martes, 1 de setembro de 2020

Comeza Setembro

  Rematou un mes de Agosto moi chuvioso. Segundo Meteogalicia en Ferrol caeron 142 litros e a temperatura media ficou en 19,6ºC. Agora comeza Setembro, o mes da pasaxe migratoria por excelencia, como anunciaba este Pedreiro cincento avistado hoxe en Ortigueira:

 Pedreiro cincento (Oenanthe oenanthe)

  No relativo a acuáticas baixou o número de aves, á espera de ventos favorábeis, que durante o paso outonal son os do Sur e Suroeste.

 Biluricos (Tringa spp) na ría central
Nikon P1000, distancia: 550 m

 Como non había moitas novidades aproveitei para seguir practicando coa Nikon P1000. Primeiro con tomas a longa distancia. A 500 m as fotos serven para identificar a maioría das especies  e desde 100 m. xa se poden tirar imaxes nítidas de aves grandes.

 Garza real (Ardea cinerea)
Nikon P1000, distancia: uns 100 m

 Entre 10 e 50 m é onde a P1000 se manexa mellor pois podemos subir ou baixar focal sen que as aves nos saian do encuadre. En distancias máis curtas hai que fiar moi fino para manexar tanta potencia.


 Gabita (Haematopus ostralegus), distancia: uns 40 m
Nikon P1000 focal 2600 mm  ISO:360   V:1/640   F:7,1

   Tamén practiquei capturas en vóo, todo un reto cunha cámara coa P1000, mas poñendo paciencia tamén é posíbel. Logo de varios intentos conseguín retratar unha das nosas gaivotas máis fermosas.

 Gaivota de cabeza negra (Ichthyaetus melanocephalus) Disparo en modo refacho
Nikon P1000 focal 1100 mm  ISO:110  V:1/800   F:5,6

 Gaivota de cabeza negra (Ichthyaetus melanocephalus)

  E mesmo conseguín fotografar un exemplar facendo un picado ao estilo dos carrán ou mascatos, aínda que desde baixa altura.

 Gaivota de cabeza negra (Ichtyhyaetus melanocephalus)

  O mestre Álvaro Fernandez Polo está moitas veces presente coma testemuña das miñas prácticas. Esta mañá botamos un bon rato falando das nosas cousas e solucionando os problemas do mundo. Por suposto co seu magnífico sentido do humor de fondo (una persoa extraordinaria con quen sempre resulta un pracer compartir o tempo).

 Álvaro Fernández Polo mirando a "súa" ría

  Estes días próximos anúncianse ventos do Leste. Cómpre estarmos atentos e atentas aos paseriformes terrestres que xa están a entrar en territorio Peninsular. Veremos como vén este ano.

Paisaxe de Ortigueira

2 comentarios:

  1. Boas fotos Xabi. Encántame a da gaivota en picado.
    Por certo, sei que eres moi perfeccionista, así que por se tes interese, o nome científico da gaivota cabecinegra cambiou a Ichthyaetus melanocephalus.
    Espero que vaias mellor de saúde.
    Apertas,
    Inés González

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, e xa mo advertiras unha vez! Sabía que a ésta llo cambiaran hai pouco pero a verdade é que son un pouco vago para consultar os nomes actuais. Teño a lista padrón no PC pero se non vén nalgunha guía de aves de papel ás veces pásaseme. Precisamente co novo telescopio (se finalmente me decido) vou pedir tamén unha guía de aves actualizada.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos