mércores, 30 de setembro de 2020

A camiñar pola costa ferrolá

  Entre a incomodidade da máscara cando levas óculos (que se empañan) e a volta do tempo chuvioso estou a perder o hábito de camiñar polas mañás. Case prefiro coller o carro e saír da "civilización" para dar un paseio pola Natureza.

Praia de Ponzos (Ferrol)

    Esta mañá a ferrolá praia de Ponzos espertaba asi de tranquila, cun bando de 480 gaivotas comúns repousando na area.


  Nas praias ferroláns era habitual ver bandos de milleiros de gaivotas pero hoxe resulta case raro ver unha concentración de varios centos. Tres son os factores que (penso) están detrás deste brusco descenso: o selado do verquedoiro de Mougá (onde levaban os residuos da cidade), a colonización do hábitats urbanos por parte das patimarelas co abandono parcial das colonias mariñas e por suposto a invasión da peste mascoteira, que fai tan difícil a vida na praia.

Gaivotas patimarelas (Larus michahellis) e escuras (Larus fuscus)

  A carón de Ponzos atopamos a pequena cala de Sartaña, un ponto quente para raridades a nivel local grazas á enorme cantidade de materia orgánica que adoita ter. Hoxe a acumulación de algas en descomposición chegaba á altura do xeonllo nalgunhas zonas da praia.

Praia de Sartaña

   En tempos debeu existir un pequeno humidal na trasduna, ao igual que noutras praias da Comarca. Actualmente fica un denso canaval enxoito de abondo.

Canaveira de Phragmites australis

  Mentras camiñaba un gabián (Accipiter nisus) pasaba voando a ras da terra para meterse coma un raio dentro dun piñeiral de repoboación. Namentras, un lagarteiro (Falco tinnunculus) pousaba na sua atalaia de caza para acabar sendo ferozmente acosado por unha bandada de liñaceiros (Carduelis cannabina). Moito medo penso que non tiña o lagarteiro.

Lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus) femia

Liñaceiros (Caduelis cannabina) chamándolle de todo a un lagarteiro

 Esta zona de amplos espazos abertos, cultivados ou de pasto para gando vacún son moi interesantes para  observación de paseriformes en migración. Hoxe fotografaba esta chasca norteña, especie certamente abondosa este ano.

Chasca norteña (Saxicola rubetra)

 Bon, non camiñei motos quilómetros mas puiden respirar aire puro e desfrutar de esceas case esquecidas na Galiza litoral, como é a das vacas pacendo coa praia de fondo.

Vacas pacendo na costa de Covas (Ferrol)

Isto foi todo por hoxe.

4 comentarios:

  1. En Sartaña tienes Correlimos comùn ,tridactilos y lavaderas.

    ResponderEliminar
  2. Qué marabilla a costa de Ferrol. E qué descoñecida é para gran parte dos galegos. Apertas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Bon, se falamos estritamente de costa mariña (mar) é moi fermosa, certamente. Mas se falamos de costa "terrestre" pois é espantosa, horrible, completamente eucaliptizada e alterada. Aínda que ti és moi propenso a ver só o lado bon das cousas cando falas de Galiza eu teño unha opinión bastante menos optimista.
      Apertas, Quique.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos