venres, 30 de xullo de 2021

Mini-censo de aves mariñas na Ponta Frouxeira (Valdoviño)

 Estamos de ferias e lóxicamente dispoño de máis tempo para bichear. Esta mañá acerqueime ao cabo de Ponta Frouxeira para facer o primeiro control de mariñas na tempada. Sopraba vento frouxo do Oeste e caían chuvias fébeis intermitentes.

Vista desde o "observatorio"

 Case non había aves, aínda que de primeiras avistaba unha pardela escura (Ardenna grisea) voando cara o Oeste. Foi o único salientábel en toda a hora (8,40 - 9,40 h) . Poño os dados que recollín:
  • 40 Gaivotas patimarelas (Larus michahellis). Moitos xuvenís en dispersión
  • 10 Gaivotas escuras (Larus fuscus)
  • 7 Pardelas cincentas (Calonectris borealis). Quizá houbese polo medio algún exemplar galego. É escasa pero hai parellas reprodutoras espalladas pola costa.
  • 1 Pardela escura (Ardenna grisea)
  • 3 Pardelas baleares (Puffinus mauretanicus) voando cara o Leste. Ao contrario que a maioría de aves mariñas, as pardelas baleares migran en dispersión cara o Golfo de Biscaia logo de criar en Primavera no Mediterráneo. Por iso de verán é habitual velas a voar con rumo N frente as costas galegas. Logo por Setembro volven baixar. 
  • 45 Mascatos (Morus bassanus). Nesta época a maioría son xuvenís ou subadultos
  • 3 Corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis
          A maiores (non mariñas):
  • 1 Lagarteiro (Falco tinnunculus)
  •  2 Choias (Pyrrhocorax pyrrhocorax)

Pardela cincenta (Calonectris borealis)

   A fotografía de mariñas é realmente complicada, a menos que esteas en Estaca de Bares ou embarcado. Pero desde un cabo normal coma Ponta Frouxeira pois as aves pasan tan lonxe que nin coa bridge ou co tele máis potente consegues bos resultados. Falamos de distancias de telescopio (500-2000 m na maioría dos casos). Hai días que podes velas máis perto, pero por norma as imaxes serven únicamente para identificación e pouco máis.

Foto orixinal

  Hoxe levaba a Panasonic G7 co 100-300 (200-600 mm equivalentes). A foto desta pardela era tan cativa que tiven que aplicar un recurte brutal para poder publicar algo "intelixible".

Foto anterior recurtada

  Por este motivo florece unha próspera actividade de turismo ornitolóxico no que se embarcan os colegas paxareiros para poder fotografar de perto aves mariñas que habitualmente se ven tan lonxe desde terra. Para que as aves se acheguen ao barco úsase "chumb" (un cebo con restos de peixe, vaia).
 Quizá algún día me anime e embarque nalgunha das empresas que se dedican a iso en Galiza. Teño ganas de pillar esas especies peláxicas desde cerca (cando navegaba por alta mar nas fragatas de Navantia si que as vía moi ben pero daquela nin cámara tiña).

Mascatos en migración (Morus bassanus)

Choia de bico vermello (Pyrrhocorax pyrrhocorax)

  En fin, Ponta Frouxeira non é Bares pero si un lugar ideal para iniciarse nas aves mariñas. Se chove podes abrigarte no túnel militar; tamén dispós dunha zona de pradeira litoral e ucedal atlántico con especies bastante interesantes, como este guiri francés en calzóns que viña de cagar de campo e che escaralla a composición (cousas do directo). 

Vista mirando ao N

3 comentarios:

  1. Boas meu!!! Interessante post, que dá a ver que há muitas possibilidades de ver aves marinhas desde quase calquera cabo galego, e nom só desde a Estaca. Duas cousinhas: 1) o nome das pardelas cinzentas que se vem habitualmente na Galiza é _Calonectris borealis_ (atlântica). A _C. diomedea_ (mediterrânea) é ocasional, raríssima. 2) Que eu saiba, a _C. borealis_ só cria na Galiza na ilha Coelheira, nas Sisargas e nas Cies... Apertas crack, Cosme Damián Romay

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Corrigido o da borealis. Umha cousinha. A próxima vez que fagas umha correcçom deste tipo melhor começa a frase com: "Agora" chama-se... tal cousa. Se nom os leitores pensarám que me equivoquei na identificaçom quando nom é assi (é um cámbio taxonómico moi recente que podo ou nom conhecer).
      No de Gabeiras tes razom. É o paínho o que nidifica ou nidificóu ali. Estava eu confundido.
      Apertas.

      Eliminar
  2. Ah! Tes razom, empregarei o "agora", ou ponho a data do câmbio taxonómico. Aperta!

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos