domingo, 28 de marzo de 2021

Bicheando polo Miño (Belesar)

 As saídas naturalistas por terras de Ferrol son cada ano máis decepcionantes e tristes así que paga a pena saír menos, facendo viaxes máis longas. Con esta idea voltaba ontes ao canón do Miño ao seu paso por Chantada, nove anos depois (preme).

Canón do Miño desde Chantada

   Cheguei aló con tempo frío (0 º C) e néboas que toldaban a zona toda.


   A abondancia de viñedos indica xa unha grande influencia mediterránica, aínda que non é tan acusada coma nos vales de Ourense.  En calquer caso estas terras colinas do sur de Lugo e norte de Ourense son especialmente ricas en vida.

Río Asma, tributario do Miño

    A visita era de carácter herpetolóxico pero debido ao mal tempo comezaba con varios transectos ornitolóxicos (vantaxes de ser "politoxicómano"). 

Cardeal (Pyrrhula pyrrhula) macho

  Non observei nada especialmente chamativo. Porén, enchinme de observar aves florestais comúns, moitas delas en celo ou mesmo criando. Unha parella de tordos charlos carrexaban bicada cara un piñeiral no alto da ladeira. Non hai paxaro máis desconfiado ca ése, e cada disparo con éxito supón motivo de celebración.

Tordo charlo (Turdus viscivorus)
Sony RX10 focal 600 mm, moi recurtada

  O tordo común é todo o contrario, especialmente os machos a cantar. Están tan concentrados no choio que podes fotografalos sen problema. 

Tordo común (Turdus philomelos)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:500   V:1/200   F:4

  Ben avanzada a mañá o ceo foi abrindo e as nubes baixas comezaron deixar pasar o sol.

Encoro de Belesar

  A maior parte do canón do Miño está ocupado por dous encoros: o de Belesar e o de Os Peares.

Río Miño augas abaixo do encoro

    Augas abaixo da presa de Belesar o Miño recupera a súa condición de río normal durante un par de quilómetros, antes de verse represado de novo polo encoro dos Peares.

Miño no tramo sen encorar

     Namentres eu facía turismo un falcón común vixiaba desde a sua atalaia. 

Falcón común (Falco peregrinus)

  Chamoume a atención este transformador restaurado por Fenosa, que contaba cunha morea de caixas niño e refuxios para aves ou morcegos.

Transformador restaurado para conservación da fauna

   Nun panel infórmase das entidades implicadas no proxecto. Os meus parabéns para todos.

Cartaz informativo

   En canto quentou o sol comecei a mostraxe herpetolóxica (tamén había moitas bolboretas pero non puiden atender a todo).

Lagartixa lusitana (Podarcis guadarramae)

   A maior parte dos répteis comezaron xa a súa actividade. As temperaturas da mañá son aínda frías, así pois deben termorregularse nas horas centrais do día. Máis adiante, cando comece o calor, a súa actividade volveráse bimodal (a primeira e última hora, descansando a mediodía).

Lagarto arnal (Timon lepidus) xuvenil

  Os adultos conservan as cores apagadas de inverno. Logo da muda disporán dunha pel nova e moito máis vistosa. Nesta foto apréciase a pel nova que asoma na zona do fuciño, dun verde máis intenso.

Lagarto arnal (Timon lepidus) adulto

   As pozas nestas alturas adoitan estar cheas de anfibios se reúnen condicións. Aproveitei que levaba as botas de goma no maleteiro para facer unha mostraxe nunha charca que coñezo.

Típica charca de canteira

   Nela achei os seguintes anfibios:
  • Pintafontes común (Lissotriton boscai)
  • Pintafontes verde (Triturus marmoratus). Larvas de poucos días. A pesares das numerosas referencias bibliográficas (1) que indican permanencia acuática desde Novembro eu nunca fun quen de atopar larvas antes de finais de Marzo. 
  • Rá das veigas (Discoglossus galganoi)
  • Rá estroza (Hyla molleri)
  • Rá verde (Pelophylax perezi)
  Sempre gosto de ver a fermosa estroza, un anuro nocturno de ascendencia tropical e hábitos trepadores. Co celo acoden á auga sendo doado entón ollalas polo día.

Rá estroza (Hyla molleri)

  A rá da veiga ou sapo raxado evita a competencia con outros anuros frezando a miúdo en pequenos apozamentos, habitualmente separados do humidal principal. Por veces en charcos de tamaño ridículo. Estas observacións de onte supoñen unha cita nova para a cuadrícula do Atlas, penso.

Rá da veiga (Discoglossus galganoi)

  Este anfibio peculiar posúe dous morfotipos: ún con deseño case uniforme e banda dorsal clara, outro manchado con pintas escuras de bordo claro. É característico dos discoglossus a pupila en forma de corazón. Unha xente certamente peculiar.

Rá da veiga (Discoglossus galganoi) baixo a auga
Sony RX10 III focal 370 mm   ISO:100   V:1/160   F:5

  E, manda truco, nove anos despois volvía atopar un xuvenil de cobra de colar no entorno da charca. Un curioso deja vù para terminar a xornada.

Cobra de colar (Natrix astreptophora) xuvenil

     Vémonos na próxima entrada.

(1) Pedro Galán Regalado, Mario García París e Alfredo Salvador (diferentes publicacións)

2 comentarios:

  1. Qué marabilla Xabi. Da gosto ver paisaxes así, sen eucaliptos e con entornos ben conservados. E con variedade de anfibios, polo que vexo. Unha gozada ver estas entradas no teu blog.
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Dá gosto, dá... (eu con tal de saír deste burato negro que é Ferrolterra xa son feliz). Pena de frío e nubes pola mañanciña. Así e todo, desta vez non hei pasar outros nove anos sen voltar.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos