xoves, 21 de marzo de 2013

Esperando...

Pois a cousa migratoria non acaba de arrincar por Ferrolterra. Onte aproveitaba que esta semana estou de tarde para facer unha visita rápida á lagoa da Frouxeira, e apenas hai novidades.

  A Águia pescadora (Pandion haliaetus) continúa a darnos clases maxistrais sobre pesca. No primeiro intento da mañá que fixo xa tivo éxito na captura. Por certo, que segue a desconcertarme un pouco o terror que cada aparición súa provoca nas aves acuáticas, tratándose, como se trata, dun predador "ictiófago", e que penso que non ataca outras aves, cousa que si fan os Pigargos (Haliaetus albicilla).

 Águia pescadora con presa capturada no primeiro intento

 Parece que, definitivamente, os exemplares invernantes de esta rapaz extraordinaria, prefiren as augas da lagoa ás do veciño encoro das Forcadas. Ao estar aberta e con baixos niveis de auga, imaxino que as capturas dos Muxes resultarán notablemente máis doadas que cando está chea.

 Sobre as migrantes típicas de Marzo, nada de nada por agora. As primeiras Cercetas albelas (Anas crecca) estanse facendo de rogar este ano. O número de comúns (Anas crecca) baixou bastante, e o de Culleres (Anas clypeata) algo menos. De limícolas, únicamente un Mazarico real (Numenius arquata) como novidade, medio despistado polo areal.

Mazarico real (Numenius arquata)

  Non detectei xa ningunha das Lavandeiras reais (Motacilla cinerea) que invernan na lagoa, aínda que si bastantes Picas alpinas (Anthus spinoletta), que ocupan toda a contorna da lagoa durante o inverno, mesmo as áreas de canaveira máis lamacenta. As Lavandeiras brancas (Motacilla alba) son reprodutoras abondosas na comarca, onde se poden ver todo o ano; e dentro dunha semana aparecerán as primeiras Lavandeiras boieiras (Motacilla flava), procedentes de África.

 Lavandeira branca, macho nupcial

 Os Merlos (Turdus merula) afánanse estes días na construción do niño. Damián comentaba en Galiciaves que xe detectou polos do ano hai case un mes. Por Ferrol haberá que esperar bastante máis, penso.

Merlo femia carrexando material para o niño

  En fin, son días de espera. O inverno non quere deixarnos, e iso nótase moito. As especies invernantes están abandonando a zona, pero non acaban de chegar as estivais e de paso, así que custa encontrar material para facer as entradas. Sobre todo se non dispós máis que dun par de horas para a saída.

 Ata a próxima.

8 comentarios:

  1. Ola meu! Pois casualmente antonte, día 19 de marzo, localicei outro polo de Turdus merula (ergo, doutra parella) pedindo comida ruidosamente preto da coñecida fonte das Paxaritas, no flanco sur da cidade da Coruña.

    E moi guapa a pescadora.

    Apertas!
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Á pescadora teño ganas de pillala ben...Pero sempre anda pola outra beira da lagoa, e 400 metros (a distancia habitual) son moitos metros do noso señor. Mesmo para a a SX50..
      Un abrazo.

      Eliminar
  2. En Forcadas nunca me cadrou vela.
    Imaxino que o tamaño das presas potenciais marca moito os cazadeiros.
    Date conta que a presa de superficie maior que pode coller en Forcadas é unha boga (Pseudocondostroma duriensis) que con 200 g de peso non é moita cousa.Non creo que contemple as troitas (que andan na superficie de maneira mais esporádica) como presas habituais.
    En cambio un munxe do Lago, pode chegar a ter 6 kg.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá Eloi:
      Iso é porque (imaxino) que maiormente vas a Forcadas na primavera, por ser a temporada de pesca. A Pescadora aparece máis ben no Outono e no Inverno (aínda que a teño visto e pleno mes de Xuño, en Ortigueira)
      E non me fodas que vós tamén andades cambiando a taxonomía dos peixes cada semana!! "Pseudocondostroma???" Xa me estades recordando aos ornitólogos e aos herpetólogos do carallo!!

      Ao final vai haber que mercar unha guía nova cada mes para saber so nomes!

      UNha aperta.

      Eliminar
  3. Encántanme as fotos da águia e do merlo femia. Paciencia e a ver se para a próxima tes máis sorte coas estivais.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A Frouxeira non há fallar, Inés. Pero estas cousas
      varían moito dun ano para outro.

      Eliminar
  4. Notición ¡¡¡
    Hai DUAS aguias pescadoras en Forcadas, de onde acabo de chegar despois de pescar pola tarde. Primeiro vin una e depois andaban as dúas voando xuntas.
    Apúrese para velas.
    Andaban na zona da ponte de formigón xunto Candail.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois si qué un notición. Ademáis normalmente andan no outro extremo (zona da Rañoa). Esa de Candaíl-Loiravella é a habitual dos Millafres (Milanos)negros, colonizadores recentes na bisbarra.
      Unha aperta

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos