xoves, 16 de abril de 2020

Prácticas con arquivos RAW, cap. 2

  Se dalgo dispomos agora é de tempo. Un tempo que persoalmente teño ben ocupado e repartido entre diversas actividades; unha delas a práctica fotográfica coas aves que vexo desde a casa. E a femia de gaivota préstase ben a pousar.

 Gaivota patimarela (Larus michahellis) femia bostezando
Nikon P1000 focal 2000 mm  ISO:110   V:1/400   F:8

  A verdade é que hai moita diferenza entra os NRW da P1000 e os JPEG que che ofrece a cámara, demasiado procesados para o meu gosto. Agora que podo ler eses arquivos coa nova versión do Lightroom podo escoller un acabado máis natural, aínda que necesito tempo para controlar brillos, máscara de enfoque e demáis.
 
 As pingas da choiva sempre quedan efectistas sobre o corpo dun animal. Conseguir nitidez e definición cunha bridge xa é máis complicado. Para min polo menos.

 Lombo con pingas de auga
Nikon P1000 focal 2600 mm  ISO:110  V:1/400   F:7,1

  Os tons amarelos tenden a sobrexpoñer e as patas da gaivota déronme a oportunidade de fozar un pouco máis co tema de luz e saturación.

Detalle das patas
Nikon P1000 focal 3000 mm  ISO:320   V:1/400   F:8

  Pola mañá ún dos falcóns descansaba nun guindastre da factoría de Navantia. Calculo que deben estar chocando xa (en Valdoviño teño observado polos a mediados de Abril).
Cos RAW tes moitas posibilidades de recurtar a imaxe cando a distancia se volve tan descomunal. Cun pouco de práctica ficará unha imaxe decente e perfectamente "publicábel".

Falcón (Falco peregrinus) distancia 1200 m
Nikon P1000 focal 3000 mm  ISO:100   V:100   F:8
Autodisparo sobre trípode

  En fin, seguimos a aproveitar estes días de confinamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos