sábado, 22 de maio de 2021

Excursión a Zamora, capítulo 2: Bretocino

  Como aperitivo do que viría depois, o domingo visitamos dous lugares con ecosistemas de monte mediterránico. Por unha banda o montado de Castronuevo, unha dehesa de aciñeiras moi cultivada de cereal.

Montado de Castronuevo
Nikon P1000 focal 28 mm   ISO:125   V:1/320   F:6,3

 Seguía a soprar vento forte e non era unha hora boa para a observación. Aínda así tivemos a sorte de ollar 4 pombos pequenos (Columba oenas), ave moi fuxidía e difícil de fotografar.

Pombos pequenos (Columba oenas)

 Antes pasamos polos montes de Bretocino, nas abas do río Esla. Un lugar marabilloso onde se respira unha sorprendente tranquilidade. A floración da esteva (Cistus ladanifer) estaba no seu máximo e o branco cobría toda a ladeira de solaina.

Río Esla, con estevas en primeiro plano
Sony RX10 III focal 50 mm  ISO:160   V:1/320   F:6,3

    A primeira sensación ao sairmos do carro foi o cheiro, que impacta cando chegas do norte: lavanda, tomiño, estevas, romeu,... O monte mediterránico desfrútase visual e olfactivamente.                                                                                                                                 
Montes de Bretocino

  Con vento forte os paxaros recóllense nas pólas interiores das árbores e resultan máis difíceis de observar e fotografar. A luz dura do meiodía non axudaba tampouco.

Picanzo cabecirrubio (Lanius senator)

Picanzo cabecirrubio (Lanius senator)
Mikon P1000 focal 2600 mm   ISO:360   V:1/400   F:7,1
 
Ademáis das especies habituais, cada visita a Bretocino ten un protagonista destacado: a escribenta das hortas, ave moi rara, de distribuición moi limitada na Galiza e aínda por riba moi tímida.

Escribenta das hortas (Emberiza hortulana) macho

  A pesares da luz horríbel e do vento constante puidemos tomar algumha imaxe decente da especie. O mellor nestes casos e ficar en silencio ao pé dunha aciñeira que disimule a nosa presenza e esperar.

Escribenta das hortas (Emberiza hortulana)
Nikon P1000 focal 2000 mm   ISO:250   V:1/200  F:6,3


 Esta escribenta por si soa xa xustificaba o esforzo do desprazamento até o Esla.

Escribenta das hortas (Emberiza hortulana)
Nikon P1000 focal 2000 mm   ISO:200    V:1/400    F:6,3

Co tempo tan despacíbel eran poucos os répteis ou insectos activos. Unha solitaria lagartixa rabilonga asomaba tímidamente para termorregularse nun lugar protexido do vento.

Lagartixa rabilonga (Psammodromus algirus)

  Baixo unha pedra atopábamos un alacrán común. Ou penso que é o común, pois na Península hai outro moi semellante, Buthus ibericus, mas lin que non chega tan arriba na súa distribuición.

Alacrán común (Buthus occitanus)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:100   V:1/250   F:5,6

 E con isto rematamos esta segunda entrega da miniserie sobre Zamora. Na próxima coñeceremos as Arribas do Douro, o Paraíso da biodiversidade.

4 comentarios:

  1. A escribenta, preciosa, xustifica o desprazamento, e o complemento do picanzo non lle queda nada mal.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Abofé, Álvaro. Anda que non está cara esa especie no noso país....Foi unha mágo o vento e a luz. O exemplar da última foto estaba bastante perto (para unha bridge) pero xa ves que tamén estaba a contraluz. E os outros eran complicados porque estaban dentro da aciñeira, zona escura moi contrastada coa luz do meiodía como ben sabes, e xa me subía moito o ISO.
      Estou desexando publicar o terceiro capítulo pero antes aínda virá un post pequeno sobre a Terra Chá (estiven hoxe por aló).

      Eliminar
  2. Parabéns, Xabi, polas fotos, en especial as da escribenta das hortas, caralludas.
    E moi bonitas as fotos de paisaxe. Lástima que aquelas pombas pequenas nos pasaran tan lonxe. Estimaba facerlles algunha foto.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, esta escribenta é bastante fotoxénica. O dos pombos pequenos xa é para subir nota. Alí nos cables eléctricos que vimos no inicio do roteiro teño visto grupos moi grandes pero era verme a 500 m e marchaban. Un bicho que dificilmente se poderá fotografar sen hide. Eu desde logo non me vexo capaz logo de moitos intentos.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos