mércores, 1 de xaneiro de 2014

1 de Xaneiro

   Hai anos que descobrín que a noite de fin de ano con toda a súa parafernalia non está feita para min. Eu prefiro saír ao campo en Aninovo.
  Esta mañá, e coa mente posta xa en "modo censo", voltaba pola ría. A mañá era horrible, ventosa e chuviosa. Pero iso de estar contando aves aguantando o paraugas cunha mao forma parte intrínseca dos censos que se realizan en territorio galego. E cómpre ir preparándose para o fin de semana.

 No Seixo, esperábanme tres auténticas delicatessen en forma de observacións extraordinarias, que converten esta pequena vila mugardesa nun dos lugares máis interesantes de toda a ría:

- 7 Mobellas grandes (Gavia immer). Seis delas formando a balsa habitual a primeira hora da mañá. Esta vez estaban máis perto, aínda que escuridade reinante a esas horas impedíu tomar imaxes claras.  
   Nunca na miña vida tiña visto un agrupamento tan numeroso da especie. Teño contado máis exemplares nunha soa localidade (en Ortigueira e na Lanzada), pero xamáis vira antes un bando tan compacto, cual se fosen parrulos ou corvos mariños. Algo impresionante para a humilde ría de Ferrol


   Quizá a foto anterior sexa histórica e difícilmente repetíbel por aquí.

Mobellas grandes (Gavia immer)

- Uns 140 Mergullóns. Deles a maioría eran de pescozo negro (Podiceps nigricollis), pero tamén había un número indeterminado de reais (Podiceps auritus). Digo indeterminado porque me pareceu que había máis que o outro día, pero o mal estado da mar impedía unha identificación segura. Vendo que o número total de podiceps medrou en case 30 exemplares, podería ter habido igualmente unha segunda entrada de auritus.

- 2 Garzas brancas (Egretta alba). En Ferrolterra-Ortegal, pasamos de buscar a foto dunha alba a buscar a foto de varios individuos xuntos, dada a súa evolución espectacular nos últimos anos, que a levou a converterse xa en ardeida habitual durante a invernada.
  Igualmente resulta común tamén durante os pasos en outros pontos, como a lagoa de Valdoviño (Abril-Maio e Setembro).

Garzas brancas (Egretta alba) no Seixo

  Por último paraba en Neda brevemente para facer un control de gaivotas. E hai unha mala nova: o macho de suposto Pato bastardo (Aythya marila) parece que non está. Vin a femia, que nadaba pola canle central mirando para todas partes, coma se buscase ao macho mismamente. A pesar dos intensos varridos que realicei co telescopio, semella que xa non está. Imaxino que abandonou o lugar ou que foi presa de un depredador (O Couto non é mala zona para un ataque de Azor).

  E dixen suposto pato bastardo, porque me comenta Cosme Damián que puidera tratarse máis ben dun híbrido de bastardo (Amarila) con cristado (A. fuligula). A verdade é que a min xa me parecera que tiña unha forma rara na cabeza e unhas cores "pouco de marila"; ata me parecían un pouco pequenos. Pero como estivera Damián e o dera por válido eu xa nin me plantexaba outra posibilidade (estaba tan concentrado na fotografía que non me parara na identificación).
  A femia, comenta que pode ser un híbrido de bastardo (A. marila) con Pato bola (A. affinis). Poño unha foto que lle tomei en vó, por se axuda (penso que era a femia):


 En fin, como digo, o macho parece que nos abandonou. A ver se conseguimos ver esta femia máis perto, se non se nos vai tamén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos