xoves, 5 de novembro de 2020

Observacións na Ría de Ferrol

 Mentras non volve o confinamento severo aínda podemos saír a pasear pola ría. Estes días aproveitei varios recados no carro para facer algunha paradiña nas ribeiras de Ferrol, Neda e Fene.

Intermareais de Neda-Narón (corvos mariños reais ao fondo)


Enseada da Malata (Ferrol)

  Na enseada da Malata censaba hoxe 160 lavancos (Anas platyrhynchos), unha cifra moi superior aos 30-50 habituais de anos atrás. Non sei se realmente está en aumento ou se trata dunha sedimentación temporal debida ao paso migratorio (en Novembro dase un pico moi notorio da especie).

Lavancos e gaivotas choronas na Malata

A ver qué números sacan os colegas da SGHN e Hábitat nos censos de Xaneiro, porque nos últimos anos baixou bastante este pato. 

Lavanco (Anas platyrhynchos) coa plumaxe nupcial

Lavancos na Malata. Ao fondo Porto de Ferrol

 O día 28 de Outubro atopamos en Fene un carrán cristado anelado como voantón en Dinamarca (graciñas, Antonio). Uns días máis tarde foi unha gaivota chorona anelada coma polo en Bélxica. 


Carráns cristados (Thalasseus sandvicensis) Foto: Sony RX10 III
Á esquerda exemplar anelado en Dinamarca

   Por certo, algunhas choronas comezan a mudar á plumaxe de primavera, como este exemplar coa cabeza xa un pouco "achocolatada".

Gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus) Foto: Nikon P1000

    Nas próximas semanas chegarán á ría as mobellas e mergullóns de pescozo  negro (destes xa hai algún exemplar). Namentres hai que se conformar con aves acuáticas comúns.

Garzas (Ardea cinerea) e garzotas (Egretta garzetta)

  Ontes José Ramón Castro fotografaba una lavandeira moura (Motacilla alba yarrelii) en Leixa (Ferrol). Nunha zona ágrícola de moita querencia para esta subespecie británica, que eu xa observaba aló na década dos oitenta. E polo visto segue vindo todos os anos.

Lavandeira moura (Motacilla alba yarrelii)
Foto. José R. Castro Gómez (Nikon P900)
 
   Eu polo de agora só vin brancas da subespecie nominal, como ésta de Barallobre:

Lavandeira branca (Motacilla alba) Nikon P1000

  A novidade máis importante dos últimos anos é a presenza xa regular da garza boieira (Bubulcus ibis) que inverna aquí en número aínda cativo mas en crecimento. Arestora hai un grupiño de 10-15 boieiras, que durante o día andan pola zona do Couto (Narón), onde existe unha granxa con moita bicharía de curral.

Porcos celtas na Granxa do Couto

Garzas boieiras (Bubulcus ibis)

  Entre as vacas, cabalos, porcos celtas e gansos domésticos resulta doado observar as garzas boieiras, unha especie aínda "exótica" por estas terras do noroeste. Vistas de perto, amosan un aspecto completamente diferente ás garzotas, especialmente pola forma do peteiro, moito máis ancho e curto.

Garza boieira (Bubulcus ibis) Nikon P1000

  Nunca simpaticei cos gansos domésticos (as famosas "ocas") debido á sua agresividade e mal xenio. Hoxe ún deles atacaba todo canto porco se lle achegaba, xuvenil ou adulto!


     Xusto cando fotografaba un porquiño celta apareceu o ganso e sen motivo ningún meteulle unha trabada doente. Déronme ganas de darlle unha patada ao cabrón.

Ganso doméstico atacando un porquiño pequerrecho

  En fin, eu son naturalista e os bichos de curral non entran na miña "xurisdición". 


Garza boieira (Bubulcus ibis) Nikon P1000

  A ver se remata dunha vez esta vento de nordés, que leva dous dias soprando forte. En canto pare voltará a chuvia forte pero é o que toca de Outono por aquí....

Garzas boieiras "con vento de popa"

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos