martes, 2 de febreiro de 2016

Febreiro, tempo de espera, tempo de Villafáfila.

    Como cada ano Febreiro resulta un mes de pausa, logo dos estresantes censos de acuáticas de Xaneiro, que implican muitas horas de traballo. Estamos á espera desa Primavera que traerá un estourido de vida e beleza. Entón haberá tempo para volver a currar no atlas de aves nidificantes, tamén para seguir aprendendo cousas sobre entomoloxía (bolboretas e libeliñas sobre todo) e para continuar a recollida de dados de anfibios e répteis na medida do posíbel.

   Estes días estou en plan "vago total" (motivos teño para merecer estes pequenos descansos nos que desconectar de todo e de todos). E como non teño nada novo que publicar poño unhas fotos do lugar máis marabilloso do mundo: Villafáfila, por suposto, a terra da luz, das aves e da tranquilidade.

 Estepa cerealista de inverno

   Tradicionalmente neste período de finais de inverno adoitaba visitar a reserva zamorana pois é unha época excelente para ir. Ademáis das aves invernantes que aínda seguen aló empezan a aparecer xa os primeiros migrantes primaverais e os días son notablemente máis longos.
  Lamentablemente a cada ano que pasa teño máis complicacións para facer excursións deste tipo e non sei se este ano poderei dispor de tempo.

 Anátidas na Salina Grande

  Grazas ao traballo de seguimento permanente que realiza Alfonso Rodrigo (El Pernil) sabemos que este ano a chuvia benfeitora trouxo de novo todo o seu esplendor a este humidal, castigado o ano pasado por unha terríbel seca. E coa auga veñen sempre as aves, que hai arestora por milleiros, como nos relata cada semana Alfonso. Así que xa sabedes, o que poda ir que nin o pense (agora coa autoestrada son tres horas e cuarto ou tres horas e media). Porque a primeira visita a Villafáfila é unha experiencia única e inesquecíbel, especialmente se procedes da montañosa e húmida costa galega, tan alterada e tan pobre en espazos naturais.

 Salina Grande de Villafáfila

     A min tócame revisar e recopilar os censos que fixemos entre os compañeiros da SGHN-Ferrol para enviarlles os datos a eles e á Xunta Directiva para a súa futura publicación. E, se hai sorte, ao mellor atopamos un momento para saír desta Ferroliño tan gris e triste e aparecer na terra da luz.

Campo de Mapoulas

   Insisto no consello anterior. Se queredes desfrutar dunha riqueza de aves extraordinaria e dunhas paisaxes espectaculares, a palabra é Villafáfila. E tendo en conta os altos níveis hídricos que hai este ano se escolledes un finde entre mediados de Abril e principios de Xuño iso xa serán palabras maiores, podedes estar seguros.

6 comentarios:

  1. Ánimo co «traballo de oficina». Revisar datos pode parece aburrido, pero ás veces saen cousas interesantes, que a simple vista non detectaramos.
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. No caso concreto do que fago eu non é tampouco que sexa aburrido, Inés, porque a min estas cousas dos censos encántanme, pero si que me ocupan un tempo que perdo de empregar noutras tarefas domésticas.

      Eliminar
  2. Pasei estes días. Moita xente, si señor. Mágoa non ter máis tempo. Parece que andamos coincidindo nas entradas. Unha aperta. A mandare.

    ResponderEliminar
  3. Pois nada, unha visitiña por alí, e a curar a morriña castelá ;)

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos