xoves, 24 de outubro de 2019

Bichos "vintage": Ancares en Outono

 NOTA: Recentemente a empresa Navantia tivo a cortesía de publicar unha entrevista miña na web interna. Ademáis publicitaron o meu blogue, así que agora teño novos lectores e lectoras no cadro de persoal nas diferentes factorías. Como non podo saír ao campo poño este post antigo (publicado orixinalmente o 24 de Novembro de 2013), por aquilo de actualizar o blogue

ANCARES EN OUTONO

   Poucas paisaxes quedan en Galiza comparábeis á montaña de Outono. Por exemplo Os Ancares, serra fronteiriza entre León e Lugo que visitaba ontes. Coma vén sendo habitual realicei o transecto que ascende polo val do río Otigal.


  A estación está no seu apoxeo. As cores douradas, ocres e vermellas compoñen unha estampa moi fermosa, que agora resulta máis espectacular aínda coa chegada das neves.

Bosque caducifolio galego ("fraga")

  Agora mestúrase a cor pardo-amarela das follas dos Carballos (Quercus spp), Pradairos (Acer pseudoplatanus), Bidueiros (Betula pubescens) ou  Abeleiras (Corylus avellana) co verde perenne dos Acibros (Ilex aquifolium). Polo medio destaca o vermello das bagas dos Capudres (Sorbus aucuparia) e dos propios Acibros. Un espectáculo para a vista.

Faixa superior da fraga a 1400-1500 m (bosque maduro)

   O camiño estaba limpo de neve ata a cota de 1200-1300 m (o percorrido comeza un pouco por baixo dos 1000, na ponte que cruza o río.


Sendeiro percorrido

   Coma sempre tamén, tocaba facer unha parada  na "Campa número 1". Neses momentos o sol empezaba a facer acto de presenza. Boa falta facía, porque estiven toda a mañá con 2 ou 3 graos baixo cero. O bon é que non facía moito vento e se estaba bastante ben.

Campa Nº 1 nevada coa fraga derredor (bidueiros principalmente)

   Na montaña existe unha enorme diferenza térmica entre as ladeiras orientadas ao sur e as orientadas ao norte. Debido ao efecto do sol, nas ladeiras de solaina a neve aparece sempre en cotas moito máis altas. Onte, por exemplo, o Pico Tres Bispos estaba case sen neve pola súa vertente meridional agás a liña de cumes, mais na vertente norte a cousa cambiaba:

Vertente Norte do Pico Tres Bispos

   Xusto cando andaba eu mirando para aló un grupiño de Rebezos aparecía na mesma liña de cumes.

 Rebezos (Rupicapra rupicapra)

  Comparade a escura librea invernal que teñen agora coa que amosan no verao, tal como afotaba a finais de Maio este mesmo ano (pincha)

Rebezos a finais de Primavera

  Un solitario Voitre común aparecía como unha sombra desde o monte Tres Bispos.

Voitre común (Gyps fulvus)

  A neve ofrece posibilidade de atopar rastros de mamíferos que habitualmente son máis difíciles de detectar. Coma estas pegadas, que encontrei a carón dunha cabana vella:


  Inicialmente deinas por Gato bravo (Felis silvestris), aínda que semellaban un pouco pequenas (pensei nunha femia). Mirando en casa guías e demáis, non coincide a medida tan pequena de 30 x 30 mm. case máis propia de Algaria (Genetta genetta) ou Gato doméstico. De Algaria non parecen, pola forma e escasa separación das almofadiñas e pola ausencia de marcas de uñas. A medida coincide bastante coa de Marta (Martes martes) aínda que non se aprecia moi ben o quinto dedo nin as uñas, pero ollo, porque a pegada sobre neve pode ser moi diferente á que fica na lama ou terra. Tamén se podería tratar dun gato cimarrón (cruzado de bravo e doméstico). Sería unha mágoa, pois neste hábitat vive o gato bravo e estes gatos cimarróns, que son fértiles e se cruzan entre eles, son unha ameaza para a supervivencia da especie salvaxe pola perda de xenética.

 As pegas do carnívoro sp cruzábanse coas de un roedor saltarín.

Pegada de roedor (os catro pes xuntos)

  Neste caso, parece que se trate dun "múrido", tal coma un Rato de campo (Apodemus sylvaticus) ou da fraga (A. flavicollis). Máis que nada porque os "micrótidos" (Microtus sp ou Cletrionomys)   desprázanse a correr, non a saltos. De cando en vez cómpre repasar estas cousas de rastros e pegadas, pois é a maneira máis fácil de "observar" mamíferos.

  A maioría de paxaros concentrábanse nas inmediacións do Acibral.

Acibral en Outono

  Ao longo da mañá puiden detectar Tordos rubios (Turdus iliacus, moi numerosos) e comúns (Turdus philomelos), Merlos (Turdus merula), Paporrubios (Erithacus rubecula), Carrizos (Troglodytes troglodytes), Cardeais (Pyrrhula pyrrhula), Ferreiriños azuis (Parus caeruleus) cristados (Parus cristatus) e negros (Parus ater), Gabeadores azuis (Sitta europaea) e comúns (Certhia brachydactyla), Estreliñas (Regulus ignicapillus),... Todos eles preparándose para o duro inverno que está a piques de chegar.

Mirando desde a Campa 1 cara o val

  Despídome cunhas imaxes que tomei da neve do camiño. Nunca me decatara neste aspecto tan peculiar que colle debido á xeada.



   Unha imaxe curiosa para rematar esta entrada dos Ancares, para min o espazo natural máis importante de Galiza e, paradóxicamente, sen protección efectiva. A Xunta do PP está máis interesada por envenenar estas maravillosas montañas con Eucalyptus nitens ou instalar parques eólicos para cobiza do sector enerxético (lembrádeo o 10-N)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos