sábado, 5 de decembro de 2020

Observacións destes días na ría de Ferrol

    En Ferrol volvemos a padecer un feche total, así que non podemos saír do termo municipal agás causa xustificada. O que máis botarei de menos será non poder ir censar acuáticas por primeira vez en máis de 30 anos (tampouco podería censar ben, estando como estou). A ver se poden obter permisos os colegas de Hábitat ou da SGHN para que non se interrompa a serie histórica de 40 anos.

Desde o Cabo Prioriño (Ferrol) mirando a Cascarillalandia (1) (A Coruña)

   Ontes entrou o primeiro grande temporal de neve. Ao seren unha masa polar marítima trouxo intensas precipitacións de neve a toda a montaña galega e mesmo a cotas de 400-500 m (as masas polares continentais, da Siberia, veñen con moito frío mas case sen precipitacións ao noso país). Na costa a situación marítima está a ser moi mala.

Boia "Cardinal Oeste", fóra da ría

Gaivotón (Larus marinus)

Gaivotón (Larus marinus) subadulto
Nikon B700 focal 900 mm  ISO:100   V:1/640   F:7,1

   Esta mañá achegueime até a bocana da ría, onde está o Porto Exterior co seu enorme espigón. Parei tamén na aldea de Cariño pero esa zona é moi pobre en acuáticas pois é un estreito de moita corrente, de augas moi fondas e con relevo litoral moi abrupto.

Rompeondas do Porto Exterior de Ferrol

Aldea de Cariño (Ferrol)

  Hai uns días fixen a última visita ao Seixo antes do encerramento. O número de mergullóns de pescozo preto xa chegaba a 40 (probábelmente había ainda un grupiño máis).

Mergullóns de pescozo preto (Podiceps nigricollis)

Peirao do Seixo (Mugardos)

Mergullóns de pescozo preto (Podiceps nigricollis)

   Esta mañá paraba na enseada da Malata, xa en augas interiores da ría.

Enseada da Malata

  Alí puiden contabilizar o seguinte:
  • 113 Alavancos (Anas platyrhynchos). De interese para quen poida censar: últimamente os alavancos tenden a dispersarse pola ría, quizá pola entrada en funcionamento da rede de saneamento. Se tradicionalmente o 75% deles concentrábanse no intermareal Couto-Neda, agora estou a contar moitos tamén en enseadas como A Malata ou O Baño, onde hai uns días superaban os 100 ex tamén. Pola contra en Neda o número baixou moito con respecto a eses 400-500 que se vían hai 10-20 anos nestas alturas.
  • 2 Patos coller (Spatula clypeata)
  • 620 Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus). Unha cifra moi boa.
  • 22 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos), 20 deles na Cabana

Patos coller (Spatula clypeata)

A Malata, co barrio de Canido ao fondo

  Despídome cuha foto tomada por min, mas editada polo profe Fran Nieto. Eu tiña uns problemas na conversión a JPEG e Fran solucionoumos (mellorando ademáis o encuadre e a exposición).

Carrán cristado (Thalasseus sandvicensis) Editada por Fran Nieto
NikonB700 focal 1320 mm  ISO:100   V:1/1000   F:6,3

  Quedan moitos días grises, chuviosos e fríos que haberá que pasar confinados por aquí. O próximo verán promete ser apoteósico...

 (1) O alcume de cascarilleiros ten orixe na antiga fábrica de cascarilla que había na Coruña. Aínda ten moito uso entre os vellos futboleiros ferroláns que manteñen unha forte rivalidade da época en que Racing de Ferrol e Deportivo da Coruña xogaban na mesma división. Paréceme un alcume gracioso e sen mala intención.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos