venres, 31 de xullo de 2020

O Cuco, outra especie desaparecida en Ferrol

  Ao igual que acontece noutras rexións europeas, o cuco (Cuculus canorus) experimentou un severo declinio na Galiza durante as últimas décadas. Na faixa litoral ese declinio é dramático, tendo desaparecido en moitas comarcas coma ave reprodutora (aínda que a observación de exemplares migrantes cantando poda despistar). Cando participei no programa SACRE da SEO non fun quen de detectar indicios de cría nos cinco anos nos que cubrín a cuadrícula NJ62.

 Cuco común (Cuculus canorus)
Nikon B700 focal 1440 mm  ISO:220   V:1/ 250  F:6,5

  Estes días dous cucos permanecen sedimentados nos pastos de Leixa (Ferrol). Por suposto son exemplares europeus en migración que baixan cara África logo da reprodución. As poucas parellas reprodutoras que nos quedan en Ferrolterra resisten nas terras altas da Capela ou As Pontes, mas na zona costeira desapareceu hai anos.
 
 Cuco pousado (na estaca da esquerda) a distancia de disparo

   Os exemplares semellan bastante confiados e adiquei un bon pedazo a fotografalos.

Cuco pousado (segunda estaca empezando pola dereita)

 Nikon P1000 focal 1500 mm  ISO:250   V:1/250   F:5,6


  Aínda tratándose de aves migrantes non autóctonas, mola retratar dous cucos xuntos. Dentro duns anos estas fotos igual valen ouro.
 


  As aves permitíronme observar tranquilamente como cazaban. Aínda que os únicos insectos que eu vía nos pastos eran vespas asiáticas e moscas, parece que había unha enorme fonte de alimentación no chan, quizá nas numerosas bostas secas das vacas.

 Cuco con captura 1

    A captura 1 semella a pata dun ortóptero e a 3 unha eiruga de lepidóptero nocturno (grazas, Pablo). Agradécense máis opinións.

 Cuco con captura 2

Cuco con captura 3

  Desde logo foron duas mañáns en que observei os cucos cunha facilidade pouco común cando se trata de aves autóctonas, extremadamente tímidas. Ben se nota os que veñen da "civilización".



 Nikon P1000 focal 2800 mm   ISO:560   V:/250   F:8

Cuco a contraluz rodeado de mosquitos
Nikon B700  focal 1440 mm   ISO:720   V:1/400   F:6,5

  Qué prácticas son as cámaras bridge! coa sua capacidade inigualábel para rexistrar momentos coma éste. Momentos inesperados, mas de enorme valor documental.

Distancia real dos disparos
Nikon P1000 focal axustada a visión humana

Cuco común (Cuculus canorus)
Nikon P1000 focal 2000 mm  ISO:110   V:1/250   F:6,3

 Sen dúbida un ave especial. Ben coñecida polas nosas xentes do rural e, ao igual que a rula, moi presente no folclore popular, na música, no refraneiro ou na poesía. Por desgraza ambas especies están a desaparecer da nosa Terra. Sempre gardaremos as suas fotos.

13 comentarios:

  1. Parabéns,Xabi:
    Moi boa sorte na observación e moi boa entrada.
    Vistas no teléfono, a foto de captura 1 coido é a pata traseira dun ortóptero. A 2 non a distingo ben e na 3, asemella unha eiruga dun lepidóptero nocturno.
    Como ben dis, unha especie rara e moi vencellada ao noso folclore.
    Aínda lembro a primeira vez que o escoitei en Meirás (Valdoviño) estando de paseo co meu avó. Logo cando me contou as aventuras do animal, quedei abraiado.
    Aínda hoxe o estou!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois si que o parecen. Xa engadín iso ao texto. Graciñas. Con respeito ao cuco, é unha auténtica pena. Poucas aves, poucos animais, teñen tanta "presenza" no medio e nas nosas vidas. Cómo alegraba a chegada do cuco co anuncio da Primavera logo de meses de tempo frío e chuvioso (a Rula sempre chegaba moito máis tarde). Fóisenos a voz da Primavera!!

      Eliminar
  2. Preciosa (pero muy nostálgica) entrada, Xabi. Personalmente hace décadas que dejé de oír al cuco en los lugares por donde siempre me he movido, en Bergantiños y As Mariñas. Un pájaro que, como la rula, era omnipresente, casi vulgar. Da la impresión que en toda la franja noroeste de Galicia (Ferrolterra-Costa da Morte), en las zonas a menor altitud, ha desaparecido casi por completo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, José. Sobre o cuco penso o mesmo. Toda esta zona que mencionas ademáis é moi pobre en biodiversidade, como ben sabes. Pedro Galán dixérame unha vez a expresión "siete, sota, caballo y rey" para referirse ás especies de réptiles presentes nestas áreas. Na miña opinión o vento constante e pouca insolación ten moito que ver.
      Por certo que xa recibín e lín as páxinas do teu caderno de campo sobre Forcadas. Hei argallar unha entrada con ese material e con notas miñas daquela época, a ver que conclusións podemos sacar. Algunha idea xa me veu.
      Un abrazo e honrado de terte por aquí outra vez, mestre.

      Eliminar
  3. Nicolás Magdalena García1 de agosto de 2020, 13:48

    Boas Xabi

    O declive do cuco é unha verdadeira mágoa. Revisando cadernos de campo do meu tío de cando él era mozo, atopei algunhas citas de cucos moi preto de onde eu vivo agora. Algunhas eran de aves cantando, en época reproductora e nun hábitat adecuado tamén, máis eu hai anos que non escoito ningún cuco por aquí. De feito creo que soamente o teño escoitado un par de veces, e probablemente de exemplares migrantes.

    Por sorte, esta mesma semana atopei un a escasos cen metros do mar. Iso si; a unha hora de coche daquí. Ogallá aparezan por aquí de novo...

    Un saúdo
    Nicolás

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non coñezo a costa pontevedresa, Nicolás, así que non podo opinar. Aquí a cousa foi realmente catastrófica. De feito hoxendía case é tan común ver un cuco común coma un cuco papudo (Clamator glandarius). Sempre exemplares en migración post-cría. É difícil transmitir a sensación de perda inmensa que nos invade cando falamos de aves tan emblemáticas a nivel popular como a rula ou o cuco, as alegrías da Primavera.
      Graciñas por comentar.

      Eliminar
  4. Outro post tremendo, e vam... Este ano em zonas altas da metade sur de Galiza, e polos dados que manejo, houvo muito cuco, assi como muito oureol.
    Um saúdo,
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. "As zonas altas da metade sur de Galiza".... outro mundo para mim, coma bem sabes. Som as duas Galizas que temos, a nível medioambiental.

      Eliminar
  5. Na península de Bezoucos, entre as rías de Ferrol e Ares, non se ven cucos dende moitos anos, excepto alguns migrantes. Cal son as causas desta regresión ?
    Pedro Cruzado

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Falta de alimento (insectos), supoño. Porque o problema está xeralizado. Obviamente a eucaliptización afecta ás poboacións da Galiza, mas desapereceu de moitos lugares onde se conserva o seu hábitat. Nas canaveiras da Frouxeira, por exemplo, era frecuente escoitar o cuco na Primavera (alí parasitaría ás folosas dos carrizos con bastante probabilidade). As canaveiras seguen alí e no mesmo estado pero o cuco hai 20-25 anos que desapareceu da miña lagoa.
      Unha apera, Pedro.

      Eliminar
  6. Sobre o declínio duco, pode ser devido a umha causa ou a umha combinaçom de factores, nom sei qual pode influír mais: eucaliptizaçom e conseguinte diminuiçom do alimento, circunstáncias desfavoráveis nas áreas de invernada, caça furtiva na migraçom e, na que pode ser mais crítica, cámbio climático. Efectivamente, se as aves às que parasita adiantam a sua cria, quando o cuco chega nom encontrará ninhos com ovos prontos a parasitar, senom pitinhos, e nom poderá criar. Isto pode estar a acontecer em zonas baixas e meias da Galiza... Nas montanhas, com fenologia de cria de aves mais atrassada que nas áreas baixas, o cuco quiçá tenha, finalmente, ninhos com ovos na primavera quando chega.
    Interessante questom a investigar, sem dúvida...
    Saúdos,
    Damián

    ResponderEliminar
  7. Para @s que nom estám em Galiciaves, mandei esta mensagem, que pode ser de interesse:
    "
    Estiven a mirar a páxina da BTO e atopei isto:
    https://www.bto.org/our-science/projects/cuckoo-tracking-project

    Polo que figura aí, o cuco chamado "Carlton II", marcado o 12.5.2018 en Suffolk Broads (Inglaterra), visitou brevemente Galiza na súa migración postnupcial cara a África. Concretamente estivo preto de Vilabol de Arriba, parroquia de Lamas de Moreira (A Fonsagrada) o pasado día 20.7.2020.

    Isto é: que pode que eses cucos que viche en Ferrol, Xabi, sexan locais ou ben de moito máis lonxe..."

    ResponderEliminar
  8. Pois nom pensara no aspecto reprodutivo, Damiám. Certamente que o caso do cuco coma ave parásita é um elemento a ter moi em conta no seu ceclínio polos motivos que apontas. Pois pode ser isso tamém, claro.
    Sobre a procedência destes dous exemplares da fotos já che digo eu que nom som "locais" (sensu stricto) nem de conha. Desaparecêrom do val de Naróm há 20 anos quando menos.
    Um abraço.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos