domingo, 13 de decembro de 2015

Censo na Lagoa de Valdoviño 13-12-2015

  A lagoa da Frouxeira foi aberta este mes pola consellaría de Medio Ambiente. Imaxino que abriron polo trazado oriental que eles consideran o orixinal mais, polo visto, a lagoa volveu abrir soa por onde sempre, ou iso me comentaba un veciño. Ollando as marcas da erosión e o baixo nivel das augas, penso que efectivamente debeu acontecer así.

 Canle pechada temporalmente debido ao efecto mareal

   Sen embargo esta mañá descubría unha "novidade":


     No dique artificial que inventaron os da Consellaría aparecen agora amontoamentos de area "que trouxeron en sacos", co único fin de impedir o baleirado natural. E logo hai quen acusa á Xunta de desecar a lagoa... En fin, supoño que hai que facerse notar na campaña eleitoral e o disparate da desecación é o máis recorrente nesta época.

Amontoamento de areas no dique da canle

     En calquer caso, o nivel das augas está agora mesmo no que eu considero óptimo, que favorece a diversidade e riqueza de aves (e a observación das mesmas).
     Póñovos os dados do censo de aves acuáticas que realicei a primeira hora desta mañá na lagoa (non fun nin á praia nin ao sistema dunar):

- 79 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)
- 11 Garzas reais (Ardea cinerea)
- 24 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
- 1 Pato asubiador (Anas penelope)
- 195 Lavancos (Anas platyrhynchos)
- 1 Pato rabilongo (Anas acuta)
- 110 Patos frisados (Anas strepera)
- 4 Patos culler (Anas clypeata)
- 97 Cercetas (Anas crecca)
- 92 Patos chupóns (Aythya ferina)
- 6 Patos cristados (Aythya fuligula)
- 2 Patos cristados americáns (Aythya collaris)
- 138 Galiñolas negras (Fulica atra)
- 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
- 3 Gaivotóns (Larus marinus)
- 320 Gaivotas comúns (Larus michahelis/fuscus/etc)
- 35 Gaivotas choronas (Croicocephalus ridibundus)
- 1 Picapeixe (Alcedo atthis)

 Grupo de Mergullóns (Tachybaptus ruficollis) no "Cinto do Oeste"

 Patos mergulladores (Aythya spp) e Galiñolas (Fulica atra)

   Para que fose un censo completo habería que prospectar a canaveira e a praia, pero non está mal. Son números modestos, ridículos para unha lagoa deste tamaño que estivese situada en Castilla ou Andalucía por exemplo, pero no contexto galego A Frouxeira segue a ser a lagoa máis importante para a invernada de acuáticas, con moita diferenza sobre o resto.


     Agora mesmo hai unha boa diversidade aínda que se vén o frío probablemente notarase un aumento tamén a nivel cuantitativo. E, polo que vin hoxe, parece provábel que a canle volva abrirse en breve. Se alguén de vós vai por aló estes días agradecería que me tivésedes informado. Graciñas.

2 comentarios:

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos