martes, 19 de xullo de 2022

Libeliñas e voitres

  Ao norte do Monseibán está a serra central do Xistral. Por alí fixemos varias mostraxes en sitios cómodos, porque con 32 ºC, repito, 32ºC que facía arriba, non estaba o día para longas camiñadas.

Cordal central do Xistral
 
A omnipresenza de eólicos esnaquizou a paisaxe para sempre na liña de cumes. Mellor baixar a vista cara as brañas e turfeiras, que localmente se coñecen como tremoais.

Braña e tremoal

Poza en turfeira

  As pozas de augas permanentes garantizan a presenza de odonatos. Observamos as especies máis habituais destes hábitats frescos e hiper húmidos: gaiteiro azul (Calopteryx virgo), donceliña de Mercurio (Coenagrion mercuriale), donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula), donceliña fina (Ceriagrion tenellum), emperador grande (Anax imperator) ou libélula azul (Orthetrum coerulescens), moi abondosa esta última. 

Libélula azul (Orthetrum coerulescens)

Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:500  V:1/400   F:4

Donceliña fina (Ceriagrion tenellum)

Donceliña de Mercurio (Coenagrion mercuriale)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:250   V:1/320   F:4

   Tamén observamos unha Ischnura que non puidemos identificar ben. A ferramenta de ID de Observado di que ao 100% de probabilidades sería Ischnura elegans pero non o teño tan claro.

Donceliña elegante/ibérica (Ischnura elegans/graellsii)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:160   V:1/640   F:4

   Unha diminuta araña saltadora achegouse por alí. En España hai case vinte especies do xénero Heliophanus, ao que pertence o exemplar da foto, un bichiño de apenas uns milímetros. Por certo, pensade que a foto non está tomada cun obxectivo macro, senón cunha bridge. 

Araña saltadora (Heliophanus tribulosus)
Sony RX10 III focal 30 mm  ISO:320   V:1/400   F:4

Estes calores son absolutamente inusuais por acó. As aves refrescábanse como podían.

Pica alpina (Anthus spinoletta) logo do baño

Buxato (Buteo buteo) á sombra dun piñeiro

   Outras andaban de caza ou facendo turismo.

Aguia cobreira (Circaetus gallicus)

   A presenza de voitres polo norte galego deixou de ser noticia hai tempo. Agora todos os anos poden verse grupos deles nos meses de primavera e verán.  A maioría son exemplares novos ou subadultos non reprodutores. A día de hoxe non coñezo aínda ningún episodio de reprodución.

Voitre (Gyps fulvus)

Voitres a carón dun eólico

Voitre (Gyps fulvus)

   Atopamos un exemplar pousado nunha torreta que nos deixou achegar dabondo. Unha mágoa a luz tan dura desas horas.

Voitre (Gyps fulvus)

Voitre (Gyps fulvus)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/640   F:4

 E con este "posado" terminamos a miniserie sobre as Highlands galegas. Continuará.

4 comentarios:

  1. A I. elegans adoita ser máis grande que a I. graellsii, e no pronto soe ter unha protuberancia. Ou iso recordo dos meus tempos traballando con graellsii.
    Bonitas fotos, Xabi. E moi chula a saída so campo.
    Apertas,
    Inés González

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, lembro ben o da espiña no pronoto, pero este exemplar non me deu tempo a comprobalo. Lendo a bibliografía que teño (bastante escasa, todo hai que dicilo), semella que elegans fuxe de augas ácidas, como son as das turfeiras. E distribúese pola costa especialmente. por iso non me acaba de cadrar a cousa. Por hábitat debera ser graellsii, entendo. Pero a ferramenta de observado pon 100% elegans.
      A ver se alguén nos aporta máis luz.

      Eliminar
  2. Saudos Xabi
    creo que a araña é Heliophanus tribulosus, especie común, alomenos polas rías baixas, outras Heliophanus que atopei en Galicia son, aeneus, agricola, apiatus, cupreus, dampfi, dubius, flavipes, cochii e melinus. Na Mobella nº 22 tes unha monografía sobre arañas con varios artigos.
    apertas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, Emilio. Consultando as fotos no teu artigo da Mobella parece que é tribulosus. Ao principio tiña dúbidas con H. agricola, pero ollando fotos de Internet está claro que é a outra. Mira que teño ese exemplar da Mobella pero basta que necesites algo para que non recordes que tes a solución moi cerca. Non volverá suceder.
      Apertas, crack.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos