sábado, 22 de novembro de 2014

Escribenta das neves (Plectrophenax nivalis) na Frouxeira. Por fin!

    Son moitas as especies de aves que nos últimos tempos desapareceron ou se volveron máis escasas no sistema dunar da Frouxeira: Gatafornela (Circus cyaneus), Esmerillón (Falco columbarius), Lagarteiro (Falco tinnunculus), Alcaraván (Burhinus oedicnemus) , Laverca (Alauda arvensis), etc... A Escribenta das neves (Plectrophenax nivalis) é unha destas especies en declive. Así que tiña ganas de facer un post sobre este fermoso paxaro, que parecía fuxir de min desde que teño cámara fotográfica. E onte visitaba a praia precisamente con esta idea.

   Comezo cunha foto curiosa. As pequenas Honkenya peploides (creo) medrando na area semellaban unha imaxe da taiga vista desde o céu. Verdade?

Honkenya peploides nas dunas móbiles

    Ao mediodía (13-15 h.) a presenza da peste é, digamos, soportábel. Non gosto nada deste horario, mais debe ún adaptarse ás circunstancias.


      Na praia había catro surfeiros, tres pescadores de robaliza e dúas persoas con binóculos que non pararon a saudar (tiñan pinta de ser profesores da universidade ou técnicos da Xunta). Unha imaxe amábel e tranquila do que debe ser unha praia protexida, moi diferente da que hai pola mañá, cando está infestada pola peste. Agradecín moito este momento de tranquilidade,  pouco habitual xa nas praias coruñesas.


      As pegadas recentes na area monstraban o percorrido nocturno dun temible cazador: a Lontra (Lutra lutra), que só visita o areal nas horas da noite. Pola contra ten un comportamento tamén diurno na lagoa.

 Pegadas de Lontra (Lutra lutra)

     Algunhas charcas do sistema dunar estaban xa cheas de auga.

 Charcas estacionais no sistema dunar


      Onte tivemos unha breve "tregua" meteorolóxica. Logo de días e días de chuvia, o vento do Sur trouxo temperaturas elevadas e ausencia de precipitacións. Iso provocou unha aparición masiva de Libeliñas, que se contaban por ducias no entorno das charcas.


    Case todas as que identifiquei eran Lavacús de Fonscolombe (Sympetrum fonscolombii). Non perdían o tempo e había numerosas parellas depositando os ovos na auga. O macho (vermello) sostén a femia pola cabeza cuns apéndices que posúe no extremo do abdome mentras ésta deposita os ovos, xa fertilizados, na auga. Todos os zigópteros (cabaliños do demo) manteñen o "támdem" durante a posta, pero non todos os anisópteros o fan. Sympetrum prolonga esta conduta protectora até este momento crítico.

 Lavacús de Fonscolombi (Sympretum fonscolonbei) en plena faena

  Non escollín ben a velocidade (a luz tampouco permitía demasiadas alegrías á bridge) e as fotos saíron algo movidas. Pero era unha escena moi bonita ver a superficie das charcas ateigada de Libélulas, como se non estivesemos a mediados de Novembro.



   Un montón de Gaivotas choronas (Larus ridibundus) patrullaban incansablemente o sistema dunar, facendo manobras estranas no ar. Penso que estaban a capturar precisamente libeliñas ou algún tipo de insecto voador (había moitos dípteros tamén).


     Polo medio xuntáronse tamén dúas cabecinegras (Larus melanocephalus). Xa teño visto este comportamento entomófago noutras gaivotas (Larus michahellis consumindo formigas voadoras na cidade de Ferrol), mais nunca me fixara neste caso das choronas.


     A "Charca das espadanas" está preciosa arestora. Varias Rás verdes (Pelophylax perezi) e Estrozas (Hyla arborea) formaron tímidos coros de canto, aproveitando eses case 20 graus que chegou marcar o termómetro neste agradábel día outonal. Afortunadamente o Caranguexo vermello (Procambarus clarkii) non chegou á Frouxeira, así que as poboacións de anfibios non teñen máis inimigos que os naturais (e o xabalí, por suposto, outro día falamos diso)


   Aaaaai,... qué bon lugar sería éste para facer unha aula da Natureza, con un par de obras mínimas. Canto potencial desaproveitado....(unha das alegacións ao Plano de Conservación que fixen era precisamente sobre isto, pero a miña recomendación non chegou a onde tiña que chegar, polo visto...)


   Na praia, por fin, conseguía fotografar dúas Escribentas das neves (Plectrophenax nivalis)


    Nos anos 80-90 era doado ver bandos de 10, 15 ou até case 30 aves, que invernaban de maneira regular na praia da Frouxeira. Actualmente a súa presenza é moi irregular e escasa, aparecendo exemplares illados ou grupos moi cativos (2-5 aves), cando aparece.


   Esta bonita escribenta é unha das especies que observaba frecuentemente antes de facer fotografía pero que non conquería afotar agora. Así que foi unha observación longamente esperada que me fixo moi feliz (moito máis que a Escribenta Pigmea de Lobadiz)


      Teño a convición de que algunhas especies de aves desapareceron da praia nos últimos anos debido á peste (os cans soltos). No caso da Escribenta das neves quizá a causa sexa de tipo climático, pois está en franco retroceso en todo o país. José Souza tenme falado de grupos moito meirandes nos anos 70/80; de até 50 ou máis exemplares en Baldaio, se non lembro mal. Como din os vellos, daquela os invernos eran invernos...

   Este aparente retroceso da especie, sumado á fermosura do animal, fan esta cita especialmente atractiva para os que xa levamos uns aniños nisto da ornitoloxía. Pero é que ademáis o inverno pasado tiven unha Escribenta das neves invernando nun lugar tan alucinante como é o própio asteleiro de Navantia onde traballo. Sen dúbida que debía ser aquel individuo que vira Pedro Cruzado no peirao de Maniños, que cruzaría a ría desorientado ou perdido dun grupo en migración activa. Ben, pois fun incapaz de afotalo. E era un exemplar inusualmente confiado que víamos case a diario no mesmo lugar, pero cando levaba a cámara ao choio (ás escondidas, pois está proibido) o bicho non aparecía. Foi o post que nunca cheguei a facer.


Escribenta das neves (Plectrophenax nivalis)

   Déixovos coa foto deste fermoso exemplar. Penso que femia, pois ao voar non apreciei demasiado branco nas ás. Aproveitemos mentras dura a súa presenza nas praias ferrolás, onde únicamente aparece por aquí (aínda que na serra da Capelada é común nas súas campas máis elevadas, onde Ricardo Hevia o controla anualmente).

En fin, unha observación que por sí propia xustificou a visita.

12 comentarios:

  1. Buenas Xabi

    Hace más o menos una semana había ya 3 en esa zona
    Hace dos inviernos invernó un bando de 10 ej. ahí en las dunas y no hace tanto otro de 7.
    Como bien comentas el ej. de la foto es una femia.
    Me alegro de que los pillarás ya de una vez.

    Saludiños

    Ricardo

    ResponderEliminar
  2. estupendo pajarillo Xabi!!! Enhorabuena!!!
    Saludos

    ResponderEliminar
  3. Preciosa entrada Xabi. As fotos, o texto, a multidisciplinaridade... Unha delicia. Noraboa e apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas Quique.
      PD: Menos mal que aproveitei o venres para bichear, porque vai tempo o finde todo por aquí....

      Eliminar
  4. Olá Xabi, parabéns pela Escrevedeira-das-neves, ainda não tive o prazer de a observar esta temporada. As Libélulas em voo, ficaram muito bem, por aqui não temos observado muitas por esta altura do ano.

    Um abraço

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá Inocêncio:
      Suponho que pola tua afeiçom às gaivotas e às praias has dispór de muitas ocassoes de avistar estas Escrevedeiras. Umha pergunta: chegam até o Sul de Portugal ou ficam apenas na costa do norte? Porque ti andas pola zona de Porto, nom?

      Eliminar
    2. Sim, costumam aparecer pelas praias aqui da minha zona, na zona do Estuário do Douro, em Gaia, ficam por vezes durante semanas. São observadas ao longo da costa até Lisboa, menos comum a sul, Alentejo e Algarve onde tem poucos registos por ano. Também aparece na Serra da Estrela, nos cotas mais altas.

      Abraço

      Eliminar
    3. Até Algarve??? Caramba, nom sabia que chegavam tam abaixo....
      Graças.

      Eliminar
  5. Hola xabi

    me alegro de que los pillaras.
    Hace creo que dos inviernos invernaron ahí 10 ej y no hace tanto un grupo de 7.Con los perros y tanta gente paseando hay veces que no se ven y están muy moviles.
    y yo creo que efectivamente esl ej de la foto es una hembra.

    Saludos

    Ricardo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Dez escribentas? Qué ben!! Ese dato axuda a conservar a esperanza respecto a Frouxeira, unha esperanza que eu teño baixo mínimos, a verdade (o de ver todos os outonos aos tontainas da Xunta medindo niveis de auga todo o puto día en vez de controlar a peste é unha mostra da estulticia da Consellaria mal chamada de Medio Ambiente).
      Como dís o dos putos cans dificulta a observación das aves que aínda resisten. O meu horario de visitas naturalistas foi sempre o da mañá, que é precisamente cando se dá a presenza máis masiva da peste na praia. Fíxate que estas dúas escribentas afotadas fórono xusto nunha franxa horaria que non acostumo (á hora de xantar). Quizá sexa nestes momentos cando teñamos que visitar a praia se queremos ver limícolas ou outras aves con unha mínima tranquilidade.
      Unha aperta Ricardo.

      Eliminar
  6. Hola, Xabi. Gracias por avisarme de esta observación, porque hace tiempo que no entro en ningún blog. Enhorabuena por haberte sacado la espina de los nivales, que ya te iba siendo hora por tu zona porque, en los últimos años, el área Ferrolterra-Capelada es quizá el único "bastión" regular de la especie en la Península. Por lo que veo, se trata de un macho de 1º inv. y, probablemente, una hembra también joven. A juzgar por el color del manto, es posible que el macho pertenezca a la subespecie nominal. En cuanto a Baldaio, los máximos invernales (diciembre-febrero) alcanzaron los 50 individuos en 1980-81, pero llegó a haber una concentración impresionante, de unos 100 nivales, en noviembre de 1975. Algo para ver y no contar... Qué buenos tiempos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Buff, 100 bichos!!, qué barbaridade, José! Pero a miña auténtica espiña é non ter coñecido Antela e Baldaio tal como eran antes da súa destrución (ti polo menos coñeciches Baldaio). Como dís, qué tempos!.
      E ben sei que non te prodigas moito polos blogues, así que che agradezo a visita dobremente.
      Un forte abrazo, crack.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos