sábado, 27 de abril de 2013

393 e subindo

Esta mañá a lagoa estaba baleira, e iso facilita moito o censo de limícolas. As especies pequenas estanse facendo esperar, e apenas apareceron aínda. Un bando de 65 Pilros comúns (Calidris alpina) con varios tridáctilos (Calidris alba) infiltrados polo medio. Tamén o Pilro ferruxento (Calidris ferruginea) seguía no areal., e pouco máis.
  As especies maiores pola contra, xa medraron en número. Hoxe puiden facer un censo moi preciso, xa que as aves estaban ben espalladas e a pouca distancia, contando 393 Mazaricos rubios (Limosa lapponica). Entre eles detectei tamén un Mazarico rabinegro (Limosa limosa) anelado mentras censaba, pero non puiden localizalo despois. E falando de anelas, había dous Mazaricos rubios marcados con PVC:  Ún con (Esquerda: Tarso Bandeira amarela -   Dereita: Tibia metal Tarso PVC Vermello e Laranxa). E outro máis que sae na terceira foto.




 Mazarico rubio, plumaxe inverno

Mazarico rubio (Limosa lapponica) plumaxe nupcial con marcas PVC

  Tamén había 29 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus). Pero xa vos contei que esta limícola emprega os humidais máis ben coma durmideiros nocturnos. O mellor momento para contalos é ao mencer, cando a maioría abandonan a lagoa e se espallan polos prados e dunas cercanas ou, directamente, continúan migración.


Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)

 O vento segue a ser favorábel para a sedimentación (Norte-Noreste); así que é de esperar que mañá teñamos unhas cifras mellores. A ver se pouco a pouco van entrando tamén as especies pequenas e medianas. Desde logo o prognóstico meteorolóxico promete.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos