domingo, 3 de decembro de 2017

Encoro das Forcadas, confirmada nova invernada de Tringa ochropus.

   Por segundo ano consecutivo o Bilurico alinegro (Tringa ochropus) ficou invernar no pantano das Forcadas (Valdoviño). A que era unha limícola migrante de Verao converteuse ademáis en especie invernante desde hai uns anos na Galiza. Primeiro na Limia, logo noutras localidades do interior e agora faino xa en humidais litorais ou pre-litorais como Forcadas. Semella probábel que a mudanza climática global poida ter moito que ver nisto. Un cambio causante de que o encoro manteña o seu nível mínimo, que eu só lembro outra vez, hai bastantes anos.


   Estas fotos tireinas a semana pasada coa Sony (son JPEG sen edición)

 Ribeira de Loiravella xeada

 Esta mañá o tempo seguía frío (cero graos é frío coa humidade tan alta que temos por aquí)


  Coa Canon SX60 a toma de panorámicas resulta complicada (sobretodo sen luz). Coido que había saír mellor coa SX50. Desde logo as paisaxes non son o seu forte...

 Enseada de O Pereiro completamente enxoita (acuarela pintada con Canon SX60)

 Esta mañá puiden observar o seguinte:

- 1 Pato asubiador (Anas penelope)
- 67 Cercetas reais (Anas crecca)
- 14 Patos chupóns (Aythya ferina)
- 2 Galiñolas negras (Fulica atra)
- 2 Narcexas (Gallinago gallinago)
- 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
- 2 BILURICOS ALINEGROS (Tringa ochropus). Confírmase a invernada na comarca de Ferrol (xa se coñecía no lago artificial de As Pontes)
- 1 Pilro común (Calidris alpina, supoño, estaba moi lonxe)

 Bando de Patos chupóns (Aythya ferina)

  Varios paxaros terrestres resultan abondosos durante o inverno nas beiras do encoro: Lavandeiras brancas (Motacilla alba e yarrelli), Lavandeiras reais (Motacilla cinerea), Picas dos prados (Anthus pratensis) e Picas alpinas (Anthus spinoletta).


  Unha Pica alpina alimentábase nunha leira de Loiravella.

 Pica alpina (Anthus spinoletta)
Canon SX60  (focal 247 mm)  ISO:800   V:1/250  F: 6,3


     Esperemos que esta seca remate axiña...

4 comentarios:

  1. En cada posts ,aprendo más que en los libros, tus pots son increíbles y las forcadas se llenarán de agua muy pronto,un saludo

    ResponderEliminar
  2. Da pena ver así as Forcadas... A ver se chove en serio dunha vez.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos