venres, 31 de maio de 2013

Escribenta das canaveiras, o tesouro da Frouxeira

  Pois logo de andar "de monte" polo Forgoselo e polos Ancares, esta mañá decidín acometer un asunto que tiña pendente desde hai tempo. Aproveitando que a lagoa de Valdoviño estaba aberta e baixa, calceime as botas de goma altas e me internei na xunqueira a primeira hora, para intentar detectar varias especies de aves escasas, e cada ano máis difíciles de observar.

   Nesta entrada imos ver A Frouxeira coma poucas veces veredes noutros blogues. Antiguamente os primeiros ornitólogos galegos adoitaban internarse no interior da canaveira para coñecer cómo era aquilo por dentro, pero agora a xente está, estamos, bastante acomodados. E acostumados a recibir unha mensaxe como: "hai tal cousa en tal sitio", ir aló e velo. E son poucos os afeizoados que fan o esforzo de prospectar lugares pouco visitados ou pouco produtivos, onde o éxito non é tan doado e cómpre patear durante horas para, se hai sorte, avistar iso que buscamos. Ese traballo, de moita paciencia, de moitas horas de aburrimento, pero necesarias, queda únicamente para os biólogos e ornitólogos que traballan de maneira profisional.

Canaval da Frouxeira

    Internarse nunha xunqueira como a da Frouxeira é algo certamente delicado. Primeiro pola dificultade que conleva, ao ser un terreo incómodo, difícil, mesmo perigoso ás veces. Segundo, polas molestias que se poden causar á fauna se non somos respectuosos e mantemos certas pautas.
  O mellor nestes casos é ir avanzando pouco a pouco, sen apuros. Pisas sen facer forza e, se ves que hai "firme", apoias con máis decisión. A pesares de levar botas de cana alta, podes meterte de súpeto na lama ata a cintura e quedar clavado nunha canle, se pisas onde non debes!. Eu prefiro camiñar por lugares aclarados, con visibilidade. Mellor bordeando os claros que aparecen entre o impenetrable carrizal de Canas (Phragmites australis)

Claro entre a canaveira

  Nestes claros, o macrófito dominante é a Xunca marítima. Unha das especies que antiguamente formaban parte do xénero "Scirpus" e que son moi importantes polo alimento que aportan á aves (tanto as sementes coma os bulbos) e tamén porque conforman bos lugares para o emprazamento do niño para algunhas aves acuáticas

Pradeira de Xunca (Bolboschoenus maritimus)

 Nalgunhas zonas mantense unha lámina de auga, por riba da capa de fangos, mesmo coa lagoa no seu nivel mínimo. Se estivésemos durante a inundación "famosa" do ano pasado, eu agora mesmo estaría buceando baixo un metro e medio de auga neste sitio da fotografía. Afortunadamente nestes momentos a xunqueira está preciosa e ben interesante.

  Nun destes claros, levantei unha Becacina común (Gallinago gallinago). Nin que dicir ten que son unhas datas pouco frecuentes. Imaxino que será un exemplar cansado ou enfermo (que xa observei no "Lago pequeno hai uns días), incapaz de continuar a migración cara os territorios de cría. Pero xa tiven a fortuna de contemplar o vó nupcial da Narcexa, en Baltar, e quen sabe se pode dar unha sorpresa na Frouxeira?. Sería  sen dúbida a bomba ornitolóxica do ano na comarca. Para min polo menos.


  Entre as canaveiras, tamén asoman pequenos claros, asociados habitualmente a pequenas canles. Son os mellores lugares para realizar estacións de escoita.


 A seguinte canle era máis falsa que un billete de oito euros. Se non chego a ir con coidado, me enterro na lama ata o peito.


A Frouxeira, "desde dentro"

 Nunha destas paradas, a carón dun claro,  apareceu a nosa xoia, ún dos paseriformes máis ameazados de Galiza: unha femia de Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica)


 Pero eu quería escoitar o canto da Folosa manchada (Locustella naevia), que foi reprodutor común en tempos, e que ainda escoitara o ano pasado aquí aínda que este ano semella que non vai aparecer por Valdoviño. Así que continuei a prospección.... ata que a lagoa quixo, se entende. Cando a canaveira se volve tan mesta, coas canas verdes deste ano enmarañadas diante de ti, e sen visibilidade ningunha, non hai nada que facer. Chegados a este ponto, non quedaba máis que dar volta e volver aos claros.

Canaveira impenetrábel, perto xa do río Vilar

  Gostaríame que sentírades a sensación que se ten cando se prospecta unha canaveira. O olor tan peculiar, dulzón, produto da fermentación da materia orgánica na auga.  Dependendo de se hai ou non salinidade tamén varía (o "olor" de Doniños é moi diferente ao da Frouxeira!). Ás veces case aparece un sentimento de claustrofobia, mesmo de angustia, cando perdes as referencias visuais e non sabes moi ben por onde volver.

O ghilipollas de "Frank de la jungla", dándolo todo

 Vaiamos ao importante. Finalmente observei dúas parellas de Escribenta das canaveiras na pequena zona que propectei. Non está nada mal.
 Unha das femias (de plumaxe ben diferente á anterior, máis parecida aos machos, como podedes comprobar) carrexaba unha eiruga para alimentar aos seus poliños famentos, que estarían piando no niño.


  Ademáis tocou a lotaría, xa que o exemplar presentaba anelas. Acabo de enterarme que esta femia foi anelada polo colega Emilio Martínez Savarís o 25-07-2009 en Dodro, sendo aínda un poliño colicurto. Así pois estaríamos a falar dunha pequena dispersión cara o norte de exemplares autóctonos. As Brañas de Dodro, na desembocadura do río Ulla, están situadas a unos 140 quilómetros da Frouxeira en liña recta, que serían bastante máis seguindo a costa.

Escribenta das canaveiras femia anelada

O macho tamén apareceu con bicada. Neste caso unha deliciosa Donceliña elegante (Ischnura elegans), que puidemos identificar grazas ao noso prezado Damián, un "naturalista totás" . Tiven moita sorte e pousou perto de min.


 Unha vez comprobada a reprodución da especie e tiradas as pertinentes imaxes, abandonei as inmediacións do niño, xa que as aves comezaban a porse nerviosas. Este paxaro é demasiado importante para molestalo por unha foto!

Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), macho

 Non sabedes as ganas que tiña de facer esta entrada. Así que, neste caso, eu vou ser a "parte disfrutante da primeira parte", que diría o xenial Marx (ao cómico me refiro, non ao outro)

 Saúdos!

30 comentarios:

  1. Excelente entrada Xabi. Es una pequeña aventura internarse en el carrizal y ver lo que guarda en su interior. En muchos casos es mas bien la falta de tiempo la que nos impide poder explorar esas zonas de A Frouxeira. Buenas fotos además.

    Pablo G

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Pablo. Non sabes o que me prestou facela. E aínda encima co premio da Escribenta.
      Unha aperta
      PD: O tempo pode multiplicarse inesperadamente Pablo, como na milagre dos pans e dos peixes (por exemplo cando aparece un "mega" en Ponteceso e van mil observadores de todo o país para velo). Curioso, pero é asi.

      Eliminar
  2. ¡Que entrada tan boa! ¡Mesmo parece que estamos alí metidos na canaveira!E as fotos chulísimas, coma sempre.

    E por certo...o calbaliño do demo que está a comeres a escribenta parece do xénero Ischnura (abdome negro coa mancha azul ao final do mesmo) https://encrypted-tbn3.gstatic.com/images?q=tbn:ANd9GcRCM6-xZ30mkXyLrpnq8cOPGOdz-rrIetq_JZCPFTdJZLb29YlyVw

    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso intento, Inés, iso intento. Esta prospección lembroume os vellos tempos, cando non había tanta información e os xóvenes naturalistas investigábamos ilusionados, pensando en descubrir alguha nova especie para a localidade (fíxate que digo "para a localidade", non para a lista persoal)
      Unha aperta.

      Eliminar
  3. Boísima entrada Xabi. Certamente é algo diferente ó que soemos meter os blogueiros aficionados á ornitoloxía. A parte da interesante información sobre a especie e as fotos, vese que disfrutaches, e soubeches transmitilo.
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, Quique. De todas formas notei en falta moitas aves. Apenas detectei un par de rascóns e ningunha galiña de río. O Xabalí faise notar, desde logo. Déixote, que teño que contestar a un "ecoloxista".
      Unha aperta

      Eliminar
  4. Eu pregúntome se a túa aventura non facilitará a localización do niño por parte de predadores variados. É algo recurrente con estas especies, incluso os máis profesionais teñen o seu impacto.
    Por outro lado, votalle un ollo á lei de patrimonio natural de biodiversidade e enumera a listaxe de infraccións que cometeches. Totalmente carente de ética. Non esperaba menos dalguén que apoia a intervencionismo a cegas.
    Saúdos

    Xan

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Este comentario foi eliminado polo autor.

      Eliminar
    2. Tal e coma fixen en ocasións anteriores, eliminei o meu comentario por coherencia con certa imaxe que forma parte da páxina principal. Sempre son respectuoso con outros sendeiros espirituais diferentes ao meu e as miñas palabras anteriores poderían entenderse coma unha crítica ao Corán e ao Islam. E non o pretendía. Só estaba dirixida contra os talibáns (que teñen de islamistas o que eu de vedette).

      Respecto do comentario anterior pois tampouco me apetece agora respostar, sinceramente. Se considera que eu son un "infractor" medioambiental sabe onde pode presentar a correspondente denuncia. Neste país de tolería e de surrealismo total eu xa estou preparado para todo. Mesmo para que me denuncien por unha agresión á Frouxeira.

      Grazas por comentar.

      Eliminar
    3. Esta saída de Xabi polo carrizal ou as que facemos algúns naturalistas/biólogos (poucos, que non hai moitos que lles guste patear e sacar cousas novas, como ben di Xabi) en diferentes zonas poden ter algunha afección sobre a fauna da zona pero teño moi claro que son moi necesarias para evitar a incultura xeralizada existente no noso país sobre a presenza de determinadas especies.
      Eu seguirei facendo este tipo de saídas de campo (sempre co máximo coidado posible) por que teño moi claro que a ignorancia e descoñecemento é a principal ameaza que ten a nosa flora e fauna.
      Unha aperta,
      Martiño

      Eliminar
  5. Grazas Pablo. Aínda que a informática se empeñou en enredar e impedir o comentario, agradezo igualmente o teu apoio (vía what´s app).
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  6. Copio e pego o comentario que quería facer Pablo Gutiérrez e que, por motivos totalmente "alleos á organización", non deron subido ao blogue:

    "Yo no veo ninguna amenaza nin ningún peligro en penetrar en el carrizal y ver lo que está sucediendo allí dentro. Es más, me parece necesario. La actuación de Xabi y la divulgación de la misma en su blog solo puede redundar positivamente en el ecosistema de A Frouxeira. De esta forma está poniendo en valor el lugar y difundiendo lo importante que es su conservación. Verlo de otyra manera me parece absurdo. El trabajo de Xabi es muy valioso. Hasta los más inconscientes rarezólogos como yo lo vemos...
    Xabi, tienes todo mi apoyo"

    E grazas a ti, Pablo. Aínda que discrepo contigo. Para mín ti non és "inconsciente" en absoluto, rapaz.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Magnífica entrada Xabier,
      Yo soy un recién llegado a este mundo y mis palabras poco valor tienen en lo referente a experiencia, pero suscribiría las palabras de Pablo Gutiérrez en su totalidad,
      otra cosa es que convirtamos ahora el carrizal en una Romería.

      Saludos.

      Pd.-Meterse sólo lo veo casi temerario Xabier.

      Eliminar
    2. Graciñas, Juan. Pero non te preocupes que a única romaría que hai e vai seguir habendo é a romaría diaria do Xabalí, cos danos colaterais terríbeis que iso supón para a flora e fauna. Un asunto que, por certo, parece non suscitar maior interese para certos "ecoloxistas". Porque resulta incríbel a cantidade de "baños" e carreiros de porco bravo que hai entre a canaveira. Unha canaveira que coñecín nos anos 80 e no que a presenza de rálidos, por exemplo, era moitísimo máis patente. Por non falar de áreas de scirpus completamente "roturadas" pola súa acción...
      Unha aperta
      PD: Coidado coa acentuación, Juan. A frase "Meterse SÓLO lo veo casi temerario" cambia moito o sentido con ese til mal posto. Entendo que pretendías escribir "Meterse SOLO lo..."

      Eliminar
    3. Gracias por la corrección Xabier, el uso del "Autocompletar" de Android también tiene su riesgo...

      Eliminar
  7. Noutras zonas húmidas do hemisferio norte os alces ocupan e pastorean nos humedaís. Crean un "deterioro" na vexetación comparable e moito maior ao que comentas do xabarín. É un modo de rexuvenecer parcelas dentro da vexetación e crear parches que non só favorecen a outras especies, sinon que son fundamentais para elas. Algo comparable ao que fan "as pragas de insectos" en certos bosques para favorecer claros e rexeneración da cuberta arbórea cun aumento de especies engadido. Tamén castores teñen o seu papel. Un ecosistema non é un xardín...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Este comentario foi eliminado polo autor.

      Eliminar
    2. Unha persoa que non ten a amabilidade de presentarse non merece sequera que lle contesten, pero eu vouno facer igualmente:
      Pero... de verdade te crés que se pode comparar un humidal canadiano, tal como está a natureza case virxe e a ocupación do territorio por aló, cun paupérrimo humidal galego? Pensas en serio que son casos comparábeis?

      Eliminar
    3. Desde logo, este comentario Anónimo non ten nin pés nin cabeza. Ambos lugares non son comparables pero tampouco as especies. Os alces son herbívoros e os xabaríns son omnívoros e depredan sobre grande cantidade de presas animais, desde ovos de aves a anfibios (recordo agoro unha nota de Pedro Galán do Herpetological Review que fala da depredación do sapo de esporóns en Corrubedo, sendo unha das posibles causas da rarificación da especie neste parque natural).
      Tamén hai que indicar que na Frouxeira non hai lobo polo que non existe ningún depredador para o xabarín.
      Mesturar allos con cebolas pode facer que nos repita a cea.
      Unha aperta,
      Martiño

      Eliminar
  8. Ola Xabi! Considero necesaria esta labor que fas, e máis aínda referida a unha especie tan ignorada (aínda agora!) como a escribenta das canaveiras.
    Sobre o que afirma o comentarista Xan, no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, apartado 3.5 referido a Aves dise:

    "6: Actuacións que afectan de forma significativa ao estado de conservación das especies de interese para a conservación:
    1.0 Calquera actuación sen autorización sobre as especies de aves de interese para a conservación co propósito de darlles morte, capturalas, perseguilas ou molestalas intencionadamente.
    2.0 A destrución ou redución das áreas de cría, reprodución, invernada, repouso ou alimentación, situadas fora das zonas húmidas.
    3.0 As actividades de uso público e recreativo incontroladas que causen perturbacións ás aves, incluíndo ás súas crías e ovos, nos seus niños ou áreas de cría, reprodución, invernada, repouso e alimentación.
    4.0 O establecemento de liñas eléctricas de alta tensión que non cumpran o establecido no Real Decreto 1432/2008, de 29 de agosto (BOE nº 222, 13/09/2008), polo que se establecen medidas para a protección da
    avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

    7: Indicadores de seguimento
    1.0 Desenvolveranse un conxunto de indicadores que permitan vixiar e controlar o estado de conservación das poboacións das especies de aves de interese para a conservación para tomar, se é o caso, as medidas de
    protección, conservación e restauración que se consideren necesarias. Entre estes indicadores caben citar:
    -- Área de distribución potencial que reúne condicións como hábitat das aves de interese.
    -- Área de ocupación para a supervivencia das poboacións existentes das aves de interese.
    -- Área de presenza regular de exemplares das aves de interese nos últimos cinco anos.
    -- Área prioritaria de conservación, vital para a supervivencia e recuperación das poboacións ou dos taxóns
    de aves de interese para a conservación, incorporando como mínimo os enclaves de refuxio, reprodución
    e alimentación.
    -- Número e tamaño das poboacións dos taxóns das aves de interese para a conservación."
    ***

    Ben, obviamente, a túa actividade, Xabi, circunscríbese ao punto 7, e non ao punto 6. Pensar que queres perturbar ás aves intencionadamente é ser malpensado. Preferir que non se coñeza a poboación dunha especie ameazada nunha zona a que se abran uns pasos de percorrido limitado entre o canaval é querer ben pouco a esa especie.

    Pero, en fin, xa teño oído moitas críticas aos aneladores por abrir pasillos no canaval para estudar as aves palustres, xa non me sorprende nada.

    Apertas,
    Damián
    P.D.: O PDF do plan director está aquí:
    http://www.medioruralemar.xunta.es/fileadmin/arquivos/conservacion_natureza/plan_director_rn2000/0_Plan_Director_Rede_Natura_2000.pdf

    ResponderEliminar
  9. Por certo, o mal chamado "cabaliño do demo" (sería unha donceliña) é unha donceliña elegante (Ischnura graellsii).

    Ben guapas as fotos.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  10. Xabi, tou asombrado ¡¡¡
    Dende a miña postura de conservacionista non radical, que trata de pensar que home e Natureza poden convivir como nos tempos dos nosos avós,vexo con preocupación que artistas como este anóimo Xan, traten de impoñer o seu pensamento único onde soamente eles, santóns iluminados pola graza dun deus ó que non coñezo, poidan ser os que dirixan xa non o aproveitamento racional, senon tamén aouservación da Natureza.
    Isto vaisenos das mans. Como a educación dos nosos fillos a traverso de Disney e outras androalladas puido facer que se producira esta xeneración de urbanitas intolerantes coas diversas formas de acercarse á Natureza?
    Non sei, penso que perdimos a batalla da educación e o pensamento único está a imporse.
    Non te fagas mal vinagre e por suposto non contestes a quen non da a cara. Iso de acusar sen nome era da época do Tribunal do Santo Oficio, por certo moi de poñer sanbenitos e de autos de fe ...

    ResponderEliminar
  11. Grazas como sempre a Damián e a Eloi. Dá gosto ver xente valiente que sempre dan a cara.
    Eu agora estou feito unha merda (levo tres días case sen durmir e cunha farinxite que me ten feito papilla) e non teño tampouco moito tempo para escribir.
    Iso, de novo grazas aos dous!!

    ResponderEliminar
  12. Vaia, vaia. Metinme de novo na entrada para ver a túa resposta ó meu comentario, e a que me atopei aquí... Pois para facer a miña aportación á causa, pouco máis podo engadir ás palabras de Damián, Juan, Eloi e Pablo. Pero sí quería expresarche o meu apoio e admiración ó teu inxente e desinteresado traballo a prol do coñecemento e conservación da natureza. Quen te coñeza mínimamente non creo que poida ter dúbidas ó respecto. De todas formas, sempre hai quen quere ver cousas onde non as hai. E en moitos casos, isto ben provocado por outras causas de fondo, que podemos sospeitar. E falo por experiencia, xa o sabes, porque eu mesmo me vin embolto tamén nunha absurda polémica, por quedar no medio dunha gerra entre dúas organizacións que en teoría deberían adicarse a outras cousas en vez de andar pelexándose nos medios entre elas (léase Coordinadora Ornitolóxica d'Asturies vs. FAPAS). En fin, que alá cada tolo co seu tema. O importante é que un estea tranquilo coas súas ideas, e sobre todo coas súas intencións. Todos podemos equivocarnos algunha vez, pero tendo eses principios claros e sendo honesto con un mesmo, como di o refrán, "si falan, que falen".
    Unha aperta Xabi.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Quique. Como ben adiviñas certas cousas non son produto da mera casualidade, senon máis ben da "causalidade". O meu posicionamento inequívoco e sincero cando a "inundación" da lagoa da Frouxeira non pasou desapercibida para certa xente, desde logo.
      Pregúntome se estas persoas, algunhas delas seguramente con boa intención, terán pisado algunha vez o entorno da lagoa. Pero penso que o único que cren saber é o que outros escribiron, desde a súa ignorancia politizada.

      Esta entrada probablemente era un simple motivo que algúns estaban esperando para meterme o dente. Xa tardaban, xa tardaban.
      Somos o somos porque temos o que temos. Non hai máis...

      Un abrazo

      Eliminar
  13. Ola meu!
    Tiven (outro) lapsus e dixen ben o nome de donceliña elegante pero o nome científico é Ischnura elegans.
    Apertas!
    Damián

    ResponderEliminar
  14. Ola Xabi!
    Gostei moito da túa entrada sobre a xunqueira da Frouxeira, troixome lembranzas de cando ala a mediados dos 80 tamén eu internabame na lagoa... mesmo algun "hide" á beira da xunqueira na propia lagoa, algo tiven que ver... O que teño moi claro é que para protexer temos que coñecer, e para iso hai que patear, pisar a terra. Só nos papeis...

    Saúdos.

    Carlos castro.

    ResponderEliminar
  15. Hai que patear, Carlos, hai.

    Penso que o exceso de información que se está a dar no mundo da ornitoloxía pode chegar a ser malo en ocasións. Fai que a xente se acomode moito, moitísimo. Se queres ver unha Papuxa ollobranca vas á Serra da Lastra e xa está. Se buscas un Abetouro, non hai mellor lugar en toda Galiza que Valdoviño. Ao final, son (somos) poucas as persoas que desde o ámbito do naturalismo afeizoado fan verdadeiro esforzo por aportar algo novo.
    A maioría aprovéitanse da información existente para o seu placer persoal. Podo comprendelo ata certo ponto (tampouco son tan fanático), pero se todos intentasen "aportar", sen dúbida que habería moita información a disposición dos expertos como Martiño, Damián e compañía. Eu por respeto ás xeneraciósn que nos precederon a nós (Curt, Souza, Bas, Galán, Guitián, Silvar, etc) intento na medida das miñas posibilidades aportar o meu pequeno grao de area.

    O proxecto SACRE (Seguemento de aves comúns reprodutoras) ou o SARGA (seguimiento de anfibios e réptiles de Galiza)non son atractivos para unha inmensa maioría de observadores. Por qué? pois porque implican horas e horas de busca moi pobre, por eucaliptais e outros lugares pouco "top". É o que hai.

    ResponderEliminar
  16. Moitas grazas polos dous comentarios, Martiño (desde logo hai comparacións que son, certamente, odiosas)
    Ao fío de todo isto, lembro algún comentario feito por mín mesmo en Galiciaves no que mostraba as miñas inquedanzas polo feito que realmente moitas das cousas que facemos os naturalistas/investigadores non deixan de ser unha agresión de pequeno ou mediano impacto. Cando traballamos para o Atlas, cada prospección dunha charca, por moi escrupuloso que sexa ún, implica un movimento da vexetación do fondo, dos sedimentos, de invertebrados, etc... Ou cando levantamos pedras e desfacemos formigueiros ou tobos de pequenos animais. O anelamento científico non deixa de ser algo moi estresante para as aves que quedan enganchadas na rede ate que as recollen. A captura con trampas de pequenos mamíferos ou a incorporación de chips de seguemento a carnívoros ou rapaces tamén son agresións á fauna. Son cousas que te paras a pensar e gostaríamos que non fosen así. Pero sabemos que o beneficio que aportan na conservación desas propias especies(en teoría, non falemos do caso do Lince en Doñana, ejem,...)xustifican esas molestias. Sempre, como dí Martiño, sendo moi coidadoso para minimizar os danos.
    Pero é que doutra maneira sería imposible realizar calquera estudo científico!

    De todas formas penso que neste caso pesaba máis intención da crítica que o motivo en sí dos comentarios. Algún xa viña mostrando os meus "antecedentes"..

    En fin, graciñas de novo, Martiño.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos