martes, 23 de xullo de 2019

As Forcadas, visita de control 23/07/2019

NOTA: Fixen dous pequenos cambios no blogue. Por unha banda instalei de novo o buscador no blogue, que agora tedes á vosa disposición encabezando a coluna de gadgets á dereita da pantalla. para cando queirades buscar un contido concreto.
Por outra banda habilitei moderación de comentarios, como filtro anti-trolls. E recomendo asinar os comentarios con nome e apelidos, como as persoas, porque tamén estou farto dos malditos anónimos. Bichos é un blogue serio.

  Esta mañá voltaba ao encoro na compaña de Pepe Vidal. Logo dun par de días bastante calorosos hoxe volvían os ceos cubertos con nubes baixas e néboas. Por outra banda a presenza cada vez maior de pastores eléctricos (polas vacas ceibes e contra o xavalí) fan tamén máis complicada a mostraxe da ribeira. Lugares onde antes podías chegar ben agora son imposíbeis. Unha pena.

 Pastor eléctrico (e silveira detrás) que impeden o acceso a un ponto moi rico en odonatos

   Os corzos parecen coñecer ben os puntos de paso onde non hai estes pastores ou onde os poden saltar. No mesmo lugar onde vin a corza o outro día sorprendíamos hoxe este macho.

 Corzo no seu hábitat

  Disparei sen pensar, antes de que saltara.  Nin me decatei que tiña o zoom nunha focal moi corta, equivalente a só 247 mm! (imaxinade o perto que estaba o bicho)

Corzo (Capreolus  capreolus)
Sony RX10 focal 90 (247 mm)  ISO:  400  V: 1/500  F: 5,6

  Este ano estou a realizar un novo censo de parellas reprodutoras das pocas acuáticas que fican. A falta dun balanzo final contrastando os dados semella que os mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis) manteñen unha poboación arredor das 10 parellas, por unhas 6-8 de cristados (Podiceps cristatus).

  Ademáis hoxe vimos:

  • 1 Garza denoiteira (Nycticorax nycticorax) adulta, un ardeido rarísimo décadas atrás que cada ano resulta máis regular durante os pasos migratorios na comarca de Ferrol
  • 1 Cerceta (Anas crecca, imaxino) probablemente en muda e que leva días aquí
  • 3 Miñatos abelleiros (Pernis apivorus)
  • 2 Rascóns (Rallus aquaticus) escoitados
  • 3 Biluricos alinegros (Tringa ochropus

 Mergullón cristado (Podiceps cristatus) en niño

 Polo de mergullón cristado comendo paliños de caranguexo

  De odonatos a cousa está moi frouxa (como todo por estas degradadas terras). Aínda que puiden "afotar" un Emperador pequeno (Anas parthenope). A foto é horrible e non serve para publicar no blogue mas penso que pode servir para a web de biodiversidade. Esta donceliña de copa quedou bastante mellor:

Donceliña  de copa (Enallagma cyathigerum)
Sony RX10 III focal 220 (600 mm)  ISO: 1250  V1/ 200 F: 4

  E me despido con ún dos achádegos máis estranos que levo atopado na miña experiencia de campo:

Pata de can

 Unha pata de can no medio dun prado recén segado. Dinlle moitas voltas e só se me ocorre unha explicación, que algúns imaxinaredes (a causa que imaxino está presente na zona).

  Ben, grazas a todos e todas por seguirme.

4 comentarios:

  1. Hola, Xabi! Que bonita escena el somormujo en el nido!Me encanta esa foto.Gracias.
    Eilen W.(Vilagarcia).

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas Eileen. Os somorgullos mostran un comportamento bastante máis confiado e curioso que os merrgullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis). Se quedas parado na ribeira e non fas ruido nen movementos bruscos acaban por achegarse un pouco, nada que ver cos timidísimos mergullóns pequenos, que en canto te detectan desaparecen.
      Apertas.

      Eliminar
  2. Boas Xabi, despois de un mes de infructuosa oposición, retomo o contacto co teu blogue. Seica lle diches duro estas semanas.
    Eu é a primeiriña vez que vexo unha pata de can "solta" no campo. Alucinante.
    Grazas por compartir as túas experiencias.
    Biquiños,
    Inés

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Certamente atopar unha pata de can así é destas cousas que nun primer momento semellan sin sentido, absurdas, ata que pensas un pouco e daste conta da probable causa. Alégrome de terte de volta por aquí, Inés.
      Bicos.
      PD: Sinto o de "infructuosa"

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos