Como sabedes na chaira da Limia (centro-Sur da provincia de Ourense) existía unha lagoa chamada Antela, que foi en tempos das máis grandes da Península, xunto con La Janda (Cádiz), Laguna de Duero (Valladolid) e La Nava (Palencia). A súa desecación, en pleno franquismo, foi quizá o maior atentado ecolóxico da nosa historia recente, perdendo para sempre un humedal que sería agora de importancia internacional, comparable aos máis importantes a nivel peninsular.
A pesar da traxedia, a chaira onde se asentaba a lagoa conserva aínda unha serie de valores ecolóxicos únicos en Galiza, grazas aos seus hábitats de campiñas abertas, encharcamentos estacionais e pozas de canteira restauradas.
Neste fermoso libro Estaban lévanos nun percorrido polas principais especies de aves da Limia grazas a unha serie de imaxes espectaculares que semellan máis propias dun fotógrafo profisional. Podemos imaxinar as moitas horas e esforzos do autor para captar todas estas escenas fantásticas. Porque estamos diante dun libro eminentemente fotográfico, onde a imaxe é protagonista absoluto e que entusiasmará aos afeizoados á fotografía de Natureza.
Pego unhas palabras do autor:
Creo que desde sempre, sentín paixón pola natureza e unha ansia especial en
captar, a través da fotografía que practico como afeccionado, os fugaces
instantes que nela ocorren. Pero sen dúbida son as aves, das que canto máis coñezo máis
sorpresa e admiración me producen, as que me cativan e nas que centro
especialmente toda a miña atención.
Son autodidacta,
amante da luz e o detalle, inspirándome única e exclusivamente nas marabillas que a
natureza nos regala, e sempre intentando reflectir fielmente as situacións naturais.
A primeira vez que
acudín á Limia, quedei atrapado polo que Serafín Gonzalez denomina “a chaira do
encantamento”.
Entre 2008 e 2016, dedicolle certo tempo a
fotografar en varios concellos da comarca ourensá as 183 especies de aves que
se mostran aquí, e non deixou
de sorprenderme a ampla biodiversidade presente, malia as calamitosas actuacións (desecación
da lagoa, deforestacións, etc.) que alí se levaron a
cabo.
As fotos que
aparecen neste libro corresponden a aves silvestres na súa propia contorna; non se
utilizaron nin reclamos nin ningún outro medio de atracción destas.
Simultaneanse as imaxes estáticas e primeiros planos co maior número posible de voos e fotos de acción, que aínda que, polo efémero do momento, resultan máis complicadas
de realizar, mostran en maior medida o esplendor e espectacularidade das aves.
Cada especie se
presenta co seu nome científico, nome en galego e nome en castelán. Logo
localidade, mes, ano, situación na Limia e características técnicas da foto.
O libro pódese comparar nas librarías "Arenas", "Maside" e "Moito conto", así como nas principais librarías de Compostela, Ourense e Xinzo. Tamén se pode pedir a amazón.es, ou directamente ao autor, a través do teléfono 617411841 e do correo esolleiro@mundo-r.com. O prezo é de 38,50 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos