luns, 23 de xaneiro de 2023

Ortigueira con néboa

 O domingo voltaba á ría de Ortigueira na compaña de María Lago Gómez. Alí nos atopamos con Álvaro e Euloxio, pero tamén cun manto de néboa que cobría a ría a primeira hora da mañá.


  A maioría das anatídeas e limícolas estaban lonxe, así que pouco puidemos observar.

María Lago tentando observar algo entre a néboa

  Ao norte do peirao había máis visibilidade e desfrutamos fotografando os cullereiros (Platalea leucorodia). Para tomas de paisaxe usei a Panasonic G7 co obxectivo 14-42 mm.

grupo de cullereiros alimentándose nunha canle da baixamar
Panasonic G7 + Pana 14-42 mm  ISO:200   V:1/250   F:6,3

Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:1600   V:1/1250    F:6,2

Cullereiro común en vóo


Cullereiro común (Platalea leucorodia)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm  ISO:800   V:1/500    F:6,3

 Cando saímos do carro, María quedou abraiada coa variedade de aves que se alimentaban no intermareal. Certamente supón todo un espectáculo ver os grupos de mazaricos, biluricos, gabitas, pilros, cullereiros, garzas, garzotas ou gaivotas,... todos mesturados.


  Lóxicamente cando hai tanta xente poden xurdir problemas entre a viciñanza:

Pequena liorta entre gabitas (Haematopus ostralegus)

   Mari tamén descobría un pequeno cangrexo que saíu curiosear no muro do peirao. 

"Caparrosa" (Pachygrapsus marmoratus)

    Comentábanos Álvaro que en Ortigueira este caranguexo é coñecido coma "caparrosa". 

"Caparrosa" (Pachygrapsus marmoratus)

 Coa subida da marea (que é viva estes días) as aves comezaban a desprazarse cara zonas non asolagadas pola auga, para concentrarse finalmente nos illotes onde repousarán durante a preamar.

Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)

Limícolas subindo para O Cavalar

Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)

    Onte foi unha visita de tipo turístico, digamos. Tentei contar os pilros (Calidris alpina), a especie máis numerosa, mas foi imposíbel. Calculo que pode haber 500-700 ex polo menos. (Luis Salaverri, ún dos nosos mellores censadores, contou 1130 ex o día 2/12/2022) Si logrei contar outras cousas:

  • 2 Gansos de bico curto (Anser brachyrhynchus).
  • 488 Patos asubiadores (Mareca penelope) desde o porto con baixamar subindo, ollo. O seu número total é superior. Así "a ojímetro" imaxino que 600-700 ex este ano
  • 5 Mourelos (Melanitta nigra) dentro da ría
  • 5+ Mergullóns de pescozo  negro (Podiceps nigricollis)
  • 105 Fuselos de rabo negro (Limosa limosa), contados desde o peirao con marea a subir
  • 7 Garzas brancas (Ardea alba), idem
  • 56 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia), idem
 En fin, gostaría de ter feito un censo máis completo pero hoxe non tocaba. Vémonos no próximo post.

8 comentarios:

  1. Respostas
    1. Pena de néboa (e de falta de tempo). Noutras condicións seguro que sacaba ben os calidris, lapponica e os acuta, por exemplo.

      Eliminar
  2. Pois para considerar a saída "turística" as fotos son bastante gráficas do que aconteceu esa mañá. As aves nun primeiro momento adicáronse a buscar alimento, despois descansaron e finalmente fóronse desprazando a medida que "subía" a marea, non é así? . Dende o meu punto de vista, de afeccionada e amante da natureza, considero que había unha auténtica "festa" na ría, moita variedade e numerosos os exemplares.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non o puideches resumir mellor. A vida nos humidais estuarinos transcorre con ese ritmo.

      Eliminar
  3. Incrible como cambian os nomes dos bechos ata na propia ría.
    Ese canghrexo, que pra nós é un queimacasas, en Cariño, enfrente mesmo, é un galo do demo.
    Que linghua tan rica temos!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Temos, si. E hai que conservar todos eses termos dialectais. Aínda que é necesario dispór de nomes estándar dos bichos para poder entendernos, como acontece no léxico ordinario. Ou nos idiomas "normais". O "lagarto ocelado" terá mil nomes en Andalucía, Extremadura, León, Cataluña, La Mancha ou Madrid, pero grazas á estandarización todos os que vexan un documental de Félix Rodríguez de la Fuente entenderán qué bicho é un "lagarto ocelado". Diferenzas entre linguas dominantes e linguas sometidas, non normalizadas no eido científico.

      Eliminar
  4. Moi bo post. O caranguexo é Pachygrapsus marmoratus; coñecido coma "queimacasas" alomenos polas Rías Baixas. É de lonxe a especie máis abondosa no intermareal rochoso galego. Carcinus maenas prefire os fondos lamacentos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas, Antón, Hai un momento xa mo indicaba o propio Álvaro. O texto xa está actualizado. Graciñas.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos