venres, 26 de febreiro de 2021

Lagoa de Valdoviño, 132 días despois

  Hoxe a Xunta abría por fin a fronteira do concello e fun direito á lagoa da Frouxeira tras saír do traballo. Unha lagoa que estaba pecha e chea, por desgraza. A maiores facía vento e desde o paseio peonil tiña o sol de frente, unhas condicións pésimas para a observación ornitolóxica, pero estaba alí de novo, na miña querida Frouxeira.

Lagoa da Frouxeira, zona do "Pozo do cura"

 Neste esperado reencontro  adiqueime simplesmente a respirar e desfrutar a visita.

Acuáticas repousando na beira N

 No lago poucas aves había, coma pasa sempre que mantén altos níveis hídricos. O máis salientábel:
  • 4 Cullereiros (Platalea leucorodia)
  • 114 Patos frisados (Mareca strepera)
  • 16 Cercetas reais (Anas crecca)
  • Unha ducia de patos mergulladores (Aythya spp). Estaban co sol de frente e resultaba imposíbel identificalos. Supoño que estarían os famosos affinis e collaris (tampouco fixen moito por achegarme)
  • Un grupiño cativo de Galiñolas (Fulica atra) dunhas poucas ducias.

Patos frisados (Mareca strepera) en primeiro plano

    Con estes ventos de nordés sería doado que sedimentasen algunhas limícolas típicas de finais de inverno, coma o liorteiro (Calidris pugnax) ou o mazarico rabinegro (Limosa limosa). Sen intermareal será complicado.

Galiñolas negras (Fulica atra)

 Teño visto moitas cousas raras na Frouxeira pero até hoxe non vira isto: un corvo mariño morrendo "en pleno directo". Estaba a tragar unha presa e comezou a debaterse violentamente até que ficou morto na superficie. 

Corvo mariño (Phalacorcorax carbo) agonizando cunha presa capturada

Ignoro que foi o que pasou. Unha espiña atravesando un órgano vital? Simple asfixia por exceso de gula? Un anzol de pesca que viña polo medio? Alí quedou flotando no medio da lagoa.

Corvo mariño morto

 Eu non vou facerlle a autopsia na cociña da miña casa pero se alguén ten interese o bicho há ficar varado na beira da pista, onde será doado atopalo.

 Outras cousas nunca cambian. Como os cans soltos omnipresentes no espazo protexido. Desta volta e xusto mentras me facían unha enquisa para a Xunta decidín advertir á propietaria de que os cans debían ir atados. A resposta foi a de sempre. Precisamente por culpa desa peste as limícolas agora xa non poder ir á praia cando a lagoa está chea (como facían antes). Por iso están sempre no illote da Percebelleira, frente a praia.

Illote da Percebelleira

Pilros (Calidris alba) e píllaras (Pluvialis squatarola) a resgardo da peste canina

   En fin, vires á Frouxeira é sempre unha sensación agridoce. Podes sentir fascinación e ledicia pola rica vida presente no humidal mas logo virá a xenreira e indignación pola permisividade das autoridades cara o delicto medioambiental.

Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)

E con estas píllaras refuxiadas da peste mascoteira despedímonos por hoxe.

9 comentarios:

  1. Lo de la muerte en directo que comentas sobre el Phalacrocorax carbo,podría haberse tragado un pez artificial llamado Rapala utilizado para la pesca de lubinas y otros peces.Esos peces artificiales lleva anzuelos triples y pude lleva uno ,dos y hasta tres de esos triples anzuelos.

    ResponderEliminar
  2. Nicolás Magdalena García26 de febreiro de 2021, 22:55

    Boas Xabi!

    Bonita entrada. Realmente é un alivio enorme para min poder saír de novo do concello (sempre responsablemente, claro). Estou impaciente por saír mañán a ver as "miñas" apreciadas aves mariñas. Realmente estou aficionándome a elas.

    En resposta ao que di José Ramón: ben podería ser que tragara un señuelo tipo rapala, pero non o creo. O interior da lagoa non sería un lugar típico para utilizalos, e dubido que moita xente os empregue aí, aínda que non coñezo excesivamente ben o sitio xa que estiven poucas veces. Ademáis, ese tipo de señuelos teñen o seu atractivo para os predadores cando están en movemento; parados, son un "cacho" de plástico inerte no medio do mar (supoñendo que non había ninguén pescando nese momento). Aínda así, o realismo nas cores e forma que (cada vez máis) están tendo, non invita a ser moi positivo.

    Saúdos, Nicolás

    ResponderEliminar
  3. POis non podo opinar do que non coñezo (José Ramó foi pescador de robaliza, ollo). De todas formas deume a sensación de que o corvo "pelexaba" con algo a primeira vez que ollei para alí. Estaba conversando co entrevistador e cando dei preparado a cámara para disparara xa case acabara o lío, pero até me pareceu ver algo colgándolle do bico, algo longo,...quizá unha anguía? Foi unha pena que me pillara despistado sen tempo para ver a escea completa.

    ResponderEliminar
  4. Por certo, non esquezamos o problema de pesca furtiva que existe no espazo "protexido". Xa atopei (e denunciei) trasmallos e nasas, por exemplo. Ollo.

    ResponderEliminar
  5. Se pudo romper en el lance y quedar flotando,con el viento como dice Xabier pudo dar movimiento al rapala como si fuese un pez herido y el cormorán atacarlo pensando que era la comida

    ResponderEliminar
  6. Alégrome que teñas algo que agradecerlle a Feijjoo e pola túa Frouxeira, pero... ¿ outros 30 anos sen ir por CoVas, Xabi?
    Paco Girón

    ResponderEliminar
  7. Perdoa pola tardanza, Paco (botei o día en Ortigueira). TRnaquilo que non vou botar outros 30 anos sen ir por aló. Agora xa me comprometín a facer seguemento de Azul TK e terei que ir aos Cabalos.

    ResponderEliminar
  8. Hola, ¿qué dixo a delincuente do can solto?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois "- Vale, gracias". E sigueu paseando cos cans (eran 2) soltos polo mesmo borde da lagoa. Se eu estivese só había respostar de mala maneira. En calquer caso os cans nunca os prenden. Para qué o van facer se non lles custa multa ningunha levalos ceibes?

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos