mércores, 18 de novembro de 2020

Bichos "vintage": Xornada herpetolóxica por Naraío (26/03/2016)

 (Entrada publicada orixinalmente o 26/03/2016)

 Había dez anos que buscaba a Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola) nas cuadrículas NJ71 e NJ81, moi próximas a Ferrol e onde había rexistros antigos da especie. Cansado de non atopala, hai uns días chameu a Pedro Galán para consultarlle ao respecto e, amablemente, orientoume para poder localizala no val do río Castro.

Val de Naraío (concello de San Sadurniño)


   Unha das vantaxes de non poder desprazarme moito fóra de Ferrol é que aproveitas para visitar lugares que non coñecías ou que había moitos anos que non visitabas, como é o val do río Castro, integrado na ampla zona L.I.C Castro-Xuvia. Desgrazadamente o panorama mudou moitísimo e apenas quedan restos -moi degradados xa- das magníficas fragas que coñecín hai trinta anos. Hoxe esa peste ecolóxica que supón o maldito eucalipto chega ata a mesma beira do río, onde resiste como pode algún reduto de bosque galería.

 Río Castro
    A torre do castelo preside o entorno.

 Castelo de Naraío (estilo normando, século XIV)

    Desde a altura alvíscase mellor a pequena represa cosntruída no lugar e que converte ese ponto nun lugar idóneo para odonatos e para certos anfibios (haberá que voltar máis adiante)


    Foi no tellado de pizarra da casa que había xunto ao castelo onde achei varios exemplares de Lagartixa da serra, que tantos anos levaba a procurar.

Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola)

  Unhas raiolas de sol despertaron varias bolboretas, como este satírido, especie moi madrugadora e habitual nestes entornos de ribeiras fluviais.

Pararge aegeria

 O mellor case veu depois, nunha vella casa abandonada e semiderruída.


  Unha Cobra lagarteira común (Coronella austriaca) aproveitaba o sol da mañá para coller folgos sobre un vello muro de pedra.


    Os ofidios nunca foron abondosos polo Norte galego. Contamos con poucas especies e con baixas densidades (o clima tan ventoso, fresco e húmido non axuda moito). Pero nos últimos anos rarificáronse moito máis e agora as citas de cobras adultas activas son realmente difíciles de conseguer. A histórica antipatía e odio que teñen os galegos do rural cara elas fai que todos os encontros acaben de maneira fatal para a pobre serpe. Ademáis a transformación brutal do hábitat, os incendios en matogueiras litorais e os numerosos atropelos nas estradas están provocando un severo declive das suas poboacións, como puidemos comprobar durante os traballos de campo para os diferentes Atlas que estivemos a facer os colegas herpetólogos.

  Para diferenciar a Cobra lagarteira común da meridional (Coronella girondica) o mellor é fixarse nas escamas supralabiais. Na seguinte foto podemos apreciar que (comezando polo fociño) a terceira e a cuarta son as que están en contacto co ollo. Na meridional serían a cuarta e a quinta. Hai outros rasgos diagnósticos pero éste penso que é o máis doado de lograr cunha foto no campo.

Cobra lagarteira común (Coronella austriaca)
Canon SX60 (focal 247 mm)  ISO 160   V: 1/500   F: 6,5

   Sempre é un pracer atopar un ofidio aquí en "Mordor", territorio especialmente inóspito para eles. Non hai mellor final para esta entrada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos