domingo, 5 de febreiro de 2023

Censo de acuáticas na Lagoa da Frouseira (Valdoviño) 3/02/2023

NOTA: Logo de estudar as opinións de Rafa Loureiro finalmente decidín asumir a forma "Frouseira" coma topónimo máis correcto para denominar á lagoa e á praia principal de Valdoviño. Rafa explícao a fondo en varias entradas do seu blogue (por exemplo ésta), onde cita numerosas referencias etimolóxicas e históricas que fan pensar que "Frouxeira" foi certamente un invento moderno. Así pois, daquí en diante neste blogue empregarase Frouseira.

   Esta fin de semana teño adicación exclusiva a asuntos domésticos/persoais así que o venres aproveitaba para visitar a lagoa nas horas do mediodía, cando menos presenza mascotista hai. Inicialmente non tiña pensado ir alí e non levaba telescopio. Portanto para censar as acuáticas tiven que apañarme só cos binoculares 10x42 e co teleobxectivo da cámara. Non foi doado pero saquei unhas cifras bastante aproximadas do que había.

Panorámicas da Frouseira

 Vai a lista de acuáticas censadas o 3/02/2023 na lagoa (non inclúo invasoras):

  • 1 Cisne bravo (Cygnus cygnus)
  • + Patos cullereiros europeos (Spatula clypeata) n.c
  • 700 patos entre lavancos reais (Anas platyrhynchos) e cincentos (Mareca strepera). Poñamos que aproximadamente uns 500 lavancos e 200 cincentos. 
  • 310 Cercetas comúns (Anas crecca). Record propio da sp na localidade
  • 0 Patos mergulladores (Aythys spp). Quizá subiron ao encoro das Forcadas debido a que a lagoa está baixa estes días. Semella un pouco cedo para que marchasen en migración

Cisne bravo (Cygnus cygnus)

Cisne bravo (Cygnus cygnus) comendo Rupia/potamogeton sp

Lavancos reais (Anas platyrhynchos) en primeiro plano

Cercetas a voar logo dun rebumbio

Cercetas descansando na ribeira NW

Cercetas comúnes (Anas crecca) en voo

  • 70 Merguilletes + (Tachybaptus ruficollis) contados cos binoculares nun barrido contínuo e rápido. Este ano debeuse alcanzar o centenar de ex moi probablemente
  • 1 Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
  • 2 Galiñas de auga (Gallinula chloropus)
  • 84 Galos de auga (Fulica atra)
  • 10 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
  • 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
  • 155 Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus). Semella que comeza o paso
  • + Gaivotas grandes típicas (Larus fuscus/michahellis) n.c.
  • 5 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
  • 16 Garzas reais (Ardea cinerea)
  • 3 Garzas brancas (Ardea alba). Xa non son noticia
  • 27 Culllereiros comúns (Platalea leucorodia). Récord propio da sp na localidade. Tampouco é noticia xa o deste bicho
  • 2 Tartarañas das xunqueiras (Circus aeruginosus)
  • 1 Picapeixe (Alcedo atthis)

Galos de auga (Fulica atra) en augas abertas

Mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

Merguillete (Tachybaptus ruficollis) e mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

Cullereiros (Platalea leucorodia)

   Nesta ocasión tiven algo de sorte.  No paseo case todos os propietarios levaban o can segundo dita a lei (atado e con correa). Na praia era outro cantar. En fin...  

6 comentarios:

  1. Eu emprego Frouseira habitualmente. Os argumentos etimológicos som sólidos. Um abraço, Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Sei, Damiám. Penso que já che tenho comentado que as minhas dúvidas ían mais que nada polo tema "estratêgico" e nom tanto polo meramente etimológico (sempre me parecéu bem fundamentada a opiniom de Rafa neste asunto). Quer dizer, se procedia ou nom mudar o nome agora que já está consolidado o de "Frouxeira". Finalmente e logo de ler a última entrada adicada decidim cambiar de postura. Tendo em conta a ampla repercussom que tem "Bichos" será de ajuda para espalhar o velho topónimo reivindicado por Rafa.

      Eliminar
  2. Respostas
    1. Máis que "nova" eu diría "vella" palabra, que recuperamos todos agora. Pincha no enlace para ver a explicación que dá o Rafa, moi ben fundamentada.

      Eliminar
  3. Moi boas horas: Moi agadecido polo estudo e toma en consideración do argumentario a favor da forma FrouSeira, realmente a forma histórica falada e escrita. Dende logo eu espero, que algún día a comisión de Onomástica da Academia reconsidere esta voz e acceda a abandoar o status de furtivismo no que vive FrouSeira. Realmente o meu argumentario é fundamentalmente unha esfola de documentación literaria e histórica, pero o artigo de Álvaro Porto publicado en Estudios Mindonienses, ten, na opinión deste lego na materia, unha fortaleza lingüística incuestionable como compre a un verdadeiro sabio lexicógrafo inernacionalmente recoñecido. Álvaro, onde sexa que descanse seu espíritu, estará agora debuxando ese serio sorriso que tanto desfrutamos en vida seus amigos. O falado: moi agradecido. Razóns e argumentos non lle faltan a Frouseira. Apertiñas a todos. A mandare. Rafael López Loureiro.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Como lle dicía a Damián nunca dubidei do argumento etimolóxico, senón da procedencia do momento en que se propuña o cambio, digamos. Pero neste útlimo post terminaches por me convencer.
      Apertas, rafa.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos