venres, 19 de marzo de 2021

Aves na cidade. Rula turca.

  Estes días tivemos un interesante debate no foro de galiciaves sobre papuxas e outras "habitantas" dos parques urbáns. Aproveito para recomendar que entredes nese foro (galiciaves@googlegroups.com) se queredes aprender sobre aves da mao dos mellores ornitólogos deste país. 

Paisaxe urbán de Ferrol (A Coruña)

 Desde hai un tempo comecei controlar as aves que cantan ou se alimentan nas pequenas árbores plantadas á beira da "Estrada de Castela", a arteria que une Ferrol e Narón. Especialmente o tramo de 1,5 Km entre a miña casa no Inferniño e a Ponte das Cabras, fronteira con Narón.

Estrada de Castela á altura da miña casa

    Onte avisávame José R. Castro de que tiña un niño de rula turca xusto diante do meu edificio e hai un momento achegueime para fotografalo. Alí estaba a rula chocando coma unha campioa.


  Tomando moitísimas precaucións para non chamar á atención dos paseantes logrei sacar un par de fotos mentras disimulaba mirando para os edificios. 

Rula turca (Streptopelia decaocto) chocando no niño

    Cando ves o niño situado literalmente ao alcanzo da mao quedas abraiado coa capacidade das aves para se adaptaren a entornos tan humanizados. De feito a rula turca é un bicho habitualmente moi fuxidío mas este exemplar ficaba tranquilo e impasíbel mentras eu disparaba a dous ou tres metros de distancia. En canto saia a folla xa quedará máis oculto e a  salvo da curiosidade dos viandantes, esperemos. A ver se aguanta.

Hábitat de cría de rula turca en Ferrol (niño nunha desas árbores cativas)

  Antes fixen unha visita breve de control á ría de Ferrol.

Intermareais de Neda

  En Maniños/Seixo non vin xa ningunha das mergulladoras invernantes, aínda que podían estar por alí (o mar estaba moi batido e facía vento). E na ribeira de Neda 2 cullereiros como máis salientábel.

Cullereiros (Platalea leucorodia)

  Sigo sen acostumarme a ver cullereiros todos os días na nosa ría. A súa recente irrupción lembra moito á da garzota (Egreta garzetta) que hai corenta anos empezaba verse tamén en número moi reducido ou individuos solitarios por estas terras. Desde logo é un pracer fotografar unha das aves máis espectaculares e elegantes de Europa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos