sábado, 10 de setembro de 2022

Mudando o "chip"

  Logo de dúas semanas sen saír de casa máis que para recados e para camiñar esta mañá achegábame até Maniños (Fene) para facer algunha foto co novo pepino. Unha das vantaxes de paxarear por zonas portuarias é que non tes que andar cargado coa óptica e iso agora que volvo padecer das cervicais é de agradecer.

Gaivota patimarela (Larus michahellis)

   Mentras non mellore un pouco terei que limitarme a dar "paseos" no carro polos peiraos da ría coa cámara deitada no asiento do copiloto. Así que non esperedes ver moita cousa (a pasaxe migratoria nalgunhas zonas está a ser espectacular, mágoa de perdela, grrrrrr!!!).

 Polo menos vou coñecendo mellor o Zuiko 100-400 mm, algo bastante diferente ao que estou acostumado. Nótoo especialmente no relativo ao estabilizador. Para iso as pequenas e lixeiras bridge son unha marabilla. Con elas podes disparar a 1/125 seg sen problema se o bicho non está moi lonxe que non hai trepidación. Co cacharro éste é outra historia. Non deixa de ser unha "reflex" pequena.

Garzota común (Egretta garzetta)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 + MC1,4x

 En canto saíu o sol metinlle o teleconvertidor MC1,4x, que converte a súa focal efectiva nun 1120 mm. Para que vos fagades unha idea, a Canon SX50 (a mellor bridge de sensor 1 2/3" que probei) tiña unha focal de 1200 mm. Sen embargo o peso moi superior dun teleobxectivo como éste dificulta moito o disparo a pulso, aínda con boa luz.

Corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis)

    Algún defecto tiña que ter, porque todo o demáis son melloras. Sen embargo cómpre ter en conta que nunha equipa con obxectivos intercambiábeis o corpo que usemos inflúe moitísimo no rendemento do obxectivo, lóxicamente. E a G7 non é tampouco un corpo top dentro do sector micro 4/3". Aínda así o mellor rango dinámico comparado a calquer sensor bridge permite correxir mellor a sobreexposición nos brancos cando hai luz dura como a de hoxe. 

Lavandeira branca (Motacilla alba)

  Ben, as probas serias con paxarada terán que esperar. Desde logo debo ir mudando o chip con este cacharro e reciclarme como "fotógrafo" (enténdase a expresión). De feito xa paguei a primeira novatada cando quixen limpar unha mota de pó no sensor. Seguramente terei que levarlle a cámara a algunha alma caritativa para que mo limpe e comprobe se deixei danos permanentes coa miña torpe limpeza. Esperemos que non....

9 comentarios:

  1. Xabi. Aforra conto podas y vai por ua Olympus. A E-M1 está muy ben. Cuido que xa descatalogada a Mark II. Pero con esa xa fliparias. Y si podes con a OM1 la releche. Cualquiera das duas tein estabilizador no corpo. Eo, que teño un pulso de merda, disparo a 1/125 sin problemas. Incluso a menos. Y con objetivos cortos, pa paisaxe, etc., A 1/2 segundo ¡Sin trepidar!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A miña idea a medio prazo é esa, Gilberto (no seu momento comprara a G7 porque estaba case regalada). Pero me lío un pouco co nome das Olympus. Aponto logo E-M1 como primeira opción e OM1 se quero tirar a casa pola ventana (vexo que esa é case unha cámara profisional).

      Eliminar
  2. Dis: "e feito xa paguei a primeira novatada cando quixen limpar unha mota de pó no sensor". Xa me dixo José Ramón que non usache soprador... Glups... A ver se non é nada... Apertas! Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non sei por qué che dixo iso José Ramón. Si que usei a periña sopradora primeiro.

      Eliminar
    2. Ola Xabier; en primeiro lugar espero que te recuperes axiña. Noraboa polo blog, de vez en cando boto un ollo para facerme unha idea das especies que andan pola comarca, e penso que fas un gran traballo. Experto non son en nada, pero algo máis sei de fotografía que de bioloxía, e centrándome neste primeiro campo voume atrever cun par de valoracións e un ofrecemento:
      - O obxetivo que mercaches recéntemente, o Zuiko 100-400 f/5-6.3 penso que é unha gran opción para fotografía de natureza, e vaiche dar moitas alegrías a pouco que o vaias dominando. Claro que podía ser máis luminoso, pero mellorar xa un só paso de luz estamos falando de 6000€ maís na mesma marca, e por ahí andamos en ópticas homólogas en Canon e semellantes se buscamos un f/2.8. O peso é moi contido para a focal da que estamos falando, e a nitidez máis que notable. Boa construcción e sellado, e un estabilizador do mellor no mercado como adoita a facer esta marca. En relación calidade/prezo, penso que fixeches unha gran compra.
      - Como tes a boa costume de poñer habitualmente os valores do disparo, vendo algunhas imaxes e sen coñecer de primeira man cómo se comporta o Zuiko coa túa G7, ao non ser estabilizado o corpo, creo que disparando a man alzada debes priorizar a velocidade sobre o ISO e procurar non baixar dos típicos valores que se recomendan do dobre da focal empregada, é dicir que neste caso 1/800 para 400mm por exemplo, e para aves en voo eu non baixaría de 1/1600 (e se todo iso o consegues pechando un paso máis o diafragma para mellorar algo en nitidez, xa é para nota). Sei que falar é barato e logo as condicións da luz fan dícifil cumprir a teoría, pero a miña experiencia alomenos lévame a concluir que o primeiro cun tele amén duha boa técnica no disparo, e garantir a nitidez con velocidades altas e para non subexpoñer non hai outra saída que subir o ISO. Logo o software hoxe en día fai maravillas para que ese ruído non estropee unha boa foto; e en todo caso, mellor unha foto con ISO alto e algo de ruido pero con boa nitidez e adecuada exposición, que a alternativa dun ISO baixo e velocidades máis baixas e que o animal saia "algo suave" ou directamente desenfocado, que nese caso a imaxe está condenada á papeleira de reciclaxe.

      E ahí vai o ofrecemento; concordo totalmente coa opinión anterior de Gilberto, as cámaras de Olympus (agora OM System) son dunha calidade fora de toda discusión. É maís, en materia de implementar melloras vía software penso que adiantaron pola dereita aos grandes colosos Canon e Nikon (quizáis Fuji poida compartir tamén algo desde mérito) e compensan deste xeito sobradamente as teóricas eivas dun sensor pequeno. E aquí si que falo dende a experiencia; probei full frame en Canon, levo anos cunha APSC, e dende hai un mes estou desfrutando da EM-1 mark III aproveitando unha oferta, e non podía estar máis satisfeito. Por enriba de todas as ventaxas, está o saber que si ou si, fas a foto e sabes que máis dun 90% están enfocadas, e se non é así, case seguro que é culpa do indio tras a cámara e non do arco nin da frecha. Así pois, se pensas algún día en adquirir esta cámara ou o recente modelo que a desbanca como "tope de gama" na marca, o OM1, póñome a túa disposición para que probes cómo se entende a miña cámara co teu obxetivo, e así tras darlle unhas voltas co equipo completo nas mans poidas tomar a decisión con maior coñecemento de causa. Vivo na comarca de Ferrol, así que penso que sería sinxelo buscar un momento para a proba.
      Como non sei se queda aquí o meu correo de gmail, deixo o outro para que poidas contactar conmigo chegado o momento se che apetece probar a cámara: mariomartinhoc@hotmail.com
      Sinto o ladrillo, non volverá a suceder que diría o Borbón no exilio.

      Un saúdo,
      Mario Martiño.

      Eliminar
    3. Perdoa polo despiste, Mario (xa che contesto nun post posterior). Simplemente matizar que ás horas nas que eu bicheo (7-9 da mañá) a luz é moi, moi, moi cativa. Así que non teño tampouco moita opción a usar as velocidades que recomendaría o "protocolo" ou me iría a ISO´s absurdas como 6400 ou 16000. A fotografía de aves pola tarde é moito máis doada. De mañá, na costa norte galega,... ten a sua miga.
      Apertas.

      Eliminar
  3. Vaites, xa lle cambiaron o nome ao corvo mariño cristado? Veña, outra vez a actualizar o meu listado de nomes científicos.
    Bonitas fotos, Xabi, espero que vaias mellor do teu.

    Saúdos,
    Inés

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Cambiaron, si... (non me fales). E agora toca adaptarse á nova lista dos nomes galegos que está a piques de ser oficial e resultará un cambio radical para os que levamos décadas usando as listas clásicas.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos