domingo, 3 de xullo de 2022

De volta por Moeche

    Outra fin de semana por Moeche, un lugar tranquilo ideal para camiñar e relaxarse. Por desgraza os mellores espazos naturais ferroláns son os humidais litorais, completamente invadidos pola peste canina, así que mellor non ir, por pura saúde mental.

O meu roteiro habitual en Casalousada, Moeche

  A "operación mustela" continúa en marcha, mais a delonciña (Mustela nivalis) segue sen aparecer este ano. Porén isto de madrugar adoita compensar ao naturalista con observacións de mamíferos. 

Corzo (Capreolus capreolus) femia
  
 O sábado aparecía un raposo marcando o seu territorio ás 7,30 h. Pouco despois atopei o tobo que seguramente era a súa madrigueira. De redor unha morea de rastros indicaban iso con claridade. Por suposto os dados foron subidos á plataforma Observado.

Raposo ou golpe (Vulpes vulpes) marcando o terreo

   O tempo nuboso e ventoleiro destes días non axudou na observación ornitolóxica. A salientar a confirmación de que aínda temos rulas en Moeche! A mala nova é que semella unha tempada catastrófica para o picanzo vermello (Lanius collurio). Nas visitas de sábado e domingo só detectei un exemplar na área onde debera haber 3-4 parellas polo menos. 

Rula común (Streptopelia turtur). Foto a través do parabrisas do carro

   Así que mellor poñemos fotos de vacas, o animal máis importante deste planeta. Sen pedir nada a cambio ofrécenos leite para beber e para que podamos elaborar iogurte ou queixo, que aportan proteína de grande calidade a millóns de persoas por todo o mundo sen necesidade da morte dun animal. Aínda que éstas da foto teñen un destino bastante máis triste (son unha raza "de carne").

Vacas de gandeiría extensiva

Un pucho mediano

Un pucho cativo

  Na Galiza litoral a vaca cobra unha importancia moito maior, por seren a última defensa diante da eucaliptización, a maior traxedia medioambiental na historia do noso país. A seguinte imaxe reflicte á perfeizón o que quero dicer: ou vacas... ou apocalipse.

Vacas pastando en campo rodeado por eucaliptos (Moeche)

    Movendo un pouco o encuadre da cámara cara calquer monte cercano do mesmo val de Moeche temos isto: o inferno!!

El horror

    Non fai falla ler as entrevistas (magníficas) que se están a publicar de Antonio Turiel para saber que imos camiño do colapso. Por ese motivo sinto un pouco de remordimento cada vez que saio ao campo no meu carro para "ver bichos", unha actividade de lecer que quizá non poda realizar no futuro. Neste sentido é bon saber que o novo carro (que estreei este finde) emite unha cantidade de emisións moito menor que o anterior, un motivo que prioricei á hora da compra. Aínda así son plenamente consciente que nun futuro máis próximo do que pensamos quizá non podamos usar os nosos veículos para actividades de lecer. 

O meu novo observatorio ornitolóxico

 En fin, aproveitemos mentras dura. Veñen tempos moi escuros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos