venres, 15 de agosto de 2014

Máis fotos de "limis"

  Até que dea comezo o paso potente de mariñas no cercano cabo de Ponta Frouxeira, a praia dos Botes ha ser o meu local patch. Esta mañá voltaba por aló, para continuar a serie de fotos cos primeiros grupiños de aves que están aparecendo. Onte andaba un Mazarico por alí, pero hoxe non o vin.

Mazarico chiador (Numenius phaeopus)
Canon SX50, focal 215 (equiv. 1200 mm), F:6,5 Vel: 1/30 seg (trípode) ISO 250

      O mazarico estaba lonxe e había pouca luz, así que tiven poñer trípode e baixar a velocidade a unha barbaridade de 1/30 seg (mirade con qué focal disparaba). A foto vale para publicar.

  Esta mañá o sol lucía con certa forza, aínda que a marea estaba alta, e iso implica que as aves descansan agrupadas. Nestas circunstancias é máis difícil aproximarte, así que en vez de primeiros planos intentei tirar fotos interesantes. Gostaríame facer algún curso de fotografía pero me resulta complicado, así que debo aprender as cousas sobre a marcha en plan autodidacta, e escoitando con atención aos que saben cando coincido con eles.
  Agora estou aprendendo a fixarme nos elementos do fondo e nos movimentos das aves cando se limpan.

 Pilros comúns (Calidris alpina) e Píllaras reais (Charadrius hiaticula)

    Fixen varias tomas, tentando recoller a entrada da escuma do mar detrás das aves. Nesta quedou... máis ou menos (fotógrafos, non vos riades coño, que estou empezando)


Píllaras reais (Charadrius hiaticula)

      Por aló apareceu tamén o Virapedras (Arenaria interpres) de onte. Pero nesta ocasión mostrábase  moito máis desconfiado. Xa vos dixen que cando se alimentan é máis doado velas perto, se sentas en silencio na area.


Virapedras (Arenaria interpres)

   A ver se nos próximos días temos novidades nos Botes. Haberá que estar atentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos