domingo, 9 de xuño de 2019

Censo de picanzos vermellos (Lanius collurio) no val do Xuvia

Esta chuviosa mañá non se me ocorreu outra cousa que ir controlar a poboación de picanzo vermello que temos nas veigas do Xuvia ao seu paso polo concello de Moeche.


  Tiven que empregar vestimenta impermeábel da cabeza aos pés. Unha chuvia feble e persistente acompañoume case toda a mañá, mais pagou a pena. Nestas condicións non houbo debate sobre qué cámara empregar e a Nikon ficou no carro.

Sony RX10  III  focal 220 (600 mm)  ISO: 1600  V: 1/250  F: 4

  Durante a mostraxe percorrín un tramo de aproximadamente 2 Km de río, cunha superficie prospectada dunhas 100 ha, observándose 2 parellas territoriais máis 5-6 machos (ún deles carrexando bicada). Podemos considerar logo un total de 7-8 territorios só neste tramo. Poño un mapa coas zonas de mostraxe (son moi torpe co Paint e non sei marcar superficies irregulares)


    Tamén unha foto para ver a composición de hábitats.


  Resumindo, podemos dicir que foi un éxito rotundo. Ao contrario que outras especies de carácter eurosiberiano o picanzo vermello (único picanzo presente na comarca de Ferrol actualmente) semella manter boas poboacións alí onde dispón do seu hábitat máis característico: campiña aberta, preferentemente de pasto, sempre con presenza de sebes formadas por salgueiros (Salix atrocinerea) e silva (Rubus sp). Os grandes monocultivos de millo que están a invadir estas veigas son moi prexudiciais para o picanzo, que desaparece deles.


Picanzo vermello (Lanius collurio) macho con bicada
Sony RX10  III  focal 220 (600 mm)  ISO: 200  V: 1/400  F: 4

Picanzo vermello (Lanius collurio) femia

    A choiva ten tamén o seu encanto para certas fotos, como a desta andoriña macho que cantaba desde un cable (se podemos chamar "canto" a ese chascarraschás que fan). A primeira rolada xa abandonou o niño e agora cómpre comezar a segunda.

 Andoriña común (Hirundo rustica)

  E paren as rotativas! Unha rula común aparentemente reprodutora na comarca de Ferrol!

 Rula común (Streptopelia turtur)

  Pois non estivo mal de todo esta mañá pasada por augha, que dirían meus pais.

2 comentarios:

  1. Entre 2009 e 2012 (especialmente em 2010 e 2011) controlei várias parelhas de picanços vermelhos na zona de A Feira do Trece, Lagoela, Placente e A Pereiruga, na paróquia naronesa de Sedes, rio abaixo de onde assinalas. Um dos anos (nom lembro qual) cheguei a ver mais de 6 territórios nessa área, ocupando umha gram variedade hábitats. Alegro-me que siga havendo-os na zona.
    E bem por essa rola!
    Umha aperta,
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. E quántos mais haveria nos montes da bisbarra antes da eucaliptiçaçom! De todos os jeitos penso que esta espécie evita hábitats de mato como os que havia nos montes litorais (uzedais, turbeiras, toxeiras densas,..). Na comarca de Ferrol escolhe claramente terras com actividade agropecuária, coma pastos de gando ou campos de cultivo e desde logo quasse todos os niños que controléi estavan localiçados em sebes de silva/salgueiral; aínda que empregam bordos florestais (Populus, Quercus, Fraxinus ou Eucayptus) como caçadeiro ou cantadeiro.
      É interesante que úm dos exemplares de hoje - o da foto que leva bicada - foi cara um carvalho de porte méio e ao que faréi seguemento.

      Apertas, crack.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos