xoves, 28 de xaneiro de 2021

Páridos e outros paxaros comúns

  Polo de agora aínda podemos saír a camiñar (sen saír dos límites do concello). Logo de case dúas semanas pechado na casa esta mañá achegueime ata o val do Rego de San Xurxo, a cabalo entre as parroquias de Covas e Mandiá, que me recebeu con tempo de orballo:

Zona de mostraxe


  Este pequeno val posúe un chao hiperhúmido na contorna do rego, que está inzado de encharcamentos máis ou menos estacionais.



  Nalgunha depresión medra vexetación típica pantanosa coma Juncus sp, Iris ou Carex sp.

Terreo higromorfo de Carex.

    Un hábitat idóneo para a Rá das veigas (Discoglossu galganoi). Aproveitando as altas temperaturas destas noites pasadas deberon ser moitos os exemplares que se achegaron a estes encharcamentos para comezar a reprodución. Varios cadavres esmagados na estrada ficaban coma tráxicas testemuñas deste episodio.


 Éste é o seu aspecto cando están vivos, bastante máis agradábel:

Rá das veigas/sapo raxado (Discoglossus galganoi)

Logo da caída da folla (onde non está eucaliptizado) vese na súa dimensión o problema terríbel que temos coa Vespa velutina. Niños e máis niños aló por onde mires.

Niño de Vespa velutina

   Centrándonos en materia, hoxe realizaba dúas mostraxes ornitolóxicas, cuxos resultados subía logo a ebird, a plataforma na que estou a subir os meus dados de ornitoloxía.

Vista de satélite do primeiro transecto

    A aplicación mostra o mapa do percorrido e as aves observadas durante o mesmo. Como adoita ocorrer en Galiza, os itinerarios bordeaban ecosistemas diversos, dado o tipo de paisaxe que temos.

Lista de aves observadas no primeiro transecto

  Ao seren transectos por ecotono(1) e mosaico agropecuario a lista de aves quedou bastante completiña, tendo en conta a época do ano e os tempos que nos toca vivir.

Pica dos prados (Anthus pratensis)
Canon SX60 focal 1320 mm  ISO:800   V:1/250   F:6,5

    Había moito tempo que non pasaba unha mañá de paxareo tan tranquila, a verdade.

Chasca común (Saxicola rubicola)

Lista de aves observadas no segundo transecto

    No alto dun ameneiro aparecía a figura inconfundíbel do tordo charlo, quizá o noso paseriforme máis desconfiado. Unha leitora consultábame estes días sobre as posibilidades das cámaras bridge como "telescopio portátil". E abofé que con elas podemos chegar a identificar aves lonxanas sen necesidade doutra óptica. No caso das bridge de focal media temos a opción do zoom dixital, bastante práctico para estes casos.

Tordo charlo (Turdus viscivorus)
Nikon B700, focal 1440 mm con zoom dixital x2 para identificación

  Para desfrutar dos confiados, curiosos e activos páridos non teremos problemas de distancia.

Ferreiro abelleiro (Parus major)
Nikon B700 focal 1200 mm ISO:320   V:1/125   F:6

Ferreiriño negro (Periparus ater)
Nikon B700  focal 1440 mm   ISO:800   V:1/ 640  F:6,5

  O lugar semellaba bastante apartado mas non faltou un matrimonio maior co seu can solto en vía pública. Estaban a ponto de cruzarse conmigo e non mostraban intención ningunha de atar o can. Hoxe deume por dicirlles algo e, de moi mala gana, amarraron o bicho coa correa cando estaba a ponto xa de virse cara min (na foto non se aprecia ben pero semellaba cruce de rotweiller). Penso que me confundiron con alguén do concello/Xunta e colleron medo ou farían caso omiso.

Os de sempre

   A pesar deste pequeno brote de caninovirus foi unha mañá moi tranquila e agradábel. Desde logo hei volver por alí, sobretodo tendo en conta que a Primavera comeza asomar a cabeza:

Cáncaro (Primula acaulis)


Paisaxes de Papoi, Covas (Ferrol)

  Esperemos que o covid me permita volver por aló nos próximos días.

(1) Ecotono: termo que en ecoloxía denomina ás zonas de contacto ou transición entre ecosistemas diferentes


2 comentarios:

  1. Os cáncaros dá gusto vê-los nestas datas. Também os meus primeiros botons de ouro (Ranunculus cf. repens) con flor, e por suposto milhares de Ulex. Dá esperança nesta situaçom tam dramática, a verdade...
    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Molam muito os cáncaros, si. E penso que agora saen mais cedo. Assi de memória eu lembro de vê-los por Fevreiro/Março. Desde logo na guia (Xosé R. García 2008) indica que "florece en Abril-Maio". Mas nestes últimos invernos hai-nos espeso já a finais de Janeiro. Ou som eu que me fixo mais neles, que tamém pode ser, haha..

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos