martes, 12 de outubro de 2021

Nova cita de martaraña (Martes martes) en Ferrol

 O domingo pasado achegueime de novo ao encoro das Forcadas, onde non había case acuáticas. Ademáis subíu o nível hídrico, desaparecendo zonas de lama óptimas para limícolas na cola de Vilaboa. Pouco parei.

Encoro das Forcadas (Valdoviño)

 Por aquilo de non volver xa para casa fun aos campos de Taraza, en Meirás, que tamén estaban bastante mortos de bicharía.

Camiño principal de Taraza

 Alomenos puiden sacar unhas fotos de paporrubio. Aínda que pareza incríbel non tiña ningunha foto decente da sp, sendo como é un dos nosos paxaros máis abondosos.


Paporrubio (Erithacus rubecula) cantando
Nikon P1000 focal  2000 mm   ISO:110    V:1/250    F:8

   Perto dalí varias pegas alimentábanse de insectos ou carrachas pousados nunha besta.

Pegas (Pica pica) desparasitando un cabalo

   O mellor veu coa observación dunha martaraña, por desgraza atropelada, na parroquia de Lago. 

Martaraña (Martes martes) atropelada

 A importancia desta observación é que supón a miña primeira cita na cuadrícula NJ62 (pintada co círculo azul). A que está debaixo (NJ61) indica unha observación en Barallobre (Fene) case na ribeira da ría. Usando as webs de biodiversidade.eu e mais Observado tentei recoller todas as citas rexistadas nesas plataformas para a comarca de Ferrol (a maioría miñas), ao norte do río Eume e ao oeste do Sor, aproximadamente. Son moi torpe para esas cousas e penso que non están todas.  

Mapa da comarca de Ferrol (terras de Trasancos-Ortegal-As Pontes)
En negro citas rexistadas en Observado e Biodiversidade
 en azul cita deste domingo en Lago (Valdoviño)

  Nesta foto panorámica podemos ver a lagoa da Frouxeira ao fondo e, máis atrás e cun azul máis escuro, o mar. A progresión da martaraña cara a costa nas últimas décadas resulta espectacular. Algo positivo nun contexto de malas novas ecolóxicas diarias.

Martaraña e entorno do atropelo

   En fin, unhas veces temos sorte e podemos observar exemplares vivos a plena luz do día, outras veces son os seus rastros o que atopamos e, por desgraza, tamén achamos exemplares mortos na estrada. En calquer caso a marataraña chegou xa á costa ferrolá. Será cuestión de tempo que podamos detectala nas cuadrículas máis occidentais, pertencentes ao propio concello de Ferrol. 

8 comentarios:

  1. Non sei como vai esto das observacións, me imaxino que fará falta uns requerimentos para rexistar ditas observacións. Pero podo confirmache unha observación de martaraña no lugar do Barreiro (Fene) ao carón do río Belelle. Foi ala polo mes de maio, eran as nove da mañá e chuviscaba. Andaba eu a comprobar o estado dun camiño, despois dunha saca de madeira, cando vinna vir cara min. Viña despista e nun principio non se deu conta da miña presencia. De supeto parouse no medio do camiño, quedouse mirandome e despois desviouse tranquilamente monte abaixo. Son deses momentos en que dexearías ter unha cámara na man.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois co teu permiso vou meter eu a cita na plataforma Observado, poñéndote como autor, lóxicamente. Eu recoméndoche que descargues a aplicación para móbil (Observation) e abras unha conta na web (desde o PC). É unha ferramente moi cómoda que permite meter citas en tempo real, con fotos ou sen elas. A aplicación xa detecta a túa posición xeográfica, ti só tes que poñer especie e características da observación (bicho morto, bicho vivo, parella copulando, larva, caca, etc). Logo os administradores xa aprovarán a cita ou non, pero queda gardada sempre.
      Se tes calquera dúbida chámasme e che digo como tes que facer, pero é bastante sinxelo ata para un zoquete informático coma min.
      Ben, procedo a meter a túa cita de Maio.

      Eliminar
    2. Grazas por subir a cita á plataforma. Acabo de entrar na plataforma e rexistrarme. Procurarei ir subindo o que vaia observando, aínda que os meus modestos coñecementos o dificulten. Vaia vrao que me deron as rapaces, que criaron no viaducto da autopista de vilanova. Polos berros e a plumaxe parecíanme falcóns peregrinos pero o meu ollo inexperto impídime aseguralo ao 100%.

      Eliminar
    3. Xa cho aseguro eu: peregrinos ao 100%. Noutro entorno poderían ser lagarteiros (Falco tinnunculus), pero nesa zona do viaduto, se é o que penso, non semella hábitat para esa sp (gosta de espazos abertos para cazar, como prados ou sistemas dunares). Ao peregrino válelle calquera sitio sempre que haxa aves, como resulta obvio se anidan nun asteleiro.

      Eliminar
    4. Boas ós dous, se mo permites Roberto, anoto a túa observación para unha recopilación de citas que andamos a facer para actualizar a distribución do bicho en Galicia.
      Por outra banda, Xabier, nós xa temos rexistradas varias citas nesa cuadrícula (NJ62)a partires do ano 2016, proporcionadas por Manuel Pose Picado e Javier Barros Castro. De feito temos citas en tódalas cuadrículas dese cuadrante que inclúes excepto para as máis occidentales. Espero que máis pronto que tarde poidamos publicar os resultados desta recopilación (e tamén mostraxe activo pola nosa parte), pois hai un gran aumento no número de cuadrículas con presencia da especie.
      Un saúdo!!

      Eliminar
    5. Perdoa pola tardanza en respostar, Marcos. Xa modifiquei lixeiramente o texto da entrada. Respeito a NJ62 xa me contou Martiño que había citas, pero estaba esperando que me contase algo máis para rectificar a entrada (debeu esquecerse da pregunta que lle fixen no facebook).
      Apertas.

      Eliminar
  2. José González Castro13 de outubro de 2021, 09:24

    Buenos días.

    De un tiempo a esta parte (animalismo, mascoterismo y enfermedades mentales similares) se intenta culpabilizar a los conductores de los atropellos a animales, cuando no tienen responsabilidad alguna. No sé, a lo mejor esa tropa aboga por la prohibición de los coches.

    Lo dice alguien que el año pasado no se mató a 90 (velocidad de la señal de la vía) al chocar con un jabalí. Puedo escribir esto porque no pegué un volantazo, algo que no se debe hacer nunca en esos casos.

    Un saludo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ben, dos animalistas e demáis transtornados pódese esperar calquera cousa xa. Está claro que a rede viaria galega é causa da morte de millóns de animais cada ano (vertebrados e invertebrados), nun grao que seguramente non somos quen de imaxinar. Resulta lóxico pensar que podemos reducir algo a velocidade en espazos ou épocas sensíbeis, ou mesmo frear se vemos que imos atropelar un bicho, pero daí a poñerse en perigo o propio veículo ou a outros condutores/pións hai un mundo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos