martes, 22 de maio de 2018

Na "Pesqueira"

  Agora que a peste mascoteira infecta de maneira permanente todos os espazos naturais cómpre buscar novos roteiros máis tranquilos e apartados (non vale a pena voltar a casa enfadado). Ún deses recantos é a "Baía da lontra", no sector occidental da lagoa da Frouxeira, unha recollida enseada baptizada así por min hai trinta e dous anos.

 Baía da Lontra

 E, dentro dela, ún dos entornos con maior potencial de toda a lagoa: "A Pesqueira", unha canaveira pantanosa que se formou sobre unha vella pesqueira para Anguías. Xunto co cinto de canaval anexo e a propia Baía da lontra conforman a parte máis accesible da canaveira/xunqueira, e un lugar moi interesante para a nidificación de acuáticas.

"A Pesqueira"

  Lamentablemente ese enorme potencial que sobretodo posúe para as aves non se ve reflectido na realidade, tras décadas de forte declive das especies máis representativas; un declive acentuado coa irrupción invasiva e terrible do Porco bravo (Sus scrofa) a finais dos noventa.

  Unha Garza vermella en paso migratorio parece querer dicirnos que non todo está perdido.

 Garza vermella (Ardea purpurea)

  Polo menos pasamos un bon rato desfrutando co que parecía unha Lontra femia cun cachorro.

 Lontra comendo pequenas Anguías

  Resulta moi chamativo como a dieta da Lontra varía radicalmente segundo o hábitat ocupado: Anguías nas lagoas litorais, Cangrexos vermellos americanos no encoro das Forcadas e peixes óseos típicos ou planos nas rías.

  Os cachorros gostan moito do contacto directo coa súa nai, chegando a nadar literalmente a cavalo delas. É un espectáculo certamente fermoso.

 Lontras (Lutra lutra)

  Desta volta semella que a Primavera xa está para se quedar. E con ela saen os primeiros voantóns.

 Polo voantón de Chasca común (Saxicola torquata)

  E tamén deu comezo a tempada entomolóxica. Este ano quero afondar un pouco máis no campo dos coleópteros, aproveitando a guía que amablemente me regalou Pablo Torrella.

Cicindela (Cicindela campestris)

   Grazas por me ler.

18 comentarios:

  1. Y qué bien estuvimos,hasta un rascón nos dio tiempo a ver pasar fugaz entre los juncos , pena no poder haberle sacado una foto , pero bueno quiero darte la gracias por haberme echo disfrutar de tu conocimiento acerca del hábitat y sus grandes sorpresas que guarda la laguna,como dos limicolas,la garza y la nutria.P.D Desgracia el campo acabado de sembrar de Eucaliptos pegado a la lagos,terrorismo medioambiental duro de ver.gracias

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Terrorismo medioambiental, certamente. Pero non perdamos de vista que os "terroristas" non son os paisanos que plantan os eucaliptos, senón a clase política que fomentou esta barbaridade, en connivencia con Ence

      Eliminar
  2. Non podo crer que vaia marchar de Galicia sen ver a lontra en directo. O meu xa é unha vergoña.

    Grazas por compartir. Apertas e bicos,
    Inés

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ti pásate por Ferrol cando podas e te levo a velas.
      Bicos e boa sorte na Catalunya.

      Eliminar
  3. Saudos Xabi
    vexo que non comentas nada dos palustres, hoxe rematei o censo coa visita a Salcidos A Guarda, ainda acabo de chegar agora a casa.A cousa está moi, moi mal, sería interesante recoller datos para ir confirmando a desaparición da especie na próxima decada.de 5 humidais que censei onde se reproducía a especie so sairon 5 parellas cando no 2008 eran 38 nos mesmos lugares.
    Manda os comentarios o meu correo , grazas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ben, non as mencionei porque esta zona, sendo boa para acuáticas, non está ocupada pola Escribenta actualmente. O territorio de cría do schoeniclus é a marisma central, que ademáis vou censar este sábado, xunto con Pantín, se me dá tempo. Ten por seguro que te informarei en canto teña resultados.

      E debo anunciarche unha boa nova, Emilio. O meu colega José Ramón Castro observou esta mañá un exemplar no lago de Doniños, no mesmo lugar onde foi confirmada a cría (con éxito) o ano pasado. Haberá que montar un operativo para facerlle seguimento.

      Pásoche agora este comentario por correo.

      Eliminar
  4. Unha dúbida:o censo de escribenta é a nivel particular?grazas de antemán.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Emilio ás veces tarda en contestar así que me adianto eu. Polo que di eu entendo que é un censo persoal que está a levar a cabo para contrastar os resultados co anterior, de 2005, e que fora publicado pola SEO.

      Eliminar
  5. Grazas Xabi,a min tamén pareceume entender iso,menudo curro!
    Saúdos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É o que pasa cando os paxareiros teñen unha única obsesión, que non pasa polas especies autóctonas. Logo os catro que traballan nestas cousas se comen un marrón de curro por falta de colaboración.

      Eliminar
  6. Bueno...discrepo neste caso,oficialmente(ata onde eu chego) non pediu colaboración.O censo tamén o podería facer baixo o paraugas dalgunha asociación...aquí xa nos saimos do guión inicial.
    Grazas de novo e unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. David, ten por seguro que se o perfil dos paxareiros galegos fose distinto este tipo de cousas non sucederían. Ademáis hai outra cousa. Se os paxareiros que teño ao lado están todo o ano adicados única e exclusivamente ao que ti e máis eu sabemos pois igual tampouco me apetece chamalos para in censo serio ou "oficial", pois non teñen preparación para censar escribentas ou limícolas. Eu cando censaba coa SGHN sempre preferín ir só que "cargado" cunha persoa que te ralentiza ou que non amosa seguridade na identificación.
      Pero estou falando por min. Polo que sei neste caso acontecen outras variábeis.

      Eliminar
  7. Persoalmente este tipo de traballos "autónomos" parécenme un puntazo,obviamente,teñen os seus pros e contras.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Desde logo. Pero neste caso concreto falamos probablemente da persoa que mellor coñece en Galiza ao Emberiza schoeniclus lusitanica. E, asegúroche, non hai como saber do bicho ou coñecer o terreo, outra das grandes eivas dos paxareiros e novos ornitólogos galegos, que se saben de memoria todas as especies de Colibrí de Costa Rica, pero se os soltas nun monte calquera co mapa topográfico na man pérdense e non saben chegar ao pobo máis cercano. Iso antes era impensable.

      Eliminar
  8. Boas amigos,

    Non sei se sabedes que en 2015 replicouse o censo de 2005 de escribenta das canaveiras en toda a península ibérica, inlcuindo loxicamente os nosos humidais. Resumidamente o resultado foi o seguinte: se e 2005 foron censadas 62-68 parellas, en 2015 saíron 11-12 parellas. Os humidais ocupados pasaron de 13 en 2005 a 15 en 2015.

    O que teña interese no pdf que me escriba ao correo.

    Apertas,

    Alexandre Justo

    ResponderEliminar
  9. Grazas Alexandre,entón pra que voltar a censar no 2018?non o entendo.Cousas da idiosincrasia dos galeg@s supoño.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  10. Boas David,

    Penso que non se enviou o anterior comentario. Decía que dada a situación da "nosa" subespecie o bicho ben merece un censo anual. Sobre todo tendo en conta as escasas localidades nas que foi detectado en 2015 (no anterior comentario puxen 15, cando son nada máis que 5). Non parece un esforzo titánico.

    Ademáis, por Lei o estado ten a obriga de censar cunha periodicidade concreta as especies máis ameazadas (penso que no caso desta escribenta sería cada 5 anos).

    Por último, pego a ligazón dos resultados do censo:

    https://www.seo.org/boletin/seguimiento/censos/43 escribano palustre/

    Apertas,

    Alexandre

    ResponderEliminar
  11. Certo, Alexandre. Hai outro censo posterior en 2015 que non mencionei porque considero que a referencia máis importante para reflectir o seu alarmante declive é a de 2005.
    E grazas polo PDF, que xa descarreguei do enlace da SEO. xa coñecía os resultados, por Emilio. A cousa é terríbel e resulta abraiante que non se fale disto en ningún sitio. Hai anos que veño controlando a especie e sempre me pareceu que non tiña o seguimento e consideración necesarios polo sector ornitolóxico, dada a situación de perigo de extinción real que padece a especie.

    Con respeito aos estudos de conservación da Escribenta, da Píllara e da lagoa da Frouxeira, penso que son papel mollado, uns gastos que non vai servir para nada neste país. Bueno, o da Frouxeira foi, máis ben, unha cortina de fume para tapar o escándalo das inundacións, produto dunha xestión neglixente e absolutamente ignorante por parte da Xunta e, dóeme dicilo, algunhas organizacións ecoloxistas.

    E grazas de novo por comentar.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos