domingo, 2 de febreiro de 2014

Uns apontamentos sobre a bioloxía de Podiceps nigricollis e Podiceps auritus na ría de Ferrol

   Sen dúbida, os Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis) son a especie máis salientábel entre as aves acuáticas que invernan na ría de Ferrol. Este ano tivemos de novo unha invernada espectacular: 135 exemplares, que deberían ser 137, se non fose polas dúas "baixas" que tivemos hai dous meses (preme). Unha cifra que, xunto cos 138 mergullóns censados por David Martínez en 2011 (récord ata agora), sitúan a nosa ría coma unha das localidades máis importantes para a invernada desta ave no contexto do noroeste peninsular.


 É un ave que chega tarde ao noso país. Os primeiros grupos medianos vense normalmente a mediados de Novembro, que van aumentando en número ata mediados de  Decembro, aproximadamente. Aínda que tamén poden avistarse exemplares a finais de verán, en Agosto-Setembro (observacións persoais en Cecebre ou Maniños).


  Na Ría de Ribadeo, que foi hai uns anos o lugar con maior presenza de P.nigricollis en Galiza, experimentou un acusado declive, mentras aumentaba notablemente nas rías de Arousa (en Rianxo), que é a localidade máis importante actualmente, e na de Ferrol.
  Aquí amosa un gregarismo moito maior ca en Ribadeo, onde adoitaba dispersarse en grupos pequenos de 5-20 exemplares. Pola contra, na ría de Ferrol é doado ver agrupados case todos os individuos. Hoxe estaban 130 dos 135 exemplares no mesmo bando de Maniños, Fene.

Bando de 130 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

  Ademáis, parece ser que se xuntan todos para durmir formando unha balsa nun peirao da beira sur da ría, segundo me informou unha persoa. Un comportamente que comprobei tamén nas Mobellas (Gavia immer), das que este ano tivemos unha cifra extraordinaria de 8 exemplares invernantes, que aínda seguen por aquí.
   Aínda non coñezo moi ben os patróns que fan que as aves se dispersen ou se congregen, pois hai períodos, como foi o mes de Decembro, en que o grupo se fragmentaba habitualmente en varios bandos pequenos (algo que dificulta in extremis o seu censo)

  E, ao igual que as mobellas, os mergullóns de pescozo negro aliméntanse de peixes da ría, compartindo con elas o gosto polos signátidos (Syngnathidae spp), eses peculiares peixes de corpo e boca ríxidos, que inclúen os cabaliños de mar, aínda que a mioría semellan máis ben unha lombriz ou unha mini-serpe.

  Entre eles, este ano volveu aparecer pola ría un Mergullón real (Podiceps auritus), do que me pareceu ver varios individuos hai unhas semanas, algo que non puiden confirmar posteriormente.

Mergullón real (Podiceps auritus, dereita da imaxe)

 Se dicíamos que os outros podiceps son migrantes tardíos, podemos afirmar que o real chega máis tarde aínda, raramente antes de mediados de Decembro. Que eu saiba cóntanse cos dedos dunha mao as rías onde o Mergullón real ten invernada regular en Galiza. Entre elas están dúas da área ferrolá: Ortigueira e Ferrol, un auténtico lujazo.

Mergullón real (Podiceps auritus) entre M. de pescozo negro

   Mentras o noso Mergullón real mantén aínda as apagadas cores de inverno na súa plumaxe, os de pescozo negro están a mudar rápidamente cara á máis chamativa plumaxe nupcial. Agora mesmo podemos atopar P.nigricollis con todas as fases de plumaxe: inverno, transición e nupcial completo. Dentro dunhas semanas han estar todos coas cores nupciais (aquí). Todo un espectáculo. 


   En xeral as aves da familia dos podicípedos (os Somorgullos, vaia) acostuman iniciar as cerimonias de cortexo nos seus cuarteis de invernada. O seu parente maior, o Mergullón cristado (Podiceps cristatus) xa leva meses facendo "monarías", como puiden observar no Seixo en Decembro. Daquela conservaban a plumaxe de inverno, pero agora locen as galas nupciais case completas.

 Hoxe, eran moitos os mergullóns de pescozo negro que se entregaban a esa práctica ancestral da formación da parella, como puiden captar fugazmente na seguinte fotografía.

Mergullóns de pescozo negro en cerimonia de cortexo (fondo da imaxe)

  Básicamente consiste en diferentes ofrendas e unha especie de baile no que os dous membros da parella se erguen sobre a auga, coma se quixesen demostrarse mutuamente cual deles é máis alto.

 A todo isto, o Mergullón real (Podiceps auritus), mantíñase integrado no grupo de nigricollis. É un ave certamente difícil de identificar. Nas guías parece fácil, pero no campo, as cousas son outra cousa ben distinta. Tardei varios anos en familiarizarme o suficiente coas dúas especies de podiceps pequenos como para poder distinguilos en condicións adversas de pouca visibilidade e augas batidas (as condicións habituais dun censo en Galiza, vamos)


Mergullón de pescozo negro (P. nigricollis, esda.) e real (P. auritus, drta)

 Comezamos Febreiro. Nesta época do ano, ún espera con ansiedade os primeiros salgueiros agromando, a aparición das primeiras flores de prímulas e lirios marelos, os primeiros machos de Lagarto das silvas asoleándose nunha silveira, as primeiras andoriñas pousadas nun cable ou cruzarse coas primeiras volvoretas limoeiras nun camiño forestal. Ún espera ansioso a chegada da Primavera, o mellor período para o naturalista, sen ningunha dúbida.  Sobre todo cando se vén dun inverno tan longo coma está a ser éste. Un inverno que se me está facendo demasiado longo,  interminábel....

4 comentarios:

  1. A ver se chega, porque eu este ano non vexo nada, nin anatidas nin anfibios, nin reptiles. O outro dia atopei a primeira P.bocagei asoleandose..

    Cesar

    ResponderEliminar
  2. Moi interesante este post. Molan os mergullóns "nupcialeando". Parabéns!
    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Tiña pensado poñer algunha cousa máis, pero era tarde e se me foi o santo ao ceo. A ver se o auritus fica até mudar a plumaxe. Seguro que ti o tés visto nalgunha viaxe desas que fás, pero para min sería un "bimbo" (perdón pola palabrota)
      Do outro (o que me mandaches por whatssap) ao final non comentei nada. Pero xa chegará o momento...porque é desas cousas que doen bastante, a verdade, como lle dixen a Ricard. Aínda que pareza incríbel eu tamén teño o meu "corazoncito".

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos