sábado, 20 de agosto de 2022

Primeiras impresións do Zuiko 100-400 mm

    Logo dunha semana de probas xa podemos tirar as primeiras impresións sobre o Zuiko Olympus 100-400 mm. A primeira e máis evidente de todas: o obxectivo PESA. Non é un cacharro reflex pero afeito ás lixeiras cámaras bridge con este trasto cambia a maneira de saír ao campo. Está no límite que permite levar tamén binoculares ou telescopio. Con máis peso xa resulta un sofrimento para o lombo e pescozo.

   Unha consecuencia deste peso é que á hora de enfocar a pulso cómpre facer un esforzo moito maior que cunha bridge. Máis aínda se usamos o teleconvertidor, que nos pecha a apertura a F:9.

Posíbel Diasemis reticularis
Panasonic G7 + Zuiko 100-400mm + MC1,4x   ISO:1600    V:1/ 250     F:9

  Se obviamos o volume e o peso lóxicos en calquer equipa óptica de calidade, todo o demáis é marabilloso. Aínda con sensibilidades altas o resultado está a ser fantástico, desde o meu humilde ponto de vista. Seguramente mañá farei unha proba usando tripé, unha axuda moi aconsellábel con estas focais se non se dispón de boa luz.

Gaiteiriño verdescente (Lestes virens)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400mm   ISO:1600    V:1/ 400     F:9

   Se quitamos o duplicador recuperamos F:6,3 e poderemos subir velocidade ou baixar ISO.

Araña tigre (Argiope bruennichi)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400mm   ISO:1000    V:1/500    F:6,3 

  A mañá estaba nubosa pero nunha raiola de sol aproveitei para afotar esta mosca da carne. O nível do detalle nun bicho tan cativo é algo completamente novo para min (o amigo Rafa Loureiro si ten conquerido resultados semellantes coa súa Canon SX50).

Mosca da carne (Sarcophaga sp) Fam. Calliphoridae
Panasonic G7 + Zuiko 100-400mm   ISO:1000    V:1/ 320     F:6,3

 Outro "problema" destas equipas é que non podes tomar fotos con focal curta a menos que cambies o obxectivo; algo moi incómodo sobre todo se vai vento ou chove. Esta mañá atopábamos unha corza que adoita descansar nun salgueiral de Forcadas e houbo que disparar a focal 100 e co MC1,4x posto aínda por riba, perdendo a composición da que eu gostaría. Ollo ao ISO.

Corzo (Capreolus capreolus) descansando
Panasonic G7 + Zuiko 100-400mm + MC1,4x   ISO:12800    V:1/ 250     F:7,1

 Por certo, o obxectivo amosa unha preocupante folgura no encastre co corpo da cámara. Non afecta á calidade de imaxe pero é desagradábel porque cada vez que viras o anel de zoom notas ese "toc" cando se move lixeiramente e topea. Na miña opinión debido a un erro no mecanizado do aloxamento do tope. Falei co servizo de Olympus e non respostaron, pero Amazon si e vanmo cambiar por outro novo sen custe nengún. Algo me di que vai seguir facéndoo....

 PD: Para os foreiros de Galiciaves, dicir que en Forcadas seguen 14+ biluricos alinegros (Tringa ochropus) e 3+ manchados (Tringa glareola). Hoxe non levamos telescopio e non se puido contar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos