domingo, 15 de febreiro de 2015

A Frouxeira; seguen os Patos cristados americáns (Aythya collaris)

   O inverno está a ser climatolóxicamente normal por esta zona. E algúns estamos fartos xá de tanta chuvia como caeu: Novembro con 253 mm e 23 días de chuvia superior a 1 mm, Decembro con 119 mm e 18 días de chuvia e Xaneiro con 140 mm e 20 días de chuvia.  Nestas alturas o sol e o calor da Primavera espérase por todos para dar alegria e beleza ao noso campo.

   Unha vez rematado o estresante período dos censos de acuáticas, todos os anos teño un momento de  tranquilidade en Febreiro. Aproveitando que a lagoa da Frouxeira está baleira de novo, adiquei esta fin de semana a relaxarme practicando fotografía. O sábado atopábame con Alejandro e cunha familia de ornitólogos burgaleses que estaban de paso por Ferrol. Por certo, que coñecían mellor ca min todas as rarezas que había nestes momentos pola zona. Isto de Internete é a hostia...

 Panorámica da enseada coñecida como "Lago Pequeno"

    O orballo persistente (como adoita ser a nosa chuvia máis característica) estropeou as dúas xornadas. Apenas tiven un par de horas sen auga na que poder disparar a algunha cousa.

 Garzas reais no illote da Lapela

Garza real (Ardea cinerea) adulta coa pumaxe nupcial

  En días así o mellor é agardar pacientemente no observatorio e esperar a que saia algunha sorpresa da canaveira.

 Observatorio da Frouxeira

  O intermareal, que onte ía cubríndose pola crecida, concentra xa bós grupos de gaivotas grandes. O mes que vén será espectacular.


     Un enorme Gaivotón descansaba entre os Corvos mariños

Gaivotón (Larus marinus) e Corvos mariños (Phalacrocorax carbo)


  Pero a noticia estes días é a presenza de un grupiño de 3 femias de Pato cristado americán (Ayhtya collaris)

 Pato cristado americán (Aythya collaris) e chupón (Aythya ferina), femias

  Non se atopaban excesivamente lonxe para as prestacións da SX50 (a uns 100 m), pero estaban xusto a contraluz e con unha luz mínima ademáis. Así que tiven que facer auténticos malabarismos entre a sensibilidade e a velocidade para poder lograr un mínimo de nitidez. Posteriormente, foi necesario editar bastante as fotos dixitalmente,  sobre todo aclarando un chisco as sombras, a cambio de perder contraste lóxicamente. Xa digo que as condicións non é que fosen malas, senón horrorosas.


Patos cristados americáns (Aythya collaris)

  Esperemos que se queden unhas semaniñas máis a ver se os podo coller de cerca e con boa luz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos