luns, 24 de xuño de 2013

Voltando ao "comunismo"

    Logo da xornada tan rica en rarezas de onte na Frouxeira, hoxe foi unha saída con menos glamour, na que apenas observamos unhas cantas aves comúns. Digo "observamos" porque esta mañá aparecía por aquí o meu bon amigo Damián Romay, a ver se había sorte e relocalizábamos o segundo posible Apus pacifficus. Mas non a tivemos. O brusco cambio de tempo provocou seguramente o abandono da lagoa por parte do suposto Cirrio do Pacífico e da Cegoña negra.  Alomenos aproveitei para ensinarlle partes da lagoa que non coñecía a Damián, pasar un rato agradable con el e tomar unha birriña mentras falabamos das nosas cousas (por certo, moi interesantes algunhas cousas da súa recente excursión a Etiopía...)

 Antes tivemos ocasión de observar  unha parella de Azores (Accipiter gentilis) facéndose as beiras sobre o eucaliptal e un Miñato abelleiro (Pernis apivorus), que xa comeza a ser habitual por aquí nos últimos anos. Tamén unha Rula común (Streptopelia turtur), que aínda non desapareceu de "Eucaliptalandia", pero que pouco tardará. E pouco máis, a verdade.

 Lavandeira boieira (Motacilla flava)

 Poño unhas fotos de aves comúns. E sigo moi preocupado pola progresiva extinción da Folosa manchada (Locustella naevia). Este ano realicei un exaustivo control nos prados de Taraza, que supuñan ún dos seus últimos redutos de cría na comarca de Ferrol, onde era común nos anos oitenta e noventa en prados e humidais da zona (Doniños, Valdoviño, Moeche, etc). E, despois de tres meses de busca e escoita moi intensos, nada de nada. ¿Estaremos diante da desaparición oficial da especie?
   Afortunadamente, ás outras folosas vailles bastante mellor. Como a esta Folosa marela, que aniña todos os anos nunha silveira de Taraza:


Folosa marela (Hippolais polyglotta)

    E con estas fotiñas déixovos até a próxima. Vémonos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos