sábado, 4 de xuño de 2022

Un falcón (Falco peregrinus) moi especial

  O pasado 19 de abril descubríase un niño de falcón común nún dos guindastres do estaleiro de Navantia-Ferrol. Por desgraza, ún dos dous polos que había e  mais un ovo caeron ao vacío durante unha manobra realizada en tarefas de mantemento da grúa. Foi pura mala sorte, xa que ninguén coñecía a existencia do niño (eu estaba a controlar outro sitio diferente). En canto soubemos del paráronse os traballos inmediatamente, prometéndome os responsábeis que non se movería ata que o único polo supervivinte voase, e así foi.

Polo de falcón común en niño

   Os falcóns non constrúen niños, senón que ocupan os feitos e abandoados por outras aves coma corvos grandes ou corvos pequenos (ambas especies anidan na nosa factoría). Nel poñen dous ou tres ovos que na nosa zona eclosionan na segunda metade de abril. Nestes momentos o polo debe estar a piques de iniciar os primeiros voos, se non o fixo xá (antonte pareceume velo pousado nun guindastre viciño, mas non tiña binóculos).

 Poño unhas fotos tomadas por unha compañeira de prevención o pasado 19 de maio, onde vemos o repoludo e crecido que xa estaba (algo bon tiña que ter quedar coma fillo único). Aproveito para agradecer os permisos á dirección, especialmente a Antonio González-Llanos, director de Seguridade Industrial, sempre moi amable.

Polo de falcón común (Falco peregrinus) con aproximadamente un mes de idade

   Barallouse a idea de instalar unha cámara fixa pero finalmente non se puido facer por complicacións loxísticas e de tempo, que se nos botou encima.

Parella de falcóns (Falco peregrinus)


  En calquer caso o máis importante é que se salvou a vida do polo supervivinte do accidente. Un accidente que seguramente sexa habitual entre as aves que habitan instalacións industriais deste tipo, suxeitas a frecuentes obras de reparación, tais coma chorreado, pintado, mantemento eléctrico ou mecánico, etc...

Zona de gradas de Navantia - Ferrol (A Coruña)
Foto tirada desde Mugardos
 
Aproveitando o permiso para fotografiar aos falcóns achegueime para retratar aos proxenitores. As fotos de antes foron coa P1000, e éstas coa Sony RX10 III, todas moi lonxanas.


Falcón común (Falco peregrinus) adulto

En fin, repito que agradezo a resposta de todos os responsábeis tanto de Mantemento coma de Seguridade, que desde o principio responderon de maneira moi positiva ante a aparición deste niño. Estas actuacións, salvando unha especie protexida e tan emblemática coma o falcón peregrino, son as que debe ter unha empresa pública da dimensión de Navantia. Unha actuación moi oportuna en vésperas do Día Internacional do Medio Ambiente. Os meus parabéns a Navantia.

  Nota: nas imaxes do polo aparece a marca de agua de Xabi Prieto porque non me din conta de quitala cando as editei, pero son dunha compañeira de Prevención.

Polo de falcón común (Falco peregrinus)

Vémonos na próxima entrada.

2 comentarios:

  1. Non se decataron de que era un lugar perigoso, vaia!
    A ver se a partires de agora xa os teñen en conta coma inquilinos da grúa.
    Ata nas familias de aves ocorren desgrazas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Probablemente o ano que vén han buscar outro sitio. Se todo vai ben daquela xa teremos barco na grada (ou un cacho del), así qie haberá moito ruido e actividade na zona. A saber ónde anidan en 2023 (aquilo é moi grande).

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos