domingo, 26 de decembro de 2021

Nova visita de control á ría de Ortigueira

 Esta mañá voltaba á Ría de Ortigueira (A Coruña) na compaña de José Ramón Castro. O prognóstico adiantaba choiva a partires das 12 horas e non se equivocou. Antes deunos tempo a censar algunhas especies e fotografar outras. Imos coas matemáticas:

  • Os 5 gansos bicocurtos (Anser brachyrhynchus), que seguen onde sempre
  • 175 Gabitas (Haematopus ostralegus) contados no Cavalar
  • 470 - 480 Mazaricos reais (Numenius arquata). Idem. En Ladrido habería uns cantos máis
  • 105 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola). Esta limícola entra tarde e aínda en Xaneiro continúa a subir o número
  • 2 + Pilros grosos (Calidris canutus)
  • 1050 Pilros comúns (Calidris alpina). Censo bastante impreciso mas serve coma referencia. Con certeza había máis dun milleiro
  • 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus). Conseguín unha foto testemuñal en voo
  • 7 Gaivotóns (Larus marinus), todos adultos agás un xuvenil de 1º inv pedindo a merenda a un adulto
  • 6 Garzas brancas (Ardea alba) en San Clodio. Onte Ricardo Hevia contaba 10 ex desde Fornelos, récord na localidade
  • 67 Cullereiros (Platalea leucorodia). Novo récord de invernada, con 10 ex máis chegados nos últimos quince días
  • Os 4 mazaricos negros (Plegadis falcinellus), que permanecen na granxa de San Clodio
  • 1 Águia pescadora (Pandion haliaetus)

Gansos bicocurtos (Anser brachyrhynchus)
Panasonic G7 + tele 100-300 (equiv 200 - 600 mm)

Cullereiros (Platalea leucorodia) e limicolada

6 Garzas brancas (Ardea alba) con garzotas e biluricos

Biluricos claros (Tringa nebularia) afotados desde o "observatorio"

A final conseguín fotografar o bilurico escuro invernante, que leva un tempo connosco.

Bilurico escuro (Tringa erythropus) en voo

   Cando xa comezaba chover paramos na granxa de San Clodio, onde seguen os 4 mazaricos negros. Este ibis era extremadamente raro até hai poucos anos; porén agora forma parte habitual da paisaxe galega, ao igual que as garzas boieiras, outra especie de orixe mediterránica e norte-africá. 

Granxa de San Clodio (Ortigueira)

Mazaricos negros (Plegadis falcinellus)

  Cos mazaricos negros segue un mazarico rabinegro, que pertence á familia das limícolas e portanto é un auténtico mazaricoO mazarico negro é na realidade un ibis, da familia Threskiornithidae (neste caso si apoiaría un cambio taxonómico para o nome vulgar en galego).

Mazarico rabinegro (Limosa limosa) acompañando mazarico negro

Mazarico negro (Plegadis falcinellus)

    Foi unha mágoa que cando tiñamos os bichos moi perto a choiva comezou a caer con máis forza. Houbo que recorrer ao paraugas para poder completar a sesión fotográfica, xa cunha luz mínima.

  
Mazarico negro e vaca rubia


  Espero que teñamos ocasión para os fotografar en mellores condicións. Menos mal que desta volta levaba a Panasonic G7, que se defende ben con pouca luz.

Mazarico negro (Plegadis falcinellus)
Panasonic G7 + 100-300 mm   ISO:1250   V:1/200    F:5,6

  Bon, unha visita rápida pero moi entretida a de hoxe a Ortigueira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos