmente natural"... quizá non, pois os cambios que experimentou a lagoa durante o século vinte deberon ter unha enorme influencia no seu funcionamento actual, pero desde logo si que se confirma que éste é o lugar por onde "rompe" de maneira espontánea na actualidade.

  Trazado deseñado pola Xunta hai tres meses e obstruído polas areas

 Canle aberta espontáneamente esta semana sen intervención mecánica

 Coma sempre que abre soa, o descenso das augas foi importante, deixando ao descuberto amplas zonas de "intermareal" que permanecían asolagadas.
  En vista disto, paréceme que este novo trazado que se deseñou para que a lagoa mantivese un nivel constante, non é viábel.  E debémonos preguntar.....¿e agora qué?  Obviamente é imposíbel retornar á fisonomía que tiña a barra dunar e o leito lacustre hai cen anos (que é a que nos gostaría a TODOS), a menos que alguén teña unha máquina do tempo.  Así que eu só vexo dúas posibilidades:

1- Aceptar que a lagoa, "motu propio", vai abrir por onde ela queira pero, ollo, vai baleirar ata onde ela queira!. Se aceptamos este suposto, a apertura mecánica sería unha maneira de amortiguar a brusquedade dos cambios de nivel, facéndoos máis suaves. De non adiantar a apertura mecánicamente, o desnivel pode ser brutal, e os efectos negativos para a flora e a fauna parecen ser máximos, tal como se demostrou o ano pasado.

2- Outra opción é impedir pola forza que a lagoa rompa e baixe de nivel. Se o obxectivo é ese (un obxectivo que eu non comparto), sería necesario realizar unha intervención que impedise a apertura: diques, comportas,... e que suporía a transformación da lagoa noutro tipo de humidal moi diferente ao actual, semellante a un encoro.

 "Pozo do cura"

   Neste lugar que sae na foto anterior, o "Pozo do cura",  houbo no pasado importantes verquidos de entullo que, segundo Eloi Saavedra, alteraron gravemente a dinámica da canle. Os numerosos afloramentos de pedra que aparecen entra a area e lama son unha testemuña daquela agresión medioambiental, pouco coñecida pola maioría.

 Aspecto do intermareal

  A verdade é que a xestión de humidais polo home pode incrementar o seu valor ecolóxico de maneira exponencial, se se fai ben. Recordo ter lido artigos sobre a lagoa de Sariñena, en Huesca, ou El Fondó, en Alacant, que son bos exemplos disto. En ambas as dúas o home aumentou a superficie asolagada, por intereses produtivos (para rego) e convertéronse en humidais de máxima importancia para a fauna nos anos oitenta, se non estou errado. Pero claro, aquí temos como exemplo de "xestión" na lagoa de Cospeito...Así que, según que persoas estivesen detrás da xestión da Frouxeira nun hipotético "caso 2", case que me dá medo o resultado.


 Bueno, a noticia era que abríu a lagoa, pero non puiden evitar facer un pequeno reconto rápido. Non levaba  telescopio, así que as cifras son algo conservadoras:

- 40 Mergullóns (Tachybaptus ruficollis)
- 12 Garzas reais (Ardea cinerea)
- 25 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
- 186 Alavancos (Anas platyrhynchos)
- 99 Cercetas (Anas crecca)
- 8 Patos culler (Anas clypeata)
- 112 Patos frisados (Anas strepera)
- 18+ Patos cristados (Aythya fuligula)
- Uns 90+ Patos chupóns (Aythya ferina)
- A famosa "Pata" cristada americana, (Aythya collaris) que leva todo o inverno con nós
- Unha Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus) femia
- Unha Águia pescadora (Pandion haliaetus)
- 190 Galiñolas negras (Fulica atra)

Águia pescadora (Pandion haliaetus)

 Vémonos.

14 comentarios:

  1. Como se di en bonito: Quod erat demostrandum ¡¡¡
    E que coño, vouno decir; ERA VISTO ¡¡¡
    A pregunta é, e agora que?
    Imos seguir igual, sen atallar as causas?
    Non se vai retirar o puto dique da ramilada?
    Non se van retirar os cascallos que levan 30 anos fodendo a dinámica no Pozo do Cura?
    Non sei, o que me preocupa de todo isto é que vexo un barco sen capitán e coas pedras preto, preto ...

    ResponderEliminar
  2. Penso que desta volta algúns actores implicados estarán tomando boa nota, Eloi. A semana pasada chamábanme da universidade de Lugo (curioso, precisamente de Lugo...) para preguntarme sobre o tema. Espero poder entrevistarme con eles esta semana, se o hospital mo permite, claro.
    Grazas por comentar.

    ResponderEliminar
  3. Boas,
    o tema da xestion (por non chamarlle inxestion ou dixestion) da conversacion, perdon quixen decir conservacion.., xa e unha cousa que non se sabe moi ben como esta. Como sempre (ou case), non hai termo medio, ou tocamos de mais ou non tocamos..

    Apertas, e que a doente mellore.

    Cesar Ayres

    ResponderEliminar
  4. Grazas, meu (como dicides por ahí). O que máis me fastidia é que os poucos recursos que existen para "conversación" sexan malgastados de maneira esperpéntica en moitas ocasións. E nestes tempos que corren, máis aínda. Penso no que debeu custar todo o tinglado que se montou nos últimos meses na Frouxeira (técnnicos diversos, biólogos, Tragsa,..) e me poño malo. Como ao final decidan que o mellor é volver a abrir como se fixo sempre, logo de ter gastado todo isto, vai ser un final apoteósico. E me parece que esta posibilidade cobra forza, tal como van as cousas!.

    E a doente vai estar na casa mañá, se non hai sorpresas de última hora.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois como ti dis, o que pode custar. Semella que si lle pos "obra" no titulo, tes moitas mais opcion de conquerir cartos, que de calquera outro xeito. Ainda que hai moitas cousas que non se poden facer a golpe de retro..

      Cesar Ayres

      Eliminar
  5. E volvemos ás andadas http://www.diariodeferrol.com/articulo/comarcas/adega-denuncia-la-baja-cota-de-agua-que-registra-el-lago-de-a-frouxeira/20130206233517031955.html
    Que lles pasa desta vez?
    Fódelles que o Lago abrira el solo, sen axuda humana?
    Non era este o escenario que adiantabamos algúns hai tempo?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas,
      Este tema de xestión dos humidais e de espazos protexidos é enormemente interesante e por Lugo andamos a ver de facer xestión de lugares protexidos que esperemos que den resultados pronto. A cuestión é que non se teñen ben claros os obxectivos de xestión e é aí o problema esencial. ¿Que se quere conservar nun determinado lugar? ¿Que especies, taxóns ou hábitats son interesantes ou prioritarios? Iso é o que hai que ter claro antes de nada. Logo, as actuacións veñen sóas. Poño un exemplo:
      Estamos a crear catro microrreservas de flora no Courel.
      Obxectivo de xestión: mantemento e potenciación das orquídeas, en especial, as endémicas, escasas ou protexidas. Este (neste caso un só) é un obxectivo claro que se acordou con botánicos que controlan do tema.
      Posteriormente, ven un proceso de diagnosticar as ameazas que neste caso é a eliminación de monte baixo que está a ocupar os prados típicos.
      Actuación: tendo en conta esto último, o lóxico é facer os desbroces necesario nas diferentes microrreservas que está a realizar agora mesmo a empresa Tragsa.
      Conclusión, que hai un proceso lóxico para establecer as medidas e tarefas de conservación. Non dubido de que a Xunta non teña todo esto pero hai unha parte que é imprescindible, que é a participación pública dos diferentes sectores implicados. Sen eles, é imposible levar adiante ningún proxecto e, sobre todo, non morrer no intento.
      Seguindo este proceso para a lagoa: ¿Cales son os obxectivos de xestión? ¿Que taxóns ou especies hai que conservar? ¿Que hábitats son de interese? ¿Que condicionantes temos? (fincas inundables, uso público, etc). Penso que nin eles mesmos non teñen as respostas a estas preguntas.
      A cuestión é que hai outra maneira de facer xestión. Dá moito choio por que hai que chegar a acordos coas partes contratantes e hai moitas trabas e burocracias coas que lidiar pero é posible facer moitas cousas se hai interese. Eu xa levo tempo no tema da custodia e é moi interesante o potencial que ten polo que animo a meterse neste tema.
      Unha aperta e perdón pola chapa,
      Martiño
      PD: non debemos xeralizar. ADEGA é unha entidade moi grande e con moitas opinións, incluso na xunta directiva nacional e nas delegacións locais.

      Eliminar
  6. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  7. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  8. Cando engadín a imaxe de Shiva ao blogue, non metía un simple "gadget" máis. Dalgunha maneira estaba obrigándome tamén a ser máis coidadoso coas miñas palabras. Por moito que me indignen certas cousas. Así que suprimín os comentarios anteriores, produto da ira do momento.

    O caso que nos ocupa recórdame máis cada día ao do 11-M. Aínda hoxe, desde certos entornos políticos e certos medios de comunicación se defende a teoría de "non está clara a autoría do atentado". E na lagoa sucede algo parecido, salvando as lóxicas distancias.
    Seguir decindo o que se está decindo, logo destes tres anos (o lío empezou en 2009)non pode ser debido á falta de información xa. Ben por terceiras persoas ou ben pola propia evidencia (Xaneiro 2012) sobra información arredor da Frouxeira, para continuar con certos dircursos absolutamente faltos de rigor. Así que non podo evitar pensar que a postura de Adega obedece máis ben a algún tipo de interese que descoñezo. E daríame igual se non fose porque están a falsear a realidade, enganando a milleiros de persoas benintencionadas. Síntoo de verdade polo que, en tempos, foi unha organización seria na defensa da Natureza do país.

    O tempo, coma sempre, poñerá a cadaquén no seu sitio.... ou non (estou lembrando a Pedro J. e a Intereconomía, que siguen erre que erre coa famosa mochila...)





    ResponderEliminar
  9. Acordas do que falamos dunha consultora que opinaba, non poñía en risco o seu creto profesional, que non pagaba impostos pola súa actividade e que cobraba como se o fose.
    Pois ó mellor este tipo de actuacións confirman aquilo que eu che contaba...
    O peor é que este tipo de comedias fan que o común do público vos meta a tódolos conservacionistas no mesmo saco, tachándovos de integristas e de intransixentes.
    Digo isto como cazador e pescador, ó que polo feito de selo, moitos destes novos profetas xa non me deixan usar o epíteto de conservacionista.
    Eu penso que estamos nunha encrucillada no movemento conservacionista e que os que estades mais maduros tendes que pronunciarvos. Seguramente achariades que unha parte importante da sociedade está con vos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois así parece que están as cousas, si... E coñecendo como coñezo a algunhas persoas, moito me temo que non han cambiar; aínda que ten razón Martiño en que Adega é unha organización moi ampla (e... diversa?)
      Afortunadamente temos a Martiño, Damián, César Ayres, Alberto Rivero, e outra xente que, desde diferentes ámbitos, están facendo un traballo extraordinario pola conservación da nosa Natureza. Cando penso neles todos xa me animo un pouco máis.

      Eliminar
    2. Graciñas pola parte que me toca, pero non botes moitos foguetes porque levo 1 mes pensando se paga a pena botar horas e dores de cachola, para o caso que nos fan..

      Cesar Ayres

      Eliminar
    3. Non te quites flores, César, que ben as mereces. Que lles pregunten se non aos teus queridos Sapoconchos.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos