luns, 8 de decembro de 2014

Ría de Ortigueira 7/12/2014. Un par de novidades e pouca cousa.

   O domingo 7 - Decembro, facía unha visita de control á ría de Ortigueira, onde me atopaba con Juan Gómez Escariz primeiro e coa xente de "Grupo Ornitolóxico Calidris" despois.

   Inicialmente tiña pensado facer algún censo completo para ir mirando en serio como vai a invernada, pero entre a chuvia por un lado e as paroladas que botas coa xente por outro, pois a final apenas contei nada. Paso a reseñar o máis destacado da xornada.

- 2 Mobellas grandes (Gavia immer)
- 5 Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
- 2 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)
- 3 Garzas brancas (Egretta alba) na ría central. Non parei na enseada de Ladrido (o outro sector do humidal) onde hai, seguro, 2-3 albas máis.
- 9 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- Os clásicos 100-150 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo).
- 5+ Corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis) dentro da ría.


 Mobella grande (Gavia immer)

     No porto atopábame con Álvaro, Antonio e Eulogio (de Calidris). Como fago sempre, baixei e disparei a pulso a un grupo de garzas que estaban situadas a uns 400 m (por sigpac). Cando fas isto os fotógrafos de reflex sempre quedan sorprendidos e exclaman con incredulidade "- Pero... vas disparar desde aí??"  Éstes son os momentos máis divertidos de ter unha bridge, je, je..

  Falando en serio, sempre aproveito para parasitar información cando estou con estes cracks da fotografía. Ao Antonio, que tamén é "canonista", preguntáballe o do enfoque de seguemento nas Canon medias. A ver se un día destes practico iso coa 60D.


 Mestura de garzas na ría central

    Máis tarde collín as Garzas brancas de San Claudio no seu repousadoiro habitual durante o período de preamar.

 Garzas brancas (Egretta alba) no repousadorio de preamar
Canon SX50   ISO 80  V: 1/60 seg (trípode e autodisparo)
Distancia: 530 m (e contraluz).

 Corvos mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), plumaxe nupcial

Seguimos:

- 2 Gansos bravos (Anser anser) pastando nos campos de San Adrián (Feás)
- Muitos asubiadores (Anas penelope). Igual que o inverno pasado parecen estar case todos concentrados na canle central e na Lagarea.
- 42+ Patos culler (Anas clypeata). Censei só o grupo do porto-Feás
- 224 Patos rabilongos (Anas acuta). Unha moi boa cifra. Non superábamos a varreira dos 200 desde o ano 2006. Segue a ser unha das localidades principais para a invernada da sp en Galiza (e de todo o cuadrante NW ibérico)
- 2 Mergos cristados (Mergus serrator)
- 6 Pentumeiros (Melanitta nigra)
- 36 Pilros grosos (Calidris canutus)
- 9 PIlros tridáctilos (Calidris alba) en Cariño
- 171 Pilros comúns (Calidris alpina) no intermareal de Ortigueira en baixamar. Non eran todos os que había, pero temos que ir esquecendo aquelas manchas brancas de pilros que cubrían medio intermareal...

 Gansos bravos (Anser anser)

   En fin, e pouca cousa máis me deu tempo a contar. En parte a culpa foi da famosa Gaivota de Bonaparte (Larus philadelphia) que hai en Cariño e que, segundo os expertos, pode ser o mesmo exemplar do ano pasado.

  Juan e máis eu empregámonos a fondo con ela a primeira hora. Cando a tiña lista para facer fotos boas de verdade levantou. Poño as que puiden tirar.




Gaivota de Bonaparte (Larus philadelphia)

 E con este glamuroso personaxe rematamos por hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos