martes, 2 de agosto de 2022

Libeliñas e máis cousas en Forcadas

   É tempo de verao, é tempo de libeliñas. Esta mañá José Ramón Castro e mais eu visitabamos o encoro das Forcadas para facer unha mostraxe odonatolóxica, cun resultado de só 6 especies de libeliñas, algo insólito a estas alturas do ano e que indica perfectamente o dano terríbel que causou o proceso de eutrofizacións das augas (e o cangrexo vermello tamén, supoño).

 Logo de investigar a fondo e comentalo con outros colegas (grazas Vítor!) cheguei á conclusión que os Lestes tan abondosos na enseada do Pereiro son Lestes virens.

Gaiteiriño verdescente (Lestes virens)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:200   V: 1/320   F:4
 
   Termina así unha dúbida que mantiña desde hai tempo entre Lestes barbarus e Lestes virens. Polo visto os pteroestigmas con centro escuro e ambos bordes claros, así como a pruinosidade en S9-S10 son categóricos de virens.

Gaiteiriño verdescente (Lestes virens)

Apéndices anais dun macho

 O declinio na variedade e cantidade de odonatos é alarmante polos motivos apontados, con varias especies que podemos considerar desaparecidas.  As donceliñas van aguantando e hoxe víamos varias deceas na enseada do Pereiro, case todas donceliñas litorais (Ischnura elegans).

Donceliña litoral (Ischnura elegans) macho

 O outro día observabamos e fotografamos varios exemplares que semellaban graellsii, sen espiña no pronoto e de tamaño claramente menor.

Donceliña ibérica (Ischnura graellsii)

Aínda quedan donceliñas de copa, un delicado zigóptero típico de augas abertas extensas. Boto de menos as espectaculares donceliñas de ollos vermellos (Erythromma viridulum), definitivamente extinguidas desde que as augas se eutrofizaron.

Donceliña de copa (Enallagma cyathigerum)

O emperador grande semella ún dos anisópteros que mellor atura a eutrofización. Outros, coma L. quadrimaculata ou O. cancellatum desapareceron do encoro.

Emperador grande (Anax imperator)

Emperador grande (Anas imperator) macho

 Tamén daba por extinguido o lavacú escarlata, mas hoxe atopabamos este macho no Pereiro:

Lavacú escarlata (Crocothemis erythraea) macho
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:250   V:1/320   F:4

 Cambiando de tema, sobre unha umbelífera Jose Ramón achaba dous exemplares de Misumena vatia, unha das arañas cangrexo máis comúns .

Araña cangrexo (Misumena vatia)

   Ao abrigo da fresca que proporciona a salgueiral pantanoso, JR atopaba tamén un adulto de rá vermella, agora chamada Rana parvipalmata. Para min sempre é motivo de ledicia ver este anfibio. Por certo, a Sony RX10 demostrando por qué vale o que vale (sen dúbida a mellor cámara bridge con MOITA diferenza sobre a seguinte).

Rá vermella (Rana parvipalmata)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:2000   V: 1/125    F:4

Terminamos coa auténtica especialidade de Forcadas: o bilurico alinegro, unha pequena limícola que agora está a aumentar os seu efectivos en paso. Esta mañá contábamos seis exemplares en só duas paradas, sen cubrir a totalidade do encoro.

Biluricos alinegros (Tringa ochropus)

Bilurico alinegro (Tringa ochropus)


Biluricos alinegros (Tringa ochropus)

Bilurico alinegro (Tringa ochropus)

En fin, a pesares da eutrofización, do visón americán, do xabalí, dos eucaliptos e do cangrexo vermello Forcadas segue a ter momentos....

4 comentarios:

  1. De lo que no comentaste fue lo del corzo que pasamos un buen susto ,jajajaja. Y estupendo post y gracias por llevarme en tus salidas y enseñarme tanto.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Desde logo. Vaia susto co puto corzo/suposto xabalí! Eu sigo tendo medo de atoparme cunha femia con crías ou cun exemplar ferido polos cazatas. Espero que non se dea nunca ese caso.

      Eliminar
  2. Que bo botín! O lavacú escarlata pode ser un individuo migrante, é certo que son ben poucas as especies de libeliñas que se reproducen en ambientes eutrofizados... Unha aperta! Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Iso mesmo pensei eu, un bicho "de fóra". En calquer caso o declínio de odonatos no encoro é simplemente alarmante.
      Aperta.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos