venres, 28 de outubro de 2022

Seguimos de probas coa G7 mais o Zuiko 100-400 mm

  Ainda non collín a agulla de marear á nova equipa fotográfica. Logo de tantos anos con cámaras bridge hai cousas ás que non termino de afacerme. Sobretodo o peso do conxunto, algo que inflúe moito na estabilización de imaxe, por bon que poida ser o estabilizador. Sen embargo noto que en canto controle mellor o seu funcionamento vou desfrutar moito desta inversión. E tamén debo aprender cal é a mellor edición dixital para as imaxes JPEG ou RAW da G7, que ainda non manexo ben co Lightroom.

Carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 + MC1,4X   ISO:1250    V:1/800   F:9

   A G7 é ún dos modelos máis económicos (e xa algo antigo) dentro do sector micro 4/3" así que non podemos pedirlle a luminosidade da Olympus E- EM1 que probei hai unhas semanas. E se metemos o teleconvertidor MC1,4X nótase moito máis este problema.

Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 + MC1,4X   ISO:800    V:1/640   F:9

    Aínda por riba non estou a ter sorte co tempo os días nos que decido facer este tipo de probas, todo sexa dito. Supoño que terei que reservar o duplicador para momentos con boa luz, para non irme a ISO´s tan altos por culpa dese F:9 que condiciona dabondo en cámaras de gama baixa como é a miña.

Pilro común (Calidris alpina)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 + MC1,4X   ISO:320    V:1/640   F:9

Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
Panasonic G7 + Zuiko 100-400 + MC1,4X   ISO:1250    V:1/640   F:9

 Desde logo teño claro que unha boa bridge é insuperable para certo tipo de fotografía, especialmente cando hai distancia polo medio. O xoves pola tarde daba unha volta pola ría con José Ramón Castro e na praia de San Valentín (Fene) observamos o seguinte:
  • 3 Mergullóns cristados (Podiceps cristatus)
  • 11 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
  • 15 Pilros comúns (Calidris alpina)
  • 2 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
  • + Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus)
  • 1 Gaivota escura (Larus fuscus)
  • 1 Carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)

Mergullóns cristados (Podiceps cristatus)

 Previamente en Neda J.R. puido facer esta bonita toma dun estorniño pinto (unha toma que podería ser mellor se escoitase cando lle digo que non use nunca a focal 3000 a menos que sexa absolutamente necesario.... ou con tripé).

Estorniño pinto (Sturnus vulgaris)
Nikon P1000 focal 3000 mm   ISO:560  V:1/400   F:8

  Remato informando dunha novidade que agradará moito ao meu bon amigo Cosme Damián Romay. A partir de agora é posíbel que empregue a listaxe de nomes galegos recentemente consensuada por diferentes expertos galegos para a R.A.G.. E vaia por diante que eu estaba moi cómodo coa listaxe de Miguel Conde, que levaba décadas empregando. Porén e por simple coerencia coma usuario galegofalante de ebird considero que quizá proceda usar esta listaxe, xa incluida na propia web. 

 PD: Logo do histórico debate narcexa vs becacina agora resulta que é "arceúcha" ou "aguaneta". Pois haberá que reiniciar o sistema.

4 comentarios:

  1. Respostas
    1. Non é que me faga moita graza mudar logo de tantos anos pero xa sabes que eu sempre fun moi "normativista". Unha língoa só pode ser oficial de verdade se está estandarizada en todos os eidos, non só a nível oral entre os membros da familia (como defenden os do PP e moita xente da aldea).

      Eliminar
  2. Bonito post y gracias por publicar mis cutres fotos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. De cutres nada, macho. As tuas fotos empezan a ser moi dignas para publicar ou mesmo boas. E seríano máis se me fixeras caso a todo o que che digo.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos